Data: maio de 2017
Desde o noso último número a situación social e política galega sufriu algunhas variacións de contexto, dentro da grave crise social e económica que seguimos a padecer. Na política, unha nova maioría absoluta do PP na Galiza condicionará negativamente a solución das necesidades sociais, no entanto o soberanismo resistiu de forma notábel, colocándose nunha posición que, de acertar na súa práctica e discurso, permita o crecemento da súa incidencia social, referencialidade para as e os que queren mudanzas profundas, e relevancia política. Así, o soberanismo ten celebrado neste periodo a súa asemblea nacional, co obxectivo de actualizar as análises do país coas mudanzas ocorridas nos últimos trinta anos, así como relanzar a aposta política autoorganizada na Galiza.
Neste número que sae á luz no Primeiro de Maio debruzámonos fundamentalmente sobre o mundo do traballo, analisando varios dos elementos que definen hoxe a súa situación: por un lado, a precariedade fomentada pola práctica da subcontratación, por outro, a situación e perspectivas da negociación colectiva en Galiza, así como a necesidade da mobilización social para conquistarmos os nosos dereitos, sen confiarmos en caridade de doazóns de multimillonarios envolta no discurso do éxito empresarial, e o exemplo concreto das traballadoras e traballadores que sofren esta situación nunha empresa do noso país, Extel. Finalmente, facemos unha avaliación da situación e perspectivas da principal ferramenta da loita de clases no noso país, o sindicalismo nacionalista e de clase, na nosa entrevista central.
Igualmente, analisamos as necesidades comunicativas da nosa clase e tamén a situación internacional cos conflitos actuais abertos polo imperialismo, incluímos as nosas recomendacións culturais, e rendemos homenaxe na contracapa ao compañeiro do BNG Paco Souto, recentemente finado.