Xornalismo para reconstruír país

Os medios de comunicación constitúen un espello que deforma a realidade de Galiza. A dependencia económica por mor do accionariado empresarial, dos intereses bancarios, xunto co exceso de propaganda gobernamental, fan que diminúa o pluralismo e a diferenciación dos temas de axenda mediática. De aí que nas portadas coincidan fotos, titulares e enfoques informativos que, máis alá dunha cita anual e dalgunha fugaz noticia, non contribúen á creación de conciencia nacional.

Se no século XIX Galiza tiña medios de comunicación en galego, na efervescencia das Irmandades da Fala sabían da necesidade de proxección das ideas e do idioma nas radios e publicacións periódicas da época con afán de interpretar os acontecementos e de gañar influencia social, cultural e política para construír un país. “A bandeira ergueita”, un artigo publicado no primeiro número de A Nosa Terra, explicaba que “a nosa terra precisa un boletín, xa que até o de agora hai xornais e revistas de galegos, mais nin un só de Galiza, escrito en galego, en Galiza e para Galiza”.

Nun tempo, as cabeceiras de xornais galegos tiñan un carácter ideolóxico e político con cadansúa liña editorial definida mais, cando se converteron en empresas industriais transformadoras de materias como papel e información en produtos para seren vendidos, a incidencia do poder económico e político, aliado da publicidade para exercer o control, unificou criterios, provocou a concentración de medios e así conseguiu reducir o pluralismo.

Como formadores da opinión pública, desenvolven un papel na consecución dunha sociedade informada, con capacidade crítica e que defende os sinais de identidade de onde se difunden. Deste xeito, nos sistemas que se din democráticos outórgaselles unha responsabilidade social artellada sobre as supostas liberdade de prensa e liberdade de expresión, para garantir o dereito fundamental a recibir información veraz por calquera medio de difusión.

Pese a que estes dereitos fundamentais non poden restrinxirse mediante ningún tipo de censura previa, a precariedade laboral favorece a autocensura, a pasividade e a neutralidade. Cómpre afastarse dos cantos á neutralidade e asumir principios deontolóxicos para defender a conciencia de clase e a xustiza social. A argucia da imparcialidade leva a reproducir a versión oficial dos feitos, sen contrastar coa realidade vivida. Oír, ver e contar, como principios elementais do xornalismo, adoitan ser substituídos por reprodución automática, corta e cola, de mensaxes precociñadas nun think-tank.

Non é casual a coincidencia de que se acuñasen expresións como “desafío soberanista”, “febre independentista”, “delirio secesionista” ou “referendo ilegal” e fosen reproducidas en radios, televisións e xornais até o infinito. Ese posicionamento do independentismo asociado a cualificativos pexorativos non é neutral; procura crear un pouso e incidir na conciencia mediante ese clima creado e espallado simultaneamente nos medios de comunicación que nin se pode esquivar ao facer zapping para fuxir do pensamento único e unidimensional. Neses debates televisados non hai contraste de ideas, fanse para a reafirmación dunha única idea.

Neste país tolérase que formacións políticas contribúan economicamente a sufragar estudos demoscópicos e sondaxes electorais que difunden os medios de comunicación. Con estes datos procúrase un clima de opinión a favor ou en contra de temas e de opcións políticas que, sen dúbida, teñen a súa incidencia nos resultados das urnas, como un xeito de propaganda, mais a lexislación electoral permite que se realicen sen advertir a audiencia, nun exercicio que desvaloriza a calidade democrática mediante o uso de medios de comunicación. Tampouco se investiga a suposta fraude á normalización lingüística da convocatoria de concesión de fondos públicos da Xunta aos medios de comunicación que utilizan o galego co limiar do 8% das publicacións.

A creación da Facultade de Ciencias da Comunicación en Galiza foi punto de inflexión na preparación de profesionais. Inculcáronse principios e difundiuse coñecemento sobre a realidade galega, a súa historia, economía, política e cultura. Mais esa idea primixenia tropezou coa outra realidade figurada, a do espello que deforma o país e impide implantar ideas para avanzar na normalización lingüística, na creación de identidade e na consecución de dotármonos de medios propios para defender a soberanía. Para informar do que acontece nun país cunha óptica propia, sen preconceptos alleos e inzados de autoodio que falan sobre Galiza facendo crer que son de Galiza.

Como exemplo, hai tan só 20 anos os medios de comunicación mantiñan a toponimia deturpada nas súas páxinas e incumprían a diario a Lei de Normalización Lingüística. Na actualidade, un medio de comunicación segue a pór La Coruña e Orense na súa edición para Galiza. Ninguén actúa de oficio contra esa ilegalidade que burla algo tan básico como é o respecto a chamar polo seu nome un lugar. O respecto ao país.

En canto á divulgación, os programas que poden contribuír a dar a coñecer a cultura e historia do país na TVG emítense en horarios afastados do prime-time, xa que estes están ocupados por concursos e espectáculos que traen a farándula española e introducen unha cultura allea cuns modelos de contratación, por certo, nada transparentes. No programa 1.000 de Luar, as convidadas Azúcar Moreno mesmo dicían entre risos “casi hemos hecho los mil”.

Entre os principios inspiradores da TVG está a promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galiza. O espello racha en mil anacos no reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galiza ao introducir información con visión antigalega, semellante á producida nas canles de difusión españolas.

Faise necesario colocar na axenda política e mediática elementos para a creación de conciencia nacional, velar polo respecto á identidade do país. Nos medios de comunicación existe tamén unha responsabilidade social co país, co pobo. Chegou a hora de definirse, de nomear as palabras tabús e de atravesar o espello.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde