Nos últimos tempos estamos a vivir unha vaga reaccionaria no que se refire aos dereitos civís máis elementais, o cal non é máis que outra volta de porca do sistema para someter os nosos comportamentos aos filtros da lóxica do capital e condicionar até o máis privado da nosa existencia aos seus ditados. Isto resposta a unha dereitización imposta que, tras socavar as conquistas en materias de dereitos sociais na era Thatcher-Reagan, agora pretende unha nova volta atrás limitando a libre utilización de espazos comunitarios por parte de toda a cidadanía.
Nesta vaga reaccionaria insírense, entroutras, certas medidas que, baixo a hipócrita etiquteta de “ordenanza cívica” pretenden estigmatizar aquelas condutas que non entran nas marxes do que o sistema -é dicir, as elites que o dirixen economicamente, que o inspiran ideoloxicamente e que o condicionan politicamente- considera decoroso. Estas ordenanzas pretenden limitar un dereito de toda a cidadanía, que é a utilización dos espazos públicos para a nosa actividade vital: o emprego de prazas, rúas e parques para xogar, durmir, expresarnos ou comunicarnos; supondo, deste xeito, unha privatización destes espazos na medida en que restrinxen o seu uso a unha parte da poboación e expulsan dela a outra: a aquelas persoas que, coma resultado inherente ás desigualdades que o sistema capitalista xera no ser humano, se ven obrigadas a recorrer á mendicidade ou ter que durmir na rúa. Por outra banda, tamén exclúen do uso deses espazos a aqueles movementos sociais e populares de base que asentan os seus mecanismos de propaganda e comunicación social no activismo e na utilizacion de espazos públicos por non teren recursos económicos para contrataren valados publicitarios. Multas de até 750 euros por colar un cartaz ou por pintar un mural na rúa son un exemplo abondo significativo deste tipo de medidas que pretenden ilegalizar de facto o repertorio de protesta e mobilización das clases populares; de forma que, para facernos unha idea, boa parte das actividades que se levaron a cabo no seu día por parte da Plataforma Nunca Máis ou das folgas xerais, ficarían prohibidas de contradiciren o gosto do goberno municipal correspondente.
Do mesmo xeito, téntase criminalizar aquelas iniciativas de lecer por parte da mocidade que escapan dos estereotipos e das canles de consumismo marcadas polo sistema; como pode ser a práctica de determinadas actividades deportivas –parkour– ou o botellón. Esas ordenanzas represivas tentan poñerse en marcha, ademais, sen teren en conta aos sectores afectados nin tentar chegar a un mínimo consenso social; trasladando iniciativas ao noso País que nada teñen que ver coas realidades que aquí se dan, importando modelos normativos que foron aplicados a cidades da magnitude e problemáticas sociais de Barcelona, Sevilla ou Granada, en ningún aspecto equiparábeis ás vilas e cidades galegas.
Recentemente o goberno do PSOE no Concello de Lugo tentou aprobar unha desas “ordenanzas cívicas”, atopando unha resposta social de rexeitamento que fixo que estea actualmente gardada nun caixón. Agora preténdese aplicar outra idéntica en Noia.
Dende o Movemento Galego ao Socialismo pensamos que é crucial a oposición popular a estas medidas para evidenciar dúas realidades: que as normas represoras de liberdades non garanten o uso responsábel dos espazos públicos nin substitúen ás políticas sociais que un goberno que actúe na lóxica da esquerda -ou sexa, dos intereses das clases populares– debe poñer en marcha.
Tampouco a política do pau vai servir para facernos dóciles a unha mocidade e a unhas clases populares que somos conscientes dos nosos dereitos e que estamos decididas a facermos uso dos mesmos. Seguiremos a opornos a este tipo de normativas, reivindicando o uso público dos espazos públicos coma un dos obxectivos básicos da política municipal do nacionalismo.