A serie de privatizacións e recortes que sofren os servizos públicos na Galiza forman parte dun cadro mais global en que estamos inseridos, e que vén acelerarse coa actual crise sistémica. Os servizos públicos básicos constitúen hoxe unha das pezas mais codiciadas pola axenda do grande capital e os oligopolios, que perante a caída da sua taxa de beneficios ollaron cara os sistemas públicos de saúde e educación como sectores económicos que movían multimillonarios recursos e que estaban maioritariamente fora do seu control e lucro.
A nivel internacional, esta intención ten reflexo en moitas das medidas e informes elaborados nas institucións da Europa do capital. Podemos citar como paradigmática a nivel global a Directiva Bolkestein, aprobada na súa redacción final en novembro de 2006 tras un longo percorrido. Pretendía abrir para o mercado a totalidade de sectores económicos, eliminar as proteccións sociais e potenciar o dumping social coa cláusula do “país de orixe” e o “libre estabelecemento”, o que permitiría a empresas con sede en estados de menor protección social actuar saltándose a lexislación de estados con maiores niveis de protección aplicando a do país de orixe, e permitindo estabelecerse en calquera estado sen que este puidese regular moitas das súas actuacións. Tras unha longa loita conseguironse melloras parciais, excluíndose os “servizos sociais de interese xeral”, isto é, só parte dos servizos públicos, mais con unha falta de regulación que global deles, ou a exclusión do principio de país de orixe, mais non total, o que permite a aplicación caso por caso, chegando moitos casos aos tribunais europeos.
Ante a imposibilidade dun desmantelamento global e de unha soa vez do sistema de servizos públicos e protección social, as institucións europeas e o grande capital aplícanse ao desmantelamento progresivo e de maneira parcial de cada vez maiores partes do sistema, para manteren a ficción dunha non-privatización, mais que en realidade vai cedendo cada vez maiores cuotas ao mercado e diminuíndo o sector público, até o converter en asistencialista, obsoleto, ineficiente e ineficaz, para así xustificar a desexada total privatización á opinión pública.
Podemos ver exemplos gravísimos disto na sanidade pública na Galiza. De servizos integrados no Sergas e persoal pois público, pasamos á cada vez maior externalización de moitos destes servizos. A versión avanzada destes proxectos son os chamados PFI que pretende aplicar o goberno Feijoo para os novos hospitais de Vigo e Pontevedra. Trátase dun modelo vendido como pretendidamente “moderno”, mais xa implementado tanto en Inglaterra por laboristas e consevadores como en CCAA españolas gobernadas polo PP (Madrid, Valencia). Neste modelo o hospital trátase dunha infraestrutura privada que a sanidade pública aluga por unha taxa anual, e onde moitos dos servizos son xestionados pola empresa privada dona do hospital: no caso de Vigo, por exemplo, isto incluiría todo o seguinte: . Un modelo fracasado, que é mais caro e dá peor servizo, incrementando tempos de hospitalización e infeccións ao reducirse persoal de limpeza ou enfermería. Os únicos beneficiados son as contas de resultados das grande empresas construtoras e de servizos sanitarios privados, no entanto os cidadáns pagan as consecuencias. E esta deriva continúa con servizos como analíticas de sangue ou mesmo o servizo de radioloxía, como acontece no hospital do Barbanza. E isto quérese extender ademais aos centros de saúde, onde a conselleira de Sanidade Farjas laiábase nunha entrevista da dificultade de os privatizaren, xa que as concesionarias “non lles vían beneficio”.
Na educación pública podemos ver tamén estes exemplos: ataques aos empregados públicos, via a redución do seu número e o incremento do horario lectivo: non se cobre a taxa de reposición e aprobouse un aumento do horario lectivo na Educación Infantil e Primaria. Tamén o ataque aos “servizos complementares” como os servizos de comedor, afogados economicamente e moitas veces sostidos só co esforzo voluntarista das ANPA’s: vimos como recentemente en Rois o alumnado tiña que comer bocadillos. Tamén no ensino superior as Universidades galegas víronse afectadas: como síntoma, a aínda planificada primeira residencia pública da Coruña, que quere agora ser concesionada ao sector privado. Continuamos ademais cun financiamento universitario que segue a ser insuficiente e moi lonxe da media da UE, e onde ademais Xunta ten previsto incrementar o peso das taxas cobradas aos estudantes até supor un 20% do total, o que levaría a triplicar as taxas pagas, baixo o falso argumento da “equidade”.
Un dos aspectos positivos que apresentou a xestión do BNG no paso polo goberno, aínda así con eivas e erros importantes, como era a creación dun sistema nacional de servizos sociais, foi albo tamén dun agudo proceso de desmembramento e desmantelamento: extinción do Consorcio, desprendemento da parte pública de Sogaserso (só o 49%, estando o 51% nas maos das caixas de aforro galegas), e ataques aos servizos de dependencia: privatización dos servizos de día, a extinción das oficinas de I+B creadas co seu persoal asociado, ou a conversión das galescolas en “galiñas azuis” que levou á expulsión de traballadores pendentes da estabilización laboral que estaba a acometer con retraso a anterior Vicepresidencia.
Vemos pois como estamos perante un proceso perfectamente planificado que ten orixe non nas escusas do recorte do gasto pola crise, se non nun plano de acción preparado para acelerar ou diminuír o seu ritmo conforme as circunstancias sociais e políticas. Nestes momentos toca pisar o acelerador da privatización coa escusa do “exceso de gasto” e a “necesidade de recortar o défice”: como na globalidade da sociedade, será a correlación de forzas entre as clases populares e os oligopolios e o capital trasnacional, entre o capital e o traballo en definitiva, o que definirá a intensidade e aplicación ou non de cada unha das medidas que os poderosos pretendan acometer contra nós. É pois momento de resistir contra estas medidas, paralas, e mesmo ir avanzando na construción e afortalamento duns servizos públicos básicos que garantan a universalidade, a gratuidade e a igualdade de acceso a toda a poboación. Das nosas forzas depende, na nosas mans está o futuro.