O rural e o monte galegos, urxencia e desenvolvemento

O incendio do mes de xuño en Pedrógão Grande tivo grande impacto para todas nós. Os paralelismos no rural a unha e outra beira da raia (despoboamento, abandono, monocultivo de especies pirófitas,…) provocaron que, de súpeto, nos preguntásemos se unha situación semellante podería darse aquí. Máis aló dos lugares comúns tan habituais nas situacións catastróficas, o certo é que o rural galego e, en particular, o monte, precisa de alternativas con urxencia que palíen a situación de caos que nos últimos corenta anos se fixo ben patente.

É difícil planificar solucións a curto prazo para un feito que é estrutural. Porén levamos demasiado tempo instalados nunha política consistente en evadir responsabilidades e polo tanto é hora xa de feitos concretos que poñan as bases do rural que queremos no futuro. O primeiro paso é cumprir e facer cumprir a lexislación vixente. A Xunta de Galiza é a responsable de que se respecte o disposto na Lei de Montes sobre as faixas de xestión, as distancias e as novas plantacións, en especial as que se refiren a especies pirófitas. É imprescindible que a planificación contra incendios se leve a cabo antes dos meses de maior risco, e que se executen labores preventivas durante o inverno e primavera. Non é razoábel que nun mes de xuño tan caloroso coma o do ano 2017 seguiran a concederse permisos de queima.

Tendo en conta que se vai seguir precisando un dispositivo contra incendios, é esixible un sistema de extinción completamente profesionalizado, dotado dos correspondentes medios que garantan a seguridade e a operatividade desde unha xestión completamente pública, evitando que haxa empresas que fagan negocio a conta do lume. Ademais o operativo debe garantir eficacia, salvando o actual caos nas asignacións de brigadas e as dependencias destas de administracións diversas. Abonda de propaganda institucional a favor do exército apelando a unha UME que non ten arte nin parte no dispositivo final.

Con todo, a loita contra o lume é unha tarefa a medio e longo prazo. O maior problema que enfronta o mundo rural é o despoboamento. Detrás del está o troco nos usos e tamén o masivo abandono que se vén producindo nos últimos anos. É fundamental unha política eficaz que garanta verdadeiramente a vida das persoas no rural. Isto non se consegue con propaganda nin con axudas mal orientadas. Habitar no rural require equiparalo en servizos co ámbito urbano. Pero, ademais, vivir no rural require que as actividades das persoas que deciden traballar nel obteñan renda suficiente e un nivel de vida homologable a outros ámbitos e sectores. O rural non é un soño; é unha realidade económica, social e ambiental que precisa de garantías políticas que eviten a competencia desleal nos prezos, que melloren a transparencia dos mercados, que valoricen as actividades e os produtos obtidos, porque detrás deles hai persoas.

É urxente ordenar o territorio tendo en conta as novas actividades e as persoas que as realizan nel, non só dun punto de vista económico, senón tamén dun punto de vista ambiental e social. O rural que queremos é aquel do que temos conciencia entre todas. Ordenar o territorio significa determinar os usos preferentes que eviten esquilmar recursos, que afonden na sustentabilidade das actividades agrarias e que permitan un desenvolvemento local axeitado ás necesidades das persoas que viven nel.

Necesítase intervir na propiedade. Evitar o actual caos vai requirir tempo. A incidencia do abandono vai parella á perda de superficie e tamén do coñecemento da propiedade, feito que limita ou ralentiza calquera uso que as persoas do rural pretendan. A reducida dimensión así como a distribución dos predios imposibilita a súa xestión. Calquera iniciativa para mudar a realidade forestal pasa polo agrupamento (de parcelas e propietarias), con ferramentas que posibiliten a xestión das superficies desde un punto de vista mancomunado outorgándolle un rendemento máis racional e eficiente.

Non debe esquecerse tamén a planificación dos aproveitamentos. Tense falado moito da proliferación de especies foráneas que fan do monte un perigo. É necesario racionalizar o seu cultivo, eliminando e evitando novas plantacións de especies que sobran. Hai eucalipto en exceso e está mal xestionado. A produción por hectárea sobrepasa a demanda e está a tirar cos prezos. Debe reducirse a superficie adicada a el, tamén porque os excesos de oferta levan ao abandono das superficies cos perigos inerentes. Sumado a isto convén deseñar industria de transformación dos recursos forestais con máis dunha finalidade. Para isto cómpre unha planificación industrial que permita aproveitamentos do monte como madeiras de calidade, de ciclos máis longos, cogomelos, pequenos froitos, gando, recursos paisaxísticos e ambientais, etc.

O monte non debe producir só madeira de trituración; non podemos renunciar a un recurso que nos facilitaría unha construción moito máis sustentable. É por iso que na industria de transformación debera pensarse tamén na madeira como elemento estrutural de calidade, con menor gasto enerxético e máis limpo ca outras materias construtivas como aceiro ou formigón.

É imprescindible dignificar o rural en xeral e o monte en particular: precísase visibilización e coñecemento das súas actividades económicas, pero tamén daqueloutras cuestións relativas ao clima, a biodiversidade e ao patrimonio histórico e inmaterial que contribúen de xeito eficaz á conservación e posta en valor dos recursos propios. Debe pensarse na educación dos temas rurais coma un contido transversal na educación, pois del proceden os alimentos pero tamén multitude de recursos do cotián. Cómpre incrementar o coñecemento das actividades para o conxunto da sociedade dignificando todo o capital material e simbólico contido no rural galego. Unha cidadanía consciente é o mellor activo para o progreso e corrección dos desaxustes que unha política suicida de abandono e caos territorial trouxo estes anos. Tan só desta maneira conseguiremos trocar anos de xestión nociva para o rural e tamén os gobernos que a sustentan.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde