Unha paisaxe diferente no nacionalismo galego

O ano 2009 está a resultar un ano ben intenso para o BNG e para o conxunto do nacionalismo galego, xa que o calendario político fixaba para este ano dúas citas electorais (as eleccións ao Parlamento galego e ao Parlamento europeo), e finalmente o resultado dos comicios galegos precipitou a convocatoria dunha Asemblea nacional extraordinaria da organización que se celebrou no pasado mes de maio.

2009 tamén está a ser un ano en que agudización da crise capitalista está a ter consecuencias importantes en Galiza, cunha grande repercusión no mundo do traballo (EREs, conflitividade laboral…) e noutros sectores, como o agro-gandeiro, que están a levar a cabo importantes mobilizacións, das que o nacionalismo político non pode nin debe ficar á marxe ou ser simple espectador.

Alén diso, a volta do Partido Popular ao goberno da Xunta (un PP máis desaforadamente españolista e reaccionario) abre un período que require unha maior capacidade política e resposta social do nacionalismo.

Asemblea extraordinaria do BNG

Na Asemblea nacional extraordinaria do BNG, celebrada en maio, como Movemento Galego ao Socialismo (MGS) tivemos voz propia e articulamos un discurso arredor de catro eixos: 1) cambio de rumbo político do BNG (volta ao soberanismo e xiro á esquerda); 2) nova relación cos movementos e organizacións sociais; 3) reactivación orgánica (fomento da participación e da capacidade de decisión da militancia); e 4) mellor articulación da diversidade (pluralismo e unidade; posibilidade incorporar novos sectores do nacionalismo ao proxecto). Así mesmo, fomos quen (malia tratarse dunha asemblea por delegados/as) de promover unha candidatura ao Consello Nacional, denominada Máis Alá!, que obtivo unha representación de dous membros, un dos cales forma hoxe parte da Executiva nacional do BNG. Organismo que, alén da nosa presenza, quedou configurado por sete membros da Alternativa pola Unidade (nucleada pola UPG) e por outros sete de +BNG (o chamado quintanismo), ficando excluído o Encontro Irmandiño de Xosé Manuel Beiras, a outra opción que se presentara e obtivera representación no Consello nacional do BNG.

Na avaliación pública que fixemos da Asemblea, entendemos que esta, cando menos, si serviu para focalizar as principais diferenzas de liña política da organización, aínda que non pechou todos os debates abertos. E nese sentido, concluímos que os obxectivos marcados polo MGS para esta Asemblea nacional do BNG foron obxectivos que se viron en boa medida cumpridos, aínda que non na previsión exacta do proceso que se fixera con anterioridade. En calquera caso, no nosa avaliación si víamos que se abría un escenario diferente no seo da organización (que xa se verá o que vai dar de si), máis favorábel a manter posicionamentos máis nacionalistas e de esquerdas, e de aí a nosa participación na Executiva saída da Asemblea extraordinaria.

Pasados apenas dous meses, e concluído o proceso asembleario tamén nas comarcas e localidades en que se estrutura o BNG, aínda é cedo para visualizar con nitidez en que se está a concretar a nova fase que se prevé inicie a organización. E tampouco se pode obviar que este proceso asembleario debuxa un escenario interno dunha forte polarización entre dúas sensibilidades políticas (UPG fronte a +BNG, esta última en proceso de se conformar internamente como grupo organizado), que xera unha gran tensión interna e que en certa maneira opaca a visibilización de opcións como a que representamos nós ou mesmo a que representa o Encontro Irmandiño, que á súa vez ten que enfrontar certas contradicións internas, tal e como se viu nas asembleas comarcais e locais que seguiron á Asemblea nacional.

Eleccións europeas

Neste contexto interno, o BNG afrontou os comicios europeos do pasado mes de xuño, cunha campaña de baixa intensidade e unha militancia desmobilizada e mesmo desmotivada. Os pobres resultados acadados (apenas 100.000 votos e menos do 10% do electorado), aínda que previsíbeis, non deixan de afondar na delicada situación que sofre a organización, de perda de apoios electorais e de parte da credibilidade social gañada nas décadas do 80 e 90 do século pasado.

De aí que sexa importante que o BNG asuma a incorporación das reflexións e debates mantidos na Asemblea extraordinaria, no sentido de rectificar liña política, modificar métodos de traballo e procurar robustecer a organización mesmo coa incorporación de sectores do nacionalismo e xente a nivel individual que hoxe fican fóra e que estarían dispostos a traballar nun proxecto que, desde a súa pluralidade, pulase por manter un maior contido nacionalista e de esquerdas na súa proposta política.

Nestes comicios, outras organizacións do espectro soberanista do noso país deron en apoiar a candidatura de Iniciativa Internacionalista-Solidariedade entre os Pobos, candidatura encabezada por Alfonso Sastre e na que había participación galega. Os resultados logrados en Galiza por esta lista foron ben pobres, por baixo dos 4.000 votos, algo que é indicativo de que a perda de apoios electorais do BNG non está a ser recollido por organización ningunha, senón que vai embolsar a saca do abstencionismo. Cuestión esta que desde logo debe convidar á reflexión de todos, dado que é o nacionalismo como proxecto o que parece estancarse nos últimos tempos, o que sen dúbida quere ser aproveitado polas forzas españolistas (o PSOE vese que fai esa lectura) para afianzárense como opcións únicas na sociedade galega.

Fortalecer o nacionalismo

A actual conxuntura política e social vai requirir do nacionalismo -e do BNG como organización sobre a que pivota moi maioritariamente a actuación política do soberanismo galegounha maior capacidade organizativa e, sobre todo, unha clareza de obxectivos políticos, lonxe das mensaxes vagas e dunha aposta única por vías puramente institucionais para facer avanzar o proxecto emancipador inherente ao nacionalismo galego.

Faise necesario, como vimos demandando desde o MGS, unha mudanza no rumbo político da organización, que atinxa tanto a aspectos de índole organizativa (reactivando á militancia, que debe ter unha maior papel protagónico na vida do BNG), como á propia liña política da organización, que esixe unha decantación clara en prol da clase traballadora e dos sectores sociais máis desfavorecidos, que son os que en definitiva han pagar os pratos escachados desta crise. Alén diso, cómpre a articulación dun discurso que abunde con clareza na necesidade de pór a soberanía de Galiza como un dos elementos centrais da acción política do nacionalismo.

Neste sentido, parece urxente a apertura dun novo ciclo político no nacionalismo a nivel político, que afortale as capacidades orgánicas do BNG, e que sexa quen de ir sumando novas vontades ao proxecto de liberación nacional e social que representa como organización política.

Nese novo ciclo político, será fundamental que unha das orientacións a desenvolver pola organización sexa a dunha maior implicación social, estabelecendo unha mellor conexión cos movementos e organizacións sociais e asumindo unha práctica política que combine a tarefa institicional cun labor social que amplifique o proxecto nacionalista no seo da sociedade galega.

Paralelamente a isto, terán de se ir corrixindo determinados comportamentos políticos que se dan no BNG, tanto a nivel interno como externo, desvirtúan o significado do proxecto. Algo que no terreo institucional se vén reproducindo con demasiada frecuencia e con escaso ánimo, até o momento cando menos, de ir rectificando.

Un proxecto soberanista e de esquerdas

Porén, e como reflexión final, é ben termos en conta que hoxe o BNG, e o nacionalismo en xeral, está nun momento en que o debate sobre o rumbo a seguir é un debate non concluído, e no que dan en se visualizar estratexias non coincidentes, tanto no que ten a ver coa estrutura orgánica da que se debe dotar o nacionalismo político, como nas definicións político-ideolóxicas que deben guiar a súa acción nos próximos tempos.

Nós, como Movemento Galego ao Socialismo, non imos ficar á marxe do debate aberto, neste tempo de encrucillada para o nacionalismo, xa que a aposta política témola clara: un proxecto inequivocamente soberanista e situada nas coordenadas da esquerda transformadora.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde