Data: xullo de 2017
Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde o movemento nacionalista temos que ir dando para fortalecermos a alternativa soberanista, no camiño da independencia e o socialismo.
Neste ano o Estado español afronta o maior desafío ao réxime xurdido en 1978 co proceso independentista catalán e o seu referendo de autodeterminación, axendado para o 1 de outubro, de aí que dediquemos a entrevista central a analizarmos este proceso na voz dun destacado dirixente sindical de Catalunya, Carles Sastre. A outra entrevista é para outro conflito — un dos máis antigos do país — que remite directamente para ese rexime decrépito e depredador: a loita pola preservación do territorio e por unha economía sustentábel na ría de Pontevedra. Unha ría sen ENCE-ELNOSA e sen o seu modelo de negocio, que impacta en toda a xeografía galega na medida en que promove o monocultivo do eucalipto — cuestión que analisamos noutro dos artigos, que procura responder a unha pregunta chave que poucas persoas se fan: que monte e, por extensión, que medio rural queremos?
Igualmente, como sempre, debruzámonos sobre outras das necesidades urxentes para avanzarmos como movemento e como país, desde esa que afirma, con razón, que non hai país sen medios propios para contalo e explicalo, até cuestións tan fulcrais como o redobrado ataque ás liberdades públicas nun rexime que procura acalar as voces disidentes que procuran a súa ruptura. Ademais, continuamos a poñer o foco sobre outras cuestións punzantes de actualidade, como anormal normalización da mercantilización do corpo das mulleres a través dos ventres de aluguer ou da prostitución, ou como o carácter estrutural da corrupción que cada día salfere os medios de comunicación até case a normalizar. Por último, as habituais recomendacións culturais completan este novo número do Arredista.