Senunpeso Producións, nace en Vedra por inciativa dun grupo de persoas interesadas no eido audiov sual que decidiron botar a andar esta asociación coa pretensión de fomentar a formación e achegar as producións galegas de todo tipo ‘ao grande público do rural galego’. Abelardo Rendo, o seu Presidente, conta como desenvolven as súas actividades e como conseguiron colocar a Vedra, unha vila de 5.000 habitantes, como referente neste sector.
Tiñades como modelo algunha asociación semellante que xa estivera funcionando?
Non, coido que non hai nin en Galiza nin a nivel estatal ningunha asociación semellante. De feito, cando se comezaron a coñecer as nosas actividades chegáronnos parabéns de xente de Euskal Herria, de Catalunya.. de todos lados, sorprendidos, non só cos cursos que ofertabamos, senón tamén cos prezos. O éxito foi tal que conseguimos que viñera xente de todo o país e do estado, produtores, profesionais e afeccionados, aquí a Vedra. Entendemos que é compatíbel ofertar actividades culturais a nivel formativo, innovadoras e de primeira orde desde o rural e con poucos cartos, porque sempre pensamos que todo se coce na cidade, pero a cidade moitas veces está máis morta, porque aquí hai moita máis ansia de facer cousas, de explorar novos camiños e xente moi activa.
Esa concepción de que ter maior oferta cultural nas cidades está relacionada tamén co feito de haber máis subvencións, medios e locais para desenvolver as actividades. Como se suple iso no rural?
Nós funcionamos coas cotas dos socios e para moitas actividades solicitamos colaboracións puntuais de diferentes organismos públicos. Hai un grande debate aberto dentro do mundo do asociacionismo a respecto de se se debe ou non acceder ás subvencións. Eu son da opinión de que se existen subvencións hai que solicitalas, porque eses cartos proceden dos nosos impostos e esta é unha forma de reverter cartos que son de todas e todos nós á sociedade. Non che fan ningún favor por darche unha subvención ou colaborar contigo nunha actividade, ao contrario, o favor facémolo as asociacións que ofertamos actividades que doutra maneira a administración non sería capaz de cubrir e que de facelas serían infinitamente máis caras. En todo caso nós preferimos a fórmula do convenio de colaboración.
En que consisten as actividades que desenvolvedes?
Facemos un curso de formación audiovisual. Desta volta organizamos a III Edición do LAV 010 (Laboratorio Audiovisual de Vedra), que é unha mostra de formación e de audiovisual. É a actividade estrela da asociación. Desenvólvese en fins de semana coa idea de ofertar cursos de formación audiovisual tanto para afeccionados como para profesionais. A nosa premisa é que para acceder a estes cursos os cartos non sexan un problema. Temos desde os cursos máis baratos, que son de fin de semana completo a 40 euros aos máis caros, a 70 euros. Hai cursos desde interpretación, maquillaxe, son, dirección de fotografía, guión, documental, iniciación ás curtametraxes, operador de cámara… En total 16 de cursos aos que se matricularon 213 alumnos. Este ano, por vez primeira incluímos ademais un curso de iniciación ás curtametraxes para alumnos da ESO. Os alumnos chegaron de todas as partes de Galiza, de Vigo, de Lugo, de Monforte, de Viveiro, de Ourense, da Gudiña, de Ferrol…
Ademais desta actividade, que outras desenvolvedes?
Estas xornadas realízanse en febreiro e a nosa pretensión é que ao longo do ano se poida facer algún curso puntual, cando teñamos oportunidade de contar cun profesor de referencia e queremos botar a andar un vídeo club onde convidar a realizadores, directores ou guionistas, para que veñan a Vedra e que nos conten algunha produción na que participaran e poder facer unha mesa redonda. Do que se trata é de promocionar o audiovisual galego ou tamén outro audiovisual de outras partes do mundo, que sexa interesante e minoritario. Para o cine comercial xa están as salas de cine pero hai outro cine que tamén é interesante, que está totalmente silenciado e que ten un oco aquí en Vedra.
O profesorado é de primeira categoría, como foi o contacto?
O primeiro que temos é que agradecerlle a súa participación, porque sempre colaboran e nos dan moitas facilidades e puidemos contar con xente de referencia como Alberto Hortas, que é de Santiago e que ten un Oscar polo Labirinto do Fauno, na que participou na maquillaxe; Alfonso Zarauza, profesor de curtas, que é director de A Noite que deixou de chover; Alfonso Parra que é director de fotografía na ICAM, a Escola de Cinematografía de Madrid e máis na SCAP de Catalunya ou a actriz María Bouzas, entre outros.
Demostrades con isto a vitalidade da actividade cultural no rural de Galiza.
Parece que actuar nun teatro dunha cidade tivera máis prestixio. Pero mesmo a nivel profesional e sobre todo hoxe en día, hai moita máis actividade cultural e moito máis interesante, e sobre todo proporcionalmente, no rural que na cidade. Porén, todas as artes empéñanse en cinguir a súa actividade á cidade e prefiren ter tres espectadores no Principal e dicir que actuaron nese teatro que ter igual 50 ou 100 no rural. Logo quéixanse de que non hai público, que non se promociona… pero non queren saír dese reduto que para eles é prestixioso e que para min é un prestixio decadente. En Vedra, por exemplo hai un mes de teatro que se desenvolve todos os venres, sábados e domingos durante un mes. Teatro afeccionado pero pagando unha entrada de 2 euros para todo o mundo. Son sobre 14 actuacións no decurso dun mes no que se chegan a xuntar sobre 2.000 espectadores. Iso proporcionalmente, para un concello de 5.000 habitantes é unha barbaridade. Sería como dicir que nun mes de teatro en Santiago van 25.000 persoas. Pero aínda así, para moitos é máis importante ir ao Principal ou ao Salón Teatro onde ao final non pagan nin aos técnicos, que patear o país e ir ao rural onde paga máis a pena e o pobo responde moito mellor. Ás veces semella que o rural só vale para gaitas, pandeiretas e baile tradicional pero tamén podemos facer cousas moi avanzadas e interesantes a calquera nivel, mesmo tecnolóxico, como estas xornadas de formación, que teñen unha compoñente de innovación e de tecnoloxía potente.