Hai 20 anos apenas, coa derrota dos procesos de construción do socialismo nos países do leste de Europa, configurábase un novo escenario mundial marcado pola total hexemonía do imperialismo e da reacción. O novo pensamento único, constituído polo binomio de neoliberalismo e neoconservadurismo co aderezo filosófico do posmodernismo, prometía o fin da Historia (e da loita de clases) e o advenimento do paradiso consumista nun mundo unipolar “globalizado” baixo a batuta dos Estados Unidos. Sepultadas polos cascotes do Muro de Berlín ían xacer para sempre as arelas de liberdade e igualdade da clase obreira e dos povos do mundo.
Mais a realidade actual amósanos un panorama ben distinto do planeado polos centros de pensamento do capitalismo mundial. Un escenario ben complexo, cheo de contradicións e de instabilidade, cheo de perigos, mais tamén de oportunidades.
Poderíamos destacar catro grandes elementos que han definir ese novo escenario mundial e determinar, nunha relación dialéctica entre eles, o ritmo e a intensidade dos avances (ou de novos retrocesos) na loita polo socialismo e a soberanía dos povos.
Por unha banda estamos a asistir aos momentos iniciais dunha crise xeral do capitalismo. Se ben o seu detonante pontual (ou aparente) foi o colapso dos chiringuitos especulativos nos mercados financeiros, na orixe real da mesma está unha contradición insólubel do proprio capitalismo: canto máis lucro lle saca aos traballadores, menos produtos poden estes mercar. Xa sabemos como o capital resolve historicamente as suas crises; principalmente por medio de tres recursos: o empobrecemento masivo dos traballadores, o disciplinamento forzado da clase obreira (fascismo/estado policial) e a guerra.
Por outra banda a (re)aparición de novas e vellas potencias emerxentes que lle disputan en parte a súa hexemonía ao capitalismo central (os países do chamado BRIC: Brasil, Rusia, China e India), colocan os tres polos imperialistas dominantes (Estados Unidos, Unión Europea e Xapón) nunha situación que dificulta a súa marxe de maniobrabilidade fronte a crise e fronte o esgotamento (e encarecemento) dos recursos naturais.
Tamén presenciamos a consolidación dos procesos bolivarianos que, alicerzados na onda de resistencia popular que confrontou ao neoliberalismo nos anos 80-90 do século pasado, recuperan agora a soberanía nacional-popular, procurando a xustiza social e a integración continental en América Latina (co seu máximo exponente na ALBA, que xa aponta ao socialismo como orientación estratéxica).
Finalmente, asistimos a unha recuperación crecente (inda que moi desigual) das forzas do campo revolucionario. No ciclo anterior, moitos partidos comunistas, obreiros e forzas de liberación nacional padeceron procesos de disolución, ou ficaron desorientados, emprendendo varios tipos de aventuras reformistas ou mesmo reconverténdose en xestores entusiastas do neoliberalismo (nalgúns casos isto favoreceu a reaparición de tendencias vangardistas ou aventuras esquerdistas, que o alonxamento das masas e certo elitismo intelectual condena a estirilidade). Mais a situación está a mudar, xa que vemos darse, con desigual ritmo e intensidade, procesos de consolidación de diversos partidos comunistas (podemos destacar os casos máis próximos de Portugal, Grecia, Chequia ou Chipre), de recuperación (orgánica e ideolóxica) e refundación de moitos outros, a revitalización de diversos mecanismos de coordinación ou concertación mundial de forzas comunistas, revolucionarias e de liberación nacional, e o novo pulo á coordinación mundial do sindicalismo de clase por medio da Federación Sindical Mundial e os seus órganos continentais.
Todos estes factores que cuestionan a estabilidade do capitalismo, tamén o colocan nun novo escenario máis propicio para o avance revolucionario e emancipador da clase traballadora e dos povos. A tarefa histórica que temos diante (como povo e como clase) é a construción da ferramenta política para derrubalo, acadar a soberanía nacional e construír o socialismo.