Hoxe, á calor do aumento dos prezos dos metais raros, do ouro e a prata, multiplicanse os proxectos de reapertura de vellas minas ou de novas explotacións. Wolframio e ouro son os elementos que protagonizan estas iniciativas. Corporacións mineiras multinacionais con accionariados dominados por importantes fundos internacionais de investimento industrial, presionan gobernos para acelerar a tramitación de proxectos e solicitan apoio económico e institucional, coa excusa do grande número de postos de traballo que, din, van criar. Colt Resources Inc., Wolf Minerals Ltd, Heemskirk Consolidated Ltd, Edgewater Exploration Ltd son nomes que están atrás de proxectos en Portugal (wolframio en Tras-Os Montes e ouro no Alentejo), Inglaterra (wolframio en Devon), España (wolframio en Salamanca) e Galiza, onde salienta o aproveitamento mineiro de Corcoesto. Mais a nova vaga mineira ameaza con se extender por boa parte do país.
Non vamos reparar aquí nos manidos argumentos industriais que acusan aos ecoloxistas de cavernícolas. Non faremos da necesária redución do consumo de metais e minerais nas sociedades denominadas avanzadas, nen do enorme impacto ambiental dos proxectos, os eixos do noso relato. Tentaremos interpretar este frenesí mineiro desde unha perspectiva autocentrada, considerando a imperiosa necesidade de respeitar o entorno natural como peza esencial dun proxecto de construción nacional baseado no aproveitamento racional dos recursos.
A minaría de hoxe no mundo
Na actualidade, o modelo predominante de minaría é o das explotacións a ceo aberto con grandes ocupacións do território e enorme volume de movimento de terras e rochas, o cal fai inevitábel o protagonismo excluinte desta actividade nas paisaxes onde se instala. Parece ter rematado a época das pequenas explotacións, muitas delas baixo terra. Hoxe, grandes explotacións de carácter espoliador e producións nomádicas acompañan un modelo caracterizado pola existéncia de mercados globais, onde as operacións de compra e venda se desenvolven a miles de quilómetros da corta que produce o mineral. Pequenas transformacións iniciais permiten colocar en bruto o produto que será utilizado na indústria internacional da transformación ou nos mercados mundiais do ouro.
Un escenário que limita as oportunidades para integrar a minaría no desenvolvimento económico local. É óbvio que nos países onde existe unha certa tradición transformadora que medrou en paralelo á explotación de recursos locais, é máis doado reservar parte das producións ao fornecimento de mineral á indústria local. Máis difícil aparenta dar o salto cara a transformación industrial nun país con actividade extractiva pero sen tradición transformadora. Os investimentos son agora escasos, afogado como está o crédito e limitado o gasto das institucións públicas. Isto non significa que a transformación do mineral e a elaboración de produtos altamente demandados por distintos subsectores industriais non sexan máis competitivas en entornos próximos aos focos extractivos.
Transformación mineira e conservación do património
De contar coas condicións políticas, económicas e financeiras favorábeis para desenvolver un sector mineiro galego mediante a sua industrialización transformadora, poderíamos estar a falar dunha grande oportunidade para impulsar várias liñas estratéxicas en matéria de política industrial, investigación e innovación tecnolóxica e criación de emprego. A indústria transformadora do wolframio na Inglaterra é un referente. Existen várias empresas de transformación que operan hai máis de 50 anos producindo elementos imprescindíbeis para a indústria de automoción, de corte industrial ou de extracción de gas ou petróleo. A elaboración de pezas para usos mui concretos a partir de tungsteno sinterizado permite dar traballo nunha soa empresa a máis de cen persoas.
Ora ben, con este modelo, parece imposíbel conciliar o desenvolvimento mineiro coa protección do entorno natural. No caso da minaría do ouro, este modelo produce enormes cantidades de resíduos perigosos altamente tóxicos. Isto fai mui difícil a sua integración territorial sen constituir unha grave ameaza para outros usos e aproveitamentos (agrário, gandeiro, forestal, turístico) ou para a conservación dos elementos patrimoniais (paisaxe, habitats forestais e fluviais, recursos históricos e arqueolóxicos, etc). E este é o caso de Corcoesto. Tamén da maioría do resto de proxectos, onde, ademáis, non se contempla nengunha iniciativa de integración económica e de desenvolvimento industrial e tecnolóxico.
Corcoesto
O proxecto da empresa canadiana Edgewater Exploration Ltd. terá unha vida de pouco máis de 8 anos e unha ocupación estimada en máis de 500 has, repartidas en duas áreas de extracción e tres de depósito. Un movimento anual de máis de 2.100.000 toneladas de mineral e a xeración de máis de 9.100.000 m3 de depósitos residuais, parte dos cales se confinarían nunha grande balsa, que acumulará un enorme volume de substáncias perigosas pola sua elevada toxicidade. A presenza dunha balsa das dimensións previstas en entornos de climas áridos, de escasas precipitacións, e de orografía pouco complexa (chairas ou desertos), podería reducir enormemente o risco de contaminación por accidente ou catástrofe. Terrenos de pendientes moderadas, rede hidrográfica complexa e meteoroloxía caracterizada por valores elevados en precipitacións, configuran un escenário físico no que os factores de risco se multiplican.
Corcoesto e muitos dos demáis, son proxectos que non son integrábeis na economía nacional e, á inversa, no momento actual, esta carece de posibilidades de rendibilizar a presenza dos primeiros. A maiores, interfiren gravemente coas actividades económicas existentes. E o custe ambiental, en forma de grandes depósitos tóxicos, sobrepasa con creces os benefícios económicos e sociais xerados.
Salientar a enorme incidencia ambiental destes proxectos é fundamental. Mais o seu carácter pernicioso agrávase ao considerarmos o escaso impacto que producirán no emprego e na economía nacionais. Urdir unha rede opositora debe incorporar tamén esa información.