O constante ataque ás pensións públicas

O motivo polo que, de maneira permanente, se pon en dúbida a viabilidade do sistema público de pensións obedece a unha lóxica natural e propia do sistema en que vivimos. O capitalismo exerce unha presión constante sobre todos aqueles dereitos que ao longo da historia, a clase traballadora conquistou con innumerábeis loitas, coa esperanza de asegurarse unha vida digna. As pensións públicas fan parte das mesmas loitas que no seu tempo histórico fixeron posíbel termos hoxe dereito a vacacións, a unha xornada de traballo máxima e regulada, a negociar os nosos convenios colectivos, á protección da nosa saúde e á asistencia sanitaria, a unha educación pública ou a todas aquelas proteccións que nos amparan limitadamente fronte ao desemprego, etc. Todas estas conquistas experimentan o mesmo acoso e ataque que as pensións, e todas elas están permanentemente en perigo por esa natureza depravada de acumulación que explica a xénese irreversíbel do capitalismo. Trátase do reparto e distribución da riqueza e do resultado actualmente desigual na relación de forzas entre capital e traballo; da loita de clases.

Cando falamos das pensións asumimos o discurso potente e aniquilador que hai máis de trinta e cinco anos inaugurou o poder, gobernando daquela o PSOE con Felipe Gonzalez como presidente do goberno. Todo este discurso reproducido e amplificado obsesivamente polos medios de comunicación propaga a idea de que o sistema de pensións públicas non é sustentábel, que os ingresos por cotizacións non suportan os gastos, e que o futuro do sistema está practicamente en quebra. Toda esta alocución poderosa e sistemática pretende someter a resistencia da clase traballadora a todas estas reformas, levándoa a aceptar que, se renunciar progresivamente a grande parte das súas coberturas, ficará algo que poida salvar do naufraxio, aínda que iso signifique pensións asistenciais mínimas e de pobreza extrema.

Pero esta versión apocalíptica fai parte de toda esa estratexia de ataque ao público, que neste caso vai de transferir a riqueza que capitalizan as pensións públicas aos fondos privados asistidos polos bancos e aseguradoras. Temos que saber e temos que transmitir que o sistema de pensións públicas non é deficitario, que sobran recursos e ingresos que o Estado deliberadamente non transmite ás pensións, como o IRPF que os e as pensionistas pagan á Facenda — que, por exemplo, no ano 2017 superou os 9.000 millóns de €, e que nos últimos dez anos se eleva por cima dos 70.000 millóns. Por que este diñeiro que corresponde ás pensións non se reingresa na Seguridade Social para o mesmo fin?

O resultado destas campañas alarmistas difundidas en grandes titulares nos medios de comunicación en todos estes anos crea un estado de opinión que estimula a contratación de  fondos privados. O cadro de evolución destes fondos no tempo mostra de xeito significativo o resultado: a multiplicación exponencial dos mesmos. No ano 1990 o total destes fondos era de 320 mil, no ano 2000 de 3’5 millóns e no ano 2017 supera xa os 8 millóns. Pero aínda máis insolente é a decisión de alimentar publicamente estes fondos con desgravacións fiscais, polo que o Estado deixa de ingresar máis de 4 mil millóns de euros por ano — que poderían e deberían ingresar na caixa das pensións públicas.

Outra decisión política nada inocente e que lesiona os ingresos públicos é a indulxencia con aqueles e aquelas que cobran salarios superiores aos 3.500€ por mes. A partir desta cantidade non se cotiza á Seguridade Social. Mais convén porlle rostro a estes beneficiarios porque son aqueles con responsabilidades nas direccións das grandes empresas, bancos, grandes bufetes de avogados, etc.; que traballan directamente para o capital e que totalizan unha cifra próxima de 1’6 millóns de persoas, acaparando o 23% da riqueza total da clase traballadora que no Estado supera os 19 millóns de ocupados. Por esta xenerosidade condescendente, o Estado deixa de ingresar unha cifra superior a 2 mil millóns de euros cada ano, furtando este capital — como non? — ás pensións públicas.

Por outra parte, a historia das reformas que ciclicamente veñen atacando as pensións non ten nada de novidoso; o argumento é sempre o mesmo e non importa que partido gobernar: sempre recorre ao incremento na esperanza de vida e ao desequilibrio financeiro entre ingresos e gastos. Non nos paramos a pensar que, como dereito que non nos regalaron, calquera défice debe ser compensado cos ingresos ordinarios do Estado. E, así, aceptamos que se poida gastar na Casa Real; na igrexa católica; en orzamento do exército e armamento como se tivesemos unha ameaza permanente de guerra; en fundacións franquistas; en bonificar contratos precarios temporais e parciais cando, ben ao contrario, deberían estar penalizados; en axudar os corsarios da banca e darse o luxo indecente de modificar o imposto de sociedades para que, por exemplo, nestes últimos dez anos estas entidades — obtendo uns beneficios brutos por riba de 80 mil millóns de euros —, non pagasen un céntimo á Facenda, etc. Pero contabilízase severamente que o Estado deba compensar de maneira extraordinaria algunha cantidade para as pensións.

Cada reforma en que son atacados os dereitos sociais, ben sexan as pensións, ben a sanidade, o ensino público, as prestacións por desemprego, as reformas laborais, etc; vén precedida dunha campaña agresiva en que colaboran acompasada e incondicionalmente os medios de información do sistema, e nas que podemos observar a participación dos sindicatos CC.OO. e UGT; desacreditados por tanto para calquera solución digna na defensa das pensións.

A primeira reforma das pensións aprobada en 1985 polo PSOE elevou o tempo para calcular a pensión dos últimos 2 anos a 8, e de 10 a 15 anos para ter dereito á mesma. Non agardarían demasiado para voltar reformalas, e en 1997 o PP en alianza co PSOE, os empresarios e CC.OO. e UGT decidiu elevar os anos para o cálculo de 8 a 15. Golpe tras golpe volven ser reformadas cos mesmos interlocutores no ano 2011, esta vez con máis dureza, elevando todas as referencias para acceder ás pensións e reducindo a súa cantidade, pasando de 15 a 25 anos para o cálculo e de 65 a 67 anos de idade para o acceso, aplicando aínda un “factor de sustentabilidade” para o 2027. O PP decidiu despois adiantar este factor para 2019 na última reforma do 2013 e deixar sen efecto a revalorización anual do IPC, aplicando apenas 0,25%.

O resultado de todas estas reformas foi que a cobertura das pensións se reduciu sensibelmente. No caso galego eleva o número de pensións inferiores ao salario mínimo a preto do 60% — no Estado esta cifra representa o 44% —, porcentaxe que se irá incrementado polo efecto de aplicación directa dese factor de sustentabilidade que reducirá a contía das  pensións cada ano polas variábeis de corrección que aplicará o goberno. En total unha rebaixa nunha porcentaxe non inferior o 0,5%.

Pero, distintamente das reformas directas que afectan as pensións, outro factor que impacta na cobertura das mesmas son as brutais reformas laborais que atacaron o mundo do traballo, e que tanxencialmente afectaron o réxime de contratación, máis precario, temporal e parcial, con menor defensa ante os despedimentos e cunha impunidade absoluta das empresas para multiplicar a fraude nas xornadas de traballo e nos salarios, permitindo non aplicar os convenios colectivos, conxelalos indefinidamente ou mesmo reducir os salarios por modificacións substanciais das condicións de traballo ou vía convenios de empresa.

De maneira especial, a reforma laboral do ano 2013 aplicada polo PP está a ter un efecto demoledor nas rendas da clase traballadora e, por defecto, nas pensións. Os salarios totais da clase traballadora desde o ano 2008 a 2017 — tendo nestes dous anos o mesmo número de ocupados e ocupadas — descendeu en 24 mil millóns de euros por ano, e en consecuencia, a cotización á Seguridade Social caeu en 9 mil millóns de euros. Por tanto a pobreza nos salarios suporá pensións menores, sen esquecer a caída de anos de cotización polo efecto da precariedade dos contratos e pola incorporación tardía da mocidade ao traballo. Unha proxección a vinte anos con todos estes indicadores xa desvela un futuro de pobreza no que as pensións inferiores ao salario mínimo constituirán preto do 70%. Dificilmente as pensións dos nosos maiores nese tempo poderán ser suporte económico e de auxilio vital ante eventuais situacións de crise e masivo desemprego como as que vivimos recentemente. Que sociedade nos agarda se non modificamos esta tendencia á pobreza absoluta?

Correspóndenos dar resposta a estas criminais reformas que nos deixan sen esperanza. Sabemos que enfrontamos un sistema que non deixa de se apropiar da riqueza que pertence á clase traballadora; e sabemos que a loita de clases como constante e resultado pode alterar o estado de indefensión que estamos a vivir. O capital non ten punto de inflexión e non cesará na expropiación dos nosos dereitos. Transmitamos o contraste da realidade, deixemos en evidencia as mentiras coas que protexen as súas reformas e leis, e sobre todo preparémonos como clase para transformar o noso futuro e o de todas as persoas que queremos unha vida digna. Nós, as galegas e os galegos sempre enfrontamos a Historia; o noso pobo debe ser protagonista no desenlace histórico.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde