A centralidade da negociación colectiva

A negociación colectiva como tal é unha practica con pouca historia posto que se institucionaliza formalmente coa aprobación do Estatuto dos Traballadores no ano 1980, por ser un dereito constitucional no artigo 37.1 dende o ano 1978. Sería un erro ignorar a trascendencia deste dereito na transformación das condicións de traballo nesta época máis recente da Historia do movemento obreiro.

Nos anos 50 o movemento obreiro estaba xa suficientemente organizado e foi quen de reivindicar melloras salariais pola penuria económica que estaban a padecer. No 24 de abril de 1958 conseguiuse que o franquismo creara a Lei de Convenios Colectivos, rematando coas Regulamentacións e Ordenanzas Laborais impostas por eles mesmos até ese momento.

A clase traballadora que durante as dúas primeiras décadas da ditadura tivo unha actitude de reorganización; xa entrados nos anos 60 comezan a participar configurando un movemento obreiro con ganas de cambio e con reivindicacións que non só descansaban en cuestións sociais senón tamén en cuestións políticas.

Non obstante o certo é que a recentemente inaugurada posibilidade de negociación e acordo que aparentemente parecía un avance na autonomía da empresa e os representantes dos traballadores (sindicato vertical) resultaba un procedemento viciado e controlado polo sistema. A negociación e o acordo final, tiñan que ser supervisados pola Organización Sindical Vertical e a autorización do Ministerio de Traballo, e cando á autoridade non lle gustaba o acordo, impoñían Normas de Obrigado Cumprimento que tiñan que ser acatadas por imposición.

No ano 1977 España ratifica o Convenio da OIT nº 98, de 1 de xuño de 1949, sobre a aplicación dos principios do dereito de sindicalización e da negociación colectiva.

O 25 de outubro de 1977 asinouse o Pacto da Moncloa, este Pacto supuxo un paso atrás para o movemento obreiro onde se limitaban os aumentos salariais e recoñece o dereito da patronal ao despedimento laboral. No ano 1980 a CEOE e a UGT asinan o acordo Marco Interconfederal sobre Negociación Colectiva que restrinxe os incrementos salariais, abrindo o camiño a desregulación laboral. Neses intres o sindicalismo galego xa tiña unha importante presenza na maioría dos sectores o que permitiu incidir na negociación colectiva.

O noso modelo sindical creceu mobilizando ámbitos de sector, o que nos permitiu amplificar os alcance dos convenios, facendo un traballo participativo, cun modelo asembleario, no que dabamos sentido e identidade de clase, no que se recoñecían as diferenzas entre actividades dentro do mesmo sector alcanzando resultados colectivos. Fomos quen de conseguir en moitos convenios importantes a prohibición do emprego das ETTs, regular e aplicar a xubilación parcial con contrato relevo, regular a xornada, protexer a ultraactividade dos convenios,melloras nas IT, regulación da contratación e como non, melloras cualitativas nos salarios. Os cambios introducidos en todas as Reformas laborais dende o 1984 e principalmente nos anos 2011 e 2012 polos sucesivos gobernos españois na normativa legal através do R. D. Lei 3/2012 e a Lei 3/2012 modificaron o Estatuto dos Traballadores en materia de Negociación Colectiva, o que nos leva a vivir un momento político e económico no que o capitalismo está a afondar no seu modelo neoliberal, coa imposición dun proceso de precarización do mundo do traballo a todos os niveis, con enormes recortes de dereitos, redución de salarios, incremento e flexibilización da xornada laboral, ritmos de traballo abusivos, incremento dos contratos a tempo parcial, substitución de emprego fixo por temporal, extensión da subcontratación, dobres escalas salariais e a individualización das relacións laborais para debilitar a clase traballadora, recollendo as tres reivindicacións históricas da patronal: o protagonismo do convenio de empresa, a inaplicación sobrevida das condicións pactadas e a fixación dun prazo para a negociación dun novo convenio co risco de decaemento deste e a perda de todo o regulado.

Os cambios normativos destas reformas incrementan as competencias decisorias dos empresarios dotándoos de maiores atribucións en todos os aspectos e reverte negativamente nos dereitos das persoas asalariadas coa redución das indemnizacións por despedimento, contrato indefinido de apoio aos emprendedores, menor control xudicial sobre as empresas: cláusulas de inaplicación do convenio con arbitraxe forzosas que posibilitan os descolgues sen acordo coa representación dos traballadores/as, potenciación dos convenios de Empresa en condicións inferiores ao convenio de sector, empeorando claramente as condicións dos traballadores e traballadoras.

Por outra parte centralizan a negociación colectiva, que afecta a todos e todas as traballadoras onde deciden as cúpulas, e que están impoñendo nestes momentos coa convivencia do sindicalismo estatal, rematando co sindicalismo participativo que defendemos, deixando os convenios de sector practicamente sen competencias.

A nosa resposta para os vindeiros anos ten que ser por unha parte conseguir a participación da clase traballadora, para iso nós temos que ser a correa de transmisión que leve o debate aos centros de traballo, un achegamento coa clase traballadora para crear conciencia de clase. O camiño que nos queda é o enfrontamento contra este sistema, para poder modificar a correlación de forzas e reverter esta situación.Temos que ser unha central sindical viva, dinámica, insubornable, practicando un sindicalismo combativo, contraria aos pactos sociais, participativo, defensor dunha Galiza democrática e soberana. Os nosos obxectivos non poden afastarse da defensa dos intereses da clase traballadora así como conseguir unha Galiza soberana e socialista, cunha democracia real de xustiza social, de igualdade de xénero, do reparto igualitario da riqueza, da defensa do noso idioma e que garanta os dereitos e condicións de traballo e de vida dignos. É prioritario a formación de todos os cadros da central sindical, de forma que que abranga o coñecemento real das empresas así como da normativa laboral. Unha importante formación politico-ideolóxica, conseguindo militantes do sindicalismo nacionalista e de clase como parte fundamental do movemento nacionalista galego.

Por outra banda é clave conseguir un marco galego de relacións laborais, que dea valor aos convenios sectoriais provinciais ou autonómicos e que teñan prevalencia sobre o convenio de empresa e sobre os convenios estatais, garantindo que ningún convenio de empresa poida establecer condicións inferiores ás determinadas polo convenio sectorial de sector.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde