Entrevista a Xavier Vence

Galiza podería evitar a privatización da caixa poñendo cartos públicos

A finais de 2010 comezaba a operar Novacaixagalicia, entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

Xavier Vence, catedrático de Economía da Universidade de Santiago, analiza a relevancia destas entidades para Galiza e advirte das consecuencias que terá a súa máis que previsíbel privatización. O economista asegura que o camiño percorrido nestes últimos anos non é resultado da crise, senón que estaba perfectamente planificado e contou coa complicidade tanto do poder económico como político.

Que significan as caixas, agora Novacaixagalicia, para Galiza?

As caixas non teñen propietarios e non reparten dividendos. Para Galiza son importantes porque sosteñen, en forma de crédito, o tecido de pequenas e medianas empresas do país –o 70-80% das PEMES teñen as súas liñas de crédito coas caixas- e porque os seus beneficios son investidos en obra social que reverte no conxunto da sociedade. No ano 2007, as caixas galegas destinaran o 43% dos beneficios a obra social, Caixa Galicia, e o 35% Caixanova. NCG manexa aproximadamente o 42-43% dos depósitos dos galegos e concede máis do 55% dos créditos.

 Tamén é un instrumento de apoio financeiro, tanto para a Xunta como para os concellos, que recorrían ás caixas cando tiñan problemas de financiamento. Algúns dos programas de investimento que ten a Xunta, como os plans de capital risco que manexa o IGAPE, están en parte financiados con recursos das caixas.

O FROB estabelece as bases para a reorganización e reestruturación do sistema financeiro español, que no caso das caixas pasa pola súa fusión. O obxectivo teórico é garantir a súa solvencia. Cal é o obxectivo real?

 As caixas están no punto de mira da banca, en todo o mundo, desde hai anos. En EEUU acabaron con elas nos anos 80; no Reino Unido na época Thatcher e Major e en Italia nos anos 90. Nesa mesma década, Rafael Termes, presidente da Asociación Española de Banca, pronunciouse a prol da súa privatización e bancarización, pero non se daban as condicións. Na década do 2000, cando as caixas chegaron a controlar máis do 50% do negocio financeiro de España, e mesmo comezaron a comprar bancos, a banca decidiu acabar con elas. Os seus obxectivos son dous: facerse coa súa cota de mercado e chegar a novos ámbitos de investimento, para incrementar así os seus beneficios.

O FROB é consecuencia desa decisión da banca?

En 2006 a Fundación de Estudios Financeiros elabora un estudo no que participaron consultoras especializadas, representantes da banca, dalgunhas caixas –incluída Caixa Galicia- e dos dous grandes partidos, PP e PSOE, ademais de algúns expertos independentes. Nas recomendacións, presentadas por Miguel Ángel Fernández Ordoñez (Gobernador do Banco de España) en 2007 -o que demostra que a reestruturación das caixas non é consecuencia da crise, senón que estaba perfectamente perfilado de antes-, sinálase que cómpre reestruturar as caixas e promover procesos de fusión, prioritariamente interautonómicos, polas complementariedades que hai entre as redes de caixas e para reducir a presenza e o peso que teñen as comunidades autónomas no sistema financeiro, para finalmente dar entrada ao capital privado co obxectivo final de conseguir a súa bancarización. Ao final plásmase no FROB, que se negociou durante moito tempo entre o Banco de España e os dous grandes partidos, pero que non se aproba até 2009.

Como se entende o papel xogado polo PP e polo PSOE ante a fusión das caixas galegas e agora a bancarización de NCG?

Os dous partidos estatais asumiron que se trataba dun tema que se levaba desde Madrid e durante a campaña electoral de 2009, Feijóo nin o menciona. Só o BNG fala das caixas e da necesidade de reformar a Lei para comprometelas máis co país. Tras das eleccións autonómicas apróbase o FROB no Congreso co apoio do PP e do PSOE e Feijóo segue sen dicir nada. Cando se comeza a valorar a posibilidade de fusións interautonómicas en Galiza iníciase un movemento de oposición pola posibilidade de perder o control de unha ou das dúas caixas. Despois do verán Feijóo vese forzado a pronunciarse, pola presión do nacionalismo e da Voz de Galicia, que tamén se opón porque non quere perder da Coruña á súa nodriza, porque o seu medre foi posíbel grazas á xenerosidade do Méndez. Feijóo chegou ao poder grazas á Voz de Galicia, así que debíalle unha. Por iso, contra o seu posicionamento inicial, e seguindo os ditados da Voz, aposta por unha fusión liderada por Caixa Galicia. A mellor forma de dobregar a unha das caixas era a Lei que o BNG presentara no Parlamento, por iso a apoiou, non porque lle interesase en absoluto a inspiración da Lei, senón porque era unha ferramenta que podía utilizar sobre Caixanova para obrigalos a aceptar o liderado de Caixa Galicia.

O PSOE manifestou a súa oposición á Lei de Caixas alegando que favorecía a politización das entidades…

As caixas en Galiza nunca tiveron o control político que podía ter Caja Madrid ou a Caixa de Valencia. Gozaron dunha grande liberdade e mesmo dun grande poder sobre o poder autonómico e desde logo sobre o municipal. O negativo é que se converten nun instrumento dun partido político determinado, xa que hai que distinguir o que é control institucional e democrático das caixas da partidización. Outro tema é como deba ser a representación, e coido que tal e como quedou na Lei que se aprobou finalmente en Galiza ía na boa dirección porque o Parlamento tería capacidade para nomear as persoas que representan o interese xeral dentro da caixa pero sen ser directamente representantes partidarios.

Menos de dous meses despois de comezar a operar a entidade resultante da fusión apróbase o RD Lei que as aboca á súa definitiva bancarización.

O Banco de España foi dosificando os pasos para conseguir o seu obxectivo final, rompendo así as resistencias que podía haber á bancarización. Conseguiu primeiro que das 45 caixas que había no Estado español se pasase a 17 ou 18, rompendo en moitos casos os vínculos tradicionais de cada caixa co seu entorno, coa súa comunidade e que moitas

delas optaran pola vía dun SIP bancarizándose xa nesa fase. Para as que quedaron estabeleceu unha serie de requisitos de capitalización que só se poderían cumprir incorporando capital privado. A capacidade de resistencia é moito menor e a maior parte das caixas xa están na lóxica de bancarizarse. Esta estratexia para os propios executivos das caixas non é mala porque pasarían a ter moito maior poder e autonomía, ao non depender das súas comunidades autónomas.

A ministra de Economía, Elena Salgado asegurou que as caixas que non cumpriran eses requisitos serían nacionalizadas. Que significa isto?

Sería unha nacionalización para a súa posterior privatización. O FROB entra con carácter temporal para sanealas e logo vendelas a investidores privados, a fondos, a bancos… É unha nacionalización perversa porque supón asumir algunhas perdas cos recursos públicos pero non para manter logo o control público da entidade.

Con que obxectivo ofrece Zapatero as caixas en Qatar, China…

O crecemento económico de España, desde o ano 95 en diante, e logo coa entrada no euro, foi financiado, sobre todo, con endebedamento externo, para alimentar, fundamentalmente, a burbulla inmobiliaria. Agora ten dificultade para financiarse no exterior e, en consecuencia, para devolver os créditos, e non ten capacidade de negociación nos mercados internacionais nin máis empresas públicas que privatizar, máis alá de AENA ou Loterías. Por iso, o que está ofrecendo son as caixas, para que entre capital exterior na economía española.

Queda aínda algún mecanismo que evite a privatización e, polo tanto, a perda de NCG?

O Banco de España obriga as caixas a dotárense dun core capital do 10% para forzar a entrada de capital privado, pero ese requisito podería ser cumprido por outra vía, a do capital público. Galiza podería garantir que a caixa seguise actuando con criterios de caixa e mesmo de banca pública, ao servizo do tecido empresarial e das institucións do país, para acompañar o investimento público da administración, poñendo ese capital entre a Xunta, as deputacións e algún concello. O modelo de participación do goberno autonómico sería o alemán. En Alemaña hai máis de 400 caixas, unhas municipais e outras dos landers e o seu capital é posto polos gobernos respectivos.

O camiño cara a privatización

FROB: O 26 de xuño de 2009 o goberno Zapatero aproba, co apoio do PP e a oposición do BNG, o Real Decreto-Lei 9/2009 para a restruturación bancaria e o reforzamento dos recursos propios das entidades de credito. Nace así o Fondo de Restruturación Ordenada Bancaria (FROB), cunha dotación de capital a cargo dos orzamentos do Estado destinada a rescatar con cartos públicos ás entidades financeiras en crise. Obriga ás caixas a fusionarse.¶

Lei de Caixas: O 30 de decembro de 2009, BNG e PP aproban a nova Lei de Caixas, a iniciativa da organización nacionalista, que favorece o control democrático destas entidades, maior transparencia na súa xestión e o apoio efectivo ao tecido produtivo galego. A Lei promove a fusión entre as entidades galegas.¶

LORCA: O Real Decreto Lei 11/2010 de 9 de xullo, de órganos rectores de goberno e outros aspectos do réxime xurídico das Caixas de Aforros, introduce unha serie de reformas na LORCA, que coliden coa nova Lei de Caixas que vén de aprobar o Parlamento de Galiza.¶

Recurso contra a Lei de Caixas: O 5 de febrero de 2010, o goberno ‘socialista’ recorre a Lei de Caixas perante o Constitucional por considerar que é excesivamente ‘intervencionista’.¶

Modificación da Lei de Caixas: O 2 de setembro de 2010 o Consello da Xunta aproba un proxecto de Lei que modifica a Lei de Caixas recén aprobada nun dos aspectos recorridos polo Goberno Central ante o Constitucional, en concreto no referido á renovación dos órganos.¶

Paralización da Lei de Caixas: PP e PSOE aproban o 14 de setembro de 2010, coa oposición do BNG, a modificación de urxencia da Lei de Caixas, que implica a paralización da aplicación da norma 3 anos.¶

Novacaixagalicia: O 1 de decembro de 2010 comeza a operar esta entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova. PP e PSOE aproban no Parlamento de Galiza o protocolo de fusión, que rexeita o BNG.¶

Plan de reforzamento do sector financeiro: Apróbase o 18 de febreiro de 2011 para, teoricamente ‘recapitalizar’ o sector. Estabelece un mínimo de capital principal do 8% para bancos e do 10% para caixas e o seu obxectivo ‘teórico’ é “reforzar aínda máis o nivel de solvencia do sistema financiero… e contar coa confianza dos mercados”. Obriga ás caixas a acudir ao capital privado se queren sobrevivir, ou sexa, a bancarizarse.¶

O Estatuto de Autonomía: O artigo 30.5 estabelece que as caixas de aforros son competencia exclusiva de Galiza.¶

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde