O PSOE acaba de voltar ao goberno do Estado despois dunha moción de censura que inaugura un período transitorio no cada vez máis inestábel rexime español. A pesar do evidente debilitamento do bipartidismo, de momento o sistema é quen de continuar a oscilar entre as dúas caras que se foron alternando nas últimas décadas e que aplicaron políticas moi similares no substancial.
É evidente que existe certa expectativa social co novo goberno e que non é posíbel ser indiferente á percepción en amplos sectores de, cando menos, certo alivio á hora de retirar do goberno a un PP que representa a corrupción institucionalizada a todos os níveis. Porén, a lóxica do “mal menor” non debe levarnos a acompañar falsas expectativas a respecto das necesarias mudanzas de fondo que en ningún caso van ter lugar da man deste goberno acabado de entrar.
Non está de máis lembrar novamente que cousa é o PSOE e cal foi o seu papel xa desde a transición, na hora de apuntalar o rexime, e como durante os seus sucesivos gobernos ou sendo cómplice do Partido Popular, aplicou algunhas das máis duras e regresivas medidas contra os dereitos sociais e laborais e as liberdades públicas (Lei mordaza, reformas laborais e das pensións, recortes en educación, recortes en saúde, etc.).
Tampouco a retórica coa que Pedro Sánchez voltou o ano pasado ao liderado do partido pode ocultar a súa traxectoria, mesmo xa desde antes do goberno Rajoy, cando apoiou a reforma da Constitución Española que prioriza o pago da débeda coa banca fronte ao gasto social. Máis recentemente puidemos constatar o seu pleno aliñamento no bloque do 155, lexitimando a brutal represión policial e xudicial que deixou presas políticas, exiliadas e numerosas causas xudiciais abertas contra o proceso independentista catalán. Nesta liña, só dúas semanas antes de ser investido, defendía a necesidade de reformar o código penal para actualizar os supostos do delito de rebelión e poder perseguir máis eficazmente procesos de liberación nacional. Isto deixa claro cal será a liña que seguirá no tratamento do que demostrou ser o elo máis feble do rexime: a cuestión nacional.
A configuración do novo goberno ilustra, nalgunhas das súas principais figuras, cales son as expectativas reais que podemos ter: o Ministerio de Interior está rexido por Grande-Marlasca, un xuiz cómplice de torturas e moi significativo da represión sofrida polo independentismo basco no seu ciclo máis duro de ilegalizacións e detencións masivas. O Ministerio de Exteriores está rexido por Josep Borrel, unha persoa que evidencia a pertenza do PSOE á oligarquía e que nos últimos anos foi reivindicado pola extrema dereita unionista polo seu furibundo españolismo e a súa postura contra o independentismo. A Ministra de Economía, Nadia Calviño, é unha funcionaria da Unión Europea que representa de forma impecábel o cumprimento estrito da ortodoxia neoliberal imposta por esta institución. Por non falar da fugaz fichaxe do xornalista de prensa rosa e de dubidoso pasado fiscal, Màxim Huerta como Ministro de Cultura.
O do partido de Pedro Sánchez é un goberno fraco e probabelmente breve que, aos poucos días de chegar ao goberno xa se destapou como “vendedor de fume” cando recoñeceu que non derrogará as regresivas medidas decretadas e levadas adiante xa no pasado e que, ademais, terá que gobernar cos orzamentos aprobados polo PP. Por iso, parece previsíbel que o novo goberno se limite a aplicar certas medidas cosméticas que lle permitan gañar folgos nas enquisas e enfrontar a próxima convocatoria electoral con máis garantías fronte ao ascenso do partido de Albert Rivera, mais que non afecten nada no fundamental, nomeadamente o cerne das principais contrarreformas dos últimos anos no campo laboral, social ou das liberdades públicas.
Fronte a esta nova operación de relexitimación do rexime, cómpre articular unha resposta á altura por parte do soberanismo e das clases populares. Será chave sincronizar os esforzos das diferentes organizacións do movemento nacionalista e seguir a acumular forzas en favor dunha alternativa de ruptura democrática e en favor da recuperación de dereitos roubados nos últimos anos. É preciso manter nas nosas axendas a idea de traballar de novo co horizonte da folga xeral na Galiza, unindo loitas en todas as frontes, vencellando as diversas iniciativas populares a un proxecto de superación no marco actual.
Aínda coas dificultades derivadas do feito de que o soberanismo galego non conta cunha voz propia nas institucións parlamentarias estatais, cómpre tamén avanzar na coordenación co resto dos pobos do Estado para golpear de forma máis eficiente e contundente. Nun momento no que fica claro que os movementos independentistas son o maior e único factor que pode pór en cuestión a andamiaxe construída no ano 78, debemos aproveitar a fenda aberta polo proceso catalán e afondar nela, afortalando as nosas ferramentas sociais e políticas para o proceso de emancipación nacional. O papel do nacionalismo galego nesta conxuntura non pode limitarse a reclamar un mellor reparto das migallas, unha nova redistribución de recursos e competencias ou a demandar unha descentralización formal que xa demostrou ter nulo percorrido, senón cuestionar a esencia do sistema do poder no estado español.
A crise social, nacional e de lexitimación democrática do sistema seguirá vixente, e o noso papel é evidenciala en todas as frontes formulando alternativas superadoras. Enfrontándonos a quen pretenda reservarnos un papel similar ao da esquerda española ou ao dalgunhas forzas teoricamente nacionalistas ou rexionalistas do estado, que exercen como factor de lexitimación ou estabilidade do sistema. A nosa función debe ser xusto a totalmente oposta.
A chave das batallas que virán é entendermos que loitamos contra un rexime e non só contra un goberno. De feito, as mudanzas de goberno poden ser plenamente funcionais para o mantemento do substancial: a unidade do Estado e os privilexios da oligarquía española. Fronte a iso, o noso deber é seguir organizadas e non dar tregua na loita por recuperar o poder para o noso pobo, a nosa soberanía.