Levamos meses asistindo á retransmisión en directo dunha tremenda crise humanitaria: o drama de millóns de persoas fuxindo de escenarios de guerra, persecucións e miseria, amoreados en diversos puntos das fronteiras da Unión Europea, xa incapaz de dicir, como até o de agora, que as miserias do mundo non van consigo. Desde as illas do Mar Exeo aos montes de Macedonia, do porto de Atenas aos cantís de Calais, sucédense as imaxes terríbeis cos rostros desesperados de persoas presas tras o arame dos campos de concentración, que traen á memoria escenas dun pasado que a maioría cría superado. Cando non son lanchas sobrecargadas afundíndose no mar con centos de africanos, as portadas dos medios de “información” conmociónannos coa visión do cadáver de Aylan, o meniño curdo afogado nunha praia de Turquía.
Paralelamente, desfila polas pantallas, sen ningún pudor, unha sucesión de líderes políticos europeos anunciando un día medidas de asilo e axuda, e, ao seguinte, o contrario. Un día aparece a chanceler Merkel nun programa de televisión recriminando a unha rapaza palestina “que non hai traballo para a súa familia en Alemaña” e poucos días despois vémola anunciar que o seu país necesita máis 800 mil traballadores estranxeiros para manter os niveis de produción. Non pasaron meses entre os chamamentos das autoridades europeas á nosa xenerosidade para paliar o drama dos refuxiados e o acordo desas mesmas institucións con Turquía para impedir o tránsito de persoas cara á UE.
Ao mesmo tempo, prodúcense gravísimos atentados en grandes capitais como París e Bruxelas, manifestacións masivas de xenofobia instigadas por plataformas de extrema dereita na Alemaña, na Hungría e noutros Estados centroeuropeos, ou estraños sucesos coma as masivas e organizadas agresións sexuais machistas do Nadal en Colonia e noutras cidades alemás.
A característica común desta narrativa dos medios de manipulación de masas, o fío condutor que une o seu modo de presentarnos a realidade, é o permanente apelo á nosa emotividade, á sensibilidade, á empatía ou ao noxo, nunca á nosa intelixencia racional. Todo cunha finalidade: orientar a nosa reacción e, en consecuencia, a nosa intervención política na dirección que sexa beneficiosa para os intereses dos seus propietarios, isto é, a oligarquía financeira do bloque dominante do grande capital europeo ao servizo do cal foron pensadas e construídas as institucións da Unión Europea — e tamén a cuxo servizo se executan intervencións claramente imperialistas, por outra parte.
Ademais, ese muro narrativo, reforzado día a día por máis historias nesgadas e contadas arredor da emotividade, serve tamén para ocultar e desviar a nosa atención das causas do drama, focalizando a nosa atención apenas sobre as consecuencias, dificultándonos así a interpretación da realidade e inviabilizando a resposta masiva e organizada que merece. E, sen embargo, esa realidade existe e a súa análise aínda é posíbel entre tanta desorientación como sementan esas institucións e os poderes mediáticos, tamén da mesma man que as primeiras.
En primeiro lugar, se millóns de sirios e sirias tratan de chegar a Europa é porque o seu país está a ser devastado desde hai cinco anos por unha guerra en que a OTAN (con Turquía como punta de lanza na rexión), as petromonarquías árabes do Golfo — clientes de Estados Unidos — e a propia Unión Europea participan armando, financiando e adestrando unha forza mercenaria que combate indistintamente baixo varias “marcas”. Al Qaeda, Al Nusra, o Exército Libre Sirio ou o Estado Islámico (ISIS- Daesh) non son unha serie de pragas bíblicas que se sucedan e superpoñan, son a mesma praga baixo distinto nome, un nome que adoptan segundo requiran as circunstancias. Por iso, cando Laurent Fabius, ministro “socialista” de Asuntos Exteriores de Francia caracterizaba en decembro do 2012 a función de Al Nusra en Siria dicindo que “eles fan un bo traballo sobre o terreo”, o que está a facer é caracterizar todo ese entramado único que actúa con nomes diferentes. O “bo traballo” consistía en proclamar a sharia, cortar as cabezas de quen se opuxese e aterrorizar a poboación siria e, de pasada, a occidental — armando a idea de que esas zonas deben ser intervidas para asegurar “a paz”.
E antes de Siria foi Libia, un país próspero — hoxe destruído. Desde Senegal a Somalia, non hai país no que non estean xa despregadas forzas especiais europeas ou estadounidenses. Curiosamente, esas intervencións de exércitos da OTAN fanse sempre en resposta a un foco de terrorismo islamita, un secuestro, un atentado, etc. Mais logo do despreguamento das forzas de choque imperialistas, o foco nunca remite. Ao contrario, esténdese máis. É así que, tras “liberar” Libia de Gaddafi e instalárense os militares franceses no Malí, comezaron a padecer ataques as instalacións petroleiras de Alxeria, coincidindo cos intereses de reapropiación de recursos e mercados das bolsas europeas.
Claramente, a pouco que nos fixemos no que se agocha tras as narrativas, tras a superficie ou as aparencias, o que podemos observar é que estamos diante dun escenario de expansión do imperialismo mundial. Pero non é unha expansión en abstracto. Vemos, de feito, como o grande capital europeo, a través da UE, incrementa a súa agresividade e aplica a estratexia militar, a única que lle posibilita unha “saída” á súa crise xeral por medio de ocupar territorios para garantir recursos enerxéticos, mineiros e rotas comerciais en posición de privilexio para os seus monopolios (en forma de corporacións transnacionais). Por iso estamos ante un perigoso momento de agudización das contradicións no seo do sistema mundial imperialista, o capitalismo dos monopolios. E por iso esas columnas de persoas que foxen dos seus países veñen bater ás portas do espazo Schengen.
Tomado na súa globalidade, o sistema imperialista aseméllase a unha pirámide. No cumio estarían as potencias hexemónicas (Estados Unidos, Unión Europea e Xapón). Nos niveis inferiores, diversos Estados capitalistas (emerxentes ou non, soberanos uns e dependentes outros), competindo entre eles e cos hexemónicos para asegurarse unha posición dominante. A posición no cumio desa pirámide vén asegurada por un conxunto de factores de poder conformados ao longo da historia contemporánea, interdependentes e dinámicos (que sofren variacións e están en constante disputa): poder económico das súas corporacións transnacionais, rol internacional da súa moeda, potencia militar, poder tecnolóxico, dominio cultural, demografía, etc. É nos momentos de crise, como o actual, cando máis se redefinen as posicións de dominación ou subordinación, entre empresas, entre países, entre bloques. De aí o impresionante incremento dos procesos de fusión, absorción e internacionalización de empresas que se está a dar en todo o mundo. Mais tamén a multiplicación de focos de guerra. Cada vez máis lumes acesos por todo o planeta, porque esa é unha das características do imperialismo: non recoñecer limites, nin sequera os xeográficos.
Xa non son só África, América Latina ou o sur de Asia, onde o capitalismo trata de recuperar terreo e abrir novos espazos subordinados aos seus intereses pola vía da inxerencia, dos bloqueos económicos, da ameaza constante de embargos e sancións, ou directamente do golpismo máis ou menos camuflado. Todas esas prácticas imperialistas, necesarias para que ese capitalismo se impoña, diríxense agora tamén á Europa do leste e ao norte e centro de Asia, onde varios países tiñan enveredado polo camiño da multilateralidade. Non é casual que eses “lumes por todo o planeta” se encontren cada vez máis próximos, por exemplo, ás fronteiras de Rusia, que vén actuando como potencia militar e tecnolóxica do bloque eurasiático en construción, con China como potencia produtiva, financeira e demográfica.
Nada de bo se pode esperar da acumulación de medios de guerra que a OTAN está a realizar nas fronteiras de Rusia. Desde o golpe na Ucraína co establecemento dun goberno pro-UE, con ampla presenza de auténticos nazis no goberno e nos seus brazos executores — literalmente— e coa prohibición do Partido Comunista, a OTAN conseguiu levar a guerra moi dentro do espazo da antiga Unión Soviética, até Donetsk e Lugansk. E non é outra que a moi democrática Unión Europea a que está a dar cobertura política a esta guerra encuberta, que pode acabar coa Ucraína sendo anexada ao máis puro estilo dos vellos imperios territoriais que se esfarelaron (aínda que non completamente) durante o século pasado. Por certo, a mesma cobertura política que están a recibir as prohibicións de simboloxía e propaganda comunista en países como Hungría e Polonia, mentres os desfiles de veteranos das Waffen-SS se multiplican nas repúblicas bálticas.
A estratexia do caos do gran capital, nun contexto europeo de profunda crise social, de recesión económica, de fragmentación da clase traballadora en identidades comunitarias (guetos relixiosos ou étnicos) entre as que se sementa odio e confrontación, na ausencia ou debilidade de referentes políticos de clase con influencia masiva, anuncia un escenario de avance das ideas reaccionarias e de extrema dereita, de violencia política e de guerra. O que sempre foi a solución final do capital para saír da crise.
Fronte a eses perigos, faise máis urxente que as forzas que nos reclamamos da clase obreira intensifiquemos o noso compromiso antiimperialista e internacionalista. Que denunciemos a política criminal e hipócrita da Unión Europea e dos seus gobernos que, por unha banda levan a guerra e a destrución por todo o planeta, causando directamente a traxedia do exilio e a migración de millóns de persoas, mentres pola outra choran bágoas de crocodilo e láianse dos meniños que morren afogados nas augas do Mediterráneo. Que denunciemos a Unión Europea que predica a libre circulación das persoas, cando, na realidade, só ten en mente procurarlle ao Capital unha reserva de persoas desesperadas, sen dereitos, nin recursos, predispostas a aceptar calquera traballo a calquera prezo.
O que debemos facer, diante deste escenario complexo e terríbel está cada vez máis claro. Debemos exixir, claro, o cese inmediato de todas as intervencións imperialistas conxuntas ou por separado dos Estados Unidos e da Unión Europea. Debemos esixir a disolución do seu brazo armado, a OTAN, e tamén a devolución aos pobos dos recursos naturais e dos lugares estratéxicos, para que poidan ser postos ao servizo do seu desenvolvemento soberano e acorde cos intereses da poboación traballadora, ou ao servizo da reconstrución e da prosperidade nos casos en que a cobiza insaciábel do capital teña arrasado as súas vidas. Mais tamén debemos — consecuentemente coa defensa da soberanía do noso pobo — loitar pola nosa saída da OTAN e da UE, para debilitar o “noso imperialismo” e poder algún día vivir nun planeta máis xusto. Porque o que non serve de nada é agochar a cabeza ou aparentar que os problemas terminan coas portas fechadas en Turquía.