Na provincia de Pontevedra ven de vivirse un dos conflitos laborais máis importantes dos últimos anos, tanto pola súa dimensión en número de traballadores e traballadoras, como pola súa potencialidade á hora de mobilizar.
Foron vinte e tres dias de folga, logo dos cales desconvocouse o paro polo descolgue das outras dúas centrais sindicais. Por esta razón valorouse facer un receso coa intención de recuperar a unidade sindical e recuperar forzas para voltar á loita por un un convenio digno. Reunímonos con Antolín Alcántara e Serxio Fontanes, militantes do Movemento Galego ao Socialismo, que nos contan as súas valoracións e perspectivas sobre este importante conflito.
Cales foron os motivos que deron orixe á folga?
Serxio Fontanes: Fundamentalmente dous aspectos. Primeiro, a contención salarial acordada pola CEOE en todo o Estado, é dicir, incrementos sobre IPC ou inferiores a IPC, unha orde que seguiron evidentemente todas as patronais. O outro é a contratación no sector naval, que está a sufrir agora mesmo unha segunda reconversión, como é a entrada de traballadores que non son do convenio provincial substituindo os traballadores de aquí.¶
Como se explica a intransixencia da patronal ante as demandas dos traballadores, que está a alongar tanto tempo o conflito?
SF: A explicación -despois de tantos dias que supuxeron perdas para a sempresas que superan o aumento salarial demandado polos traballadores- é a destruccióin da dinámica de loita da clase obreira que neste caso é excepcional, e que pode marcar o camiño a outros convenios e sectores.
Antolín Alcántara: Explícase pola estratexia dos empresarios de aproveitarse da crise para cargar sobre os salarios dos traballadores as súas consecuencias. Entón o peche de filas de xeito uniforme de toda a patronal trasladouse ao convenio provincial, porque é o convenio mais duro que ian enfrontar na negociación colectiva este ano. E estamos convencidos de que hai unha actitude política nesa decisión, de non transixir e non ter nenguha excepción no convenio provincial polo isto que significaría.
Fálase do valor, xa non só económico senón tamén simbólico, do conflito do metal na provincia de Pontevedra. Pensades que o que está en xogo son moito mais que cartos?
SF: Dende logo, bastante mais. Cunha vitoria dos traballadores quedaria en entredito a posición da patronal, seria un éxito da clase obreira e non se entendería que no estado español se estean asinar convenios do 0,7% e aquí se asine un 3% ou un 4%.
AA: Está en xogo moitísimo mais que o incremento de salarios; a forma de negociar, onde os traballadores do metal de Pontevedra teñen recoñecida e xa aceptada unha formula de participación onde os traballadores deciden, e isto é o que queren modificar os empresarios. Unha actuación dos traballadores que implica esa participación, implica tamén mobilización, que é o que pode exlicar por que no metal da provincia de Pontevedra a mobilización é tan aceptada e tan apoiada polos traballadores do sector.
Como interpretades o papel das forzas represivas na folga?
SF: O papel das forzas represivas é un papel no que o goberno español -do mesmo xeito que fixo o goberno da Xunta- decide tomar posición política diante do conflito. O goberno do estado español decidiu intentar acordonar e restrinxir toda a mobilización, todo movemento dos traballadores durante todas as mobilizacións e a todas horas, de xeito que non pudera producirse nengunha ocupación de edificios públicos ou ningun movemento a maiores do que puidera ser comunmente aceptado coa mobilización diaria nas rúas e iso provocou uns enfrontamentos tan duros como os que vivimos, con cargas policiais completamente brutais e indiscriminadas.
O nivel de solidariedade, conciencia de clase e capacidade de loita do metal en Pontevedra non ten agora mesmo parangón en Galiza nin no conxunto do Estado.
Como se chegou a esta situación e cal foi o papel da CIG para conseguir ter un sector tan forte e mobilizado?
AA: A explicación é que a CIG é sindicato maioritario no metal e impón un modelo sindical diferente, ese modelo de participación, que discute todos os puntos do convenio, que elabora os anteproxectos de maneira activa coa participación da xente. Iso promove tamén a mesma resposta, e nesa contradición móvense CCOO e UGT que non aceptan esa lóxica porque non corresponde ao seu propio modelo. Polo tanto até agora nos anos anteriores viñeron ao carón da CIG pero este ano a súa táctica foi poñer moitas condicións, moitísimas dificultades e incluso facer movementos contarios á propia dinámica da folga, que dalgún xeito provocaron un desenlace distinto ao que prevíamos, unha parada para que o conflito se volva reiniciar. É algo que temos que pactar de maneira concreta con eles, que a partir de agora as mobilizacións se darán de tal maneira que non poda haber ningún tipo de imprevisto nin de descolgue por parte de nengunha central sindical, polo menos iso é o que imos intentar.
SF: A unidade deste sector dende anos atrás supuxo moito traballo por parte da nosa central sindical, un traballo asambleario en cada empresa onde se informa e se participa e se toman decisións colectivamente.
É moi importante na diversidade deste sector transmitir, unificar, debater coa xente nas empresas, facelos participes e tendo eles a ultima palabra sen tomar decisións por riba. Esta dinámica é a que fai que o metal sexa agora mesmo un referente.
Como xulgades o papel que está a xogar a administración autonómica, encargada de mediar no conflito?
AA: Desde o primeiro momento xogou un papel contrario aos intereses dos traballadores posicionandose frontalmente contra eles, manifestando que non era tempo de conflito, que non era tempo de demandas, e polo tanto dándolle á patronal mais azos, mais razóns para soster o conflito, en sintonía co que son as demandas do capital e da propia CEOE. A Xunta xogou a iso, xogou a incriminar os traballadores das mobilizacións e xogou a desactivar o conflito.
Fálase cada vez mais, principalmente desde o sindicalismo nacionalista, da necesidade de convocar unha folga xeral para dar resposta ás sucesivas agresións que, coa excusa da crise económica, a patronal e os gobernos cometen contra os nosos dereitos. Vedes necesaria unha resposta deste tipo e pensades que conflitos como o de metal poden prender a faisca?
AA: É unha reclamación na que entendemos que hai que involucrar a toda a clase traballadora. O metal ten un xeito de resposta, pero como a proposta e a actitude política dos empresarios é igual en todos os sitios -a de contención de salarios, a de precarizar as condicións de traballo- entendemos que hai que involucrar a todos os sectores, porque na medida en que sexamos capaces de romper este cerco nun lugar somos capaces de transmitir e reproducir a mesma resposta nos outros.
SF: A CIG é a única organización con capacidade para crear esa dinámica, é a única organización con capacidade para transmitir estas ideas. É por iso que levamos tempo a falar da necesidade de impulsar as diversas loitas no camiño dunha folga xeral no noso país que de resposta a esta actitude dos gobernos e a patronal.
Por último, como analizades a nivel mais xeral a actual situación de crise do sistema capitalista, e que respostas sindicais e políticas debe artellar frente a ela a clase traballadora?
AA: A actual crise é crise do modelo, é crise estrutural, e da mesma maneira que o sistema dá unhas respostas concretas para aproveitar a circunstancia e retirarlle dereitos á clase traballadora, nós como organización entendemos que non pode ser así e temos alternativas claras, xa temos manifestado as nosas propostas, as temos feito públicas e un exemplo de cómo enfrontarnos a ela é o propio conflito do metal, que permite entender cal é a resposta desde a propia central sindical e desde o nacionalismo. Entón, hai que manter a intensidade desta resposta e intentar que sexa receptiva para o resto dos traballadores. Por iso, no catálogo de medidas que propón a CIG xa entra todo, pero xa entra incluso a proposta concreta de que hai que sobrepoñerse a un sistema capitalista que non pode darlle resposta ás necesidades da xente, fundamentalmente da clase traballadora, no que o reparto da riqueza é completamente desigual e cada vez mais inxusto.