Cultura ou folclore: un problema político e urxente

A última polémica polo peche do programa da radio pública galega Planeta Furancho tivo a virtualidade de producir nalguns grupos e colectivos unha resposta activa á contra, difundindo música feita no país a través das redes sociais para evidenciar o ermo que se abría na difusión da cultura galega actual despois deste peche. Faltou, porén, profundizar socialmente nos motivos reais que levaron o PP a clausurar aquel espazo, que son bastante máis escuros do que unha cuestión de share.

Tampouco é a primeira vez que acontece. Antes asistimos a outras clausuras semellantes. O programa Aberto por reformas de Xurxo Souto, tamén na Radio Galega, ou aquel outro da TVG titulado Historias de Galicia, son apenas os exemplos máis coñecidos. Agora, son xa suficientes para rascuñar un patrón que obriga a preguntarse que teñen en común estes espazos que os torne tan incómodos. Os dous primeiros eran canais de difusión dunha cultura galega actual (en concreto, dunha música) afastada da visión folclorista e historicista que se xeneralizou na Galiza desde os primeiros gobernos de Manuel Fraga, e que se resumía nos famosos “tres mil gaiteiros”. O terceiro, pola súa vez, colocaba nas pantallas das casas a existencia dunha Galiza con historia diferenciada, propia. De modo que o que os tres proxectos facían, especialmente o terceiro, era evidenciar unha quebra galega na pretendida homoxeneidade cultural española e, portanto, constatar o caráter nacional do país. Por iso non se trata só dun problema cultural, senón político, claramente. E por iso vai moito alén destes tres casos.

Isto mesmo — constatar o noso carácter nacional — é o que fan, en última instancia, moitas outras iniciativas que xamais receberon calquera apoio institucional cando dependeu do PP ou do PSOE (especialmente dos primeiros) ou que foron atacadas directa ou indirectamente: é o caso dos festivais culturais do verán, obrigados a se “profesionalizaren” e a definiren a súa continuidade apenas en función da xeración de lucro; de proxectos populares como PatrimonioGalego.net ou as excavacións da Torre dos Mouros, aos que se lles negou calquera axuda para a súa continuación; ou caso de proxectos de recuperación e socialización de propostas como a do Apalpador, directamente atacada de “pederasta” e “batasunizadora”. A belixerancia dos poderes públicos, controlados polo españolismo — coas excepcións dalgúns concellos controlados polo BNG ou por outras forzas do nacionalismo galego — só se explica atendendo a esta segunda leitura de tipo político, non só cultural.

Serve dicir que o poder (que é sempre un poder español) non ten calquera problema coa “diversidade” sempre que se cumpran dous requisitos. Primeiro: que as culturas non españolas (léase, no mínimo, a galega, a basca e mais a catalá) sexan consideradas apenas “diversidade” no sentido de adobío, isto é, no sentido en que estritamente sexan complementos a unha cultura principal, evidentemente española (sexa o que sexa exactamente iso). Segundo: que esas culturas subalternas se apresenten unicamente como expresións folclóricas que reforcen precisamente ese papel de elemento superfluo e, de pasada, sirvan para demostrar a pretensa apertura do proxecto españolista. De aí que o PP en Galiza non teña calquera problema coas bandas de gaitas, por exemplo, ou co concepto de celtic music que poidamos partillar con outros territorios do noroeste da península, mais si coa produción doutras músicas actuais en galego e, en xeral, con calquera produto que rompa esa liña folclorista e resulte actual, vivo ou atractivo. Por iso a programación da TVG — que non é calquera cousa — está deliberadamente vocacionada para as faixas etarias máis altas, afastando así a mocidade da única televisión que transmite en galego todo o seu contido e que debería ser unha poderosa ferramenta de galeguización — cousa que non é, con certeza.

Resumindo: non hai problema ningún en ter o esqueleto dun carro labrego pendurado da parede, ou unha pequena estatua de galega vestida coa roupa tradicional a enfeitar calquera parte da casa. Despois de todo, estes elementos entran dentro do territorio cultural do kitsch e serven para reclamarse como “gallegos”, deslizando inmediatamente, como aclaración, “tanto como españoles”. Estes elementos, por outras palabras, demostran que se teñen claras as coordenadas que importan, que non son as dos adobíos, claro. O problema vén, en todo caso, cando a alguén se lle ocorre tomar esa realidade específica como parte dun todo maior, de carácter nacional e social, e asentar sobre ela unha reivindicación política de soberanía, que é o que ten feito ao longo de décadas o nacionalismo galego. Despois de todo, a recuperación da cultura máis alá do folclorismo permitido durante o franquismo só foi posíbel grazas á fronte cultural que Reboiras e outros militantes do independentismo comezaran a pór en marcha nos anos 70. E mañá, ou máis ben o ano próximo, será o ano das Irmandades da Fala por expreso interese do nacionalismo en recuperar este episodio da nosa historia colectiva.

En calquera caso, a responsabilidade tampouco pode ser só do nacionalismo organizado politicamente, nen depender da medida en que temporalmente acceda ás institucións públicas. Cómpre, ao contrario, facer disto unha responsabilidade colectiva, que teña claro os puntos sobre o que pivota todo o problema. En primeiro lugar, que a situación vai moito alén dos casos concretos que xeran respostas só parciais e temporais. En segundo lugar: cal é o proxecto nacional ao que serven os partidos estatais que aquí e alá “administran” a nosa cultura. Por último: que é urxente apostar a criar produtos e eventos atractivos e actuais deseñados para ir alén do folclorismo e de calquera corsé — inocuos á idea de homoxeneidade española —, de maneira que, ao xeraren demanda, paralicen e revirtan o proceso de aculturación e substitución, tirando a cultura do país do seu circuito de subalternidade. Se non o fixermos, tanto vai dar que gobernemos, porque nos estaremos a limitar a xestionar a desaparición.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde