O Día da Patria adoita marcar para o nacionalismo a fin do curso político e, polo tanto, o momento de poder facer balanzo e reflexión do traballo feito, así como de ir avanzando nas liñas de traballo do máis inmediato futuro. Neste sentido, desde o MGS facemos os seguintes apuntamentos, referidos á conxuntura pola que atravesa o nacionalismo galego e, nomeadamente, o nacionalismo político nucleado en torno ao BNG.
Máis unha vez, o actual curso político estivo marcado por un contexto socio-económico altamente lesivo para os intereses da clase traballadora e os sectores populares, agudizado aínda máis polas políticas desenvolvidas polo bipartidismo neoliberal: o PSOE no goberno do Estado e o PP á fronte da Xunta de Galiza. Porén, estas políticas, pregadas totalmente aos intereses da clase dominante, tiveron unha firme oposición e unha resposta en clave mobilizadora por parte do nacionalismo en Galiza, coa realización de dúas folgas xerais, a do 29 de setembro de 2010 (contra a reforma laboral e tamén de ámbito estatal) e mais a do 27 de xaneiro de 2011 (contra a reforma das pensións, de ámbito nacional galego). Este feito constitúe a demostración palpábel de que a clase traballadora é o auténtico motor da contestación social e o referente para a construción de alternativas ao modelo económico-social e ao sistema económico imperante, un capitalismo cada vez máis depredador pero tamén cada vez máis senil, por dicilo en palabras do economista marxista Samir Amin.
Dúas folgas xerais e unhas eleccións municipais
Nestas dúas folgas xerais que se sucederon nun período de apenas catro meses, o papel do nacionalismo galego foi determinante, tanto o desenvolvido pola CIG, como central sindical nacionalista que impulsou as dúas convocatorias (a segunda, en solitario), como o do BNG, como organización política que -malia certas contradicións internas- apoiou sen medias tintas ambas as folgas xerais, mantendo ao mesmo tempo un posicionamento político e institucional plenamente coincidente coas reivindicacións do sindicalismo nacionalista.
Por outra parte, o curso político que remata tivo nas eleccións municipais de maio o outro gran punto culminante. Unhas eleccións municipais nas que o BNG obtivo, en termos xerais, uns resultados insatisfactorios mais que de ningún xeito podemos cualificar de catastróficos, tal como no seu día avaliamos desde o MGS. Máxime cando se producían nun contexto, tanto externo como sobre todo interno, non exento de complicacións para que o BNG puidese afrontar un proceso electoral como o das municipais nas mellores circunstancias, o que non obsta para lembrar que nese proceso se cometeron erros de vulto, como un Regulamento para a confección das listas municipais que contrariaba o pluralismo e o frontismo inherentes ao BNG como proxecto político. Aínda así, os máis de 261.000 votos logrados polas candidaturas do BNG, e que deron lugar a unha trintena de alcaldías, non poden ser considerados unha cifra desprezábel, sobre todo se atendemos ao feito de que o discurso xeral mantido durante a campaña foi un discurso claro e inequívoco situado claramente no nacionalismo popular e na esquerda antineoliberal e transformadora.
Porén, as diferentes lecturas dos resultados electorais que se deron por parte das diferentes sensibilidades que operamos no BNG puxeron de manifesto a necesidade dun amplo debate interno no seo da fronte, un debate que comezou con xuntanzas das catro correntes políticas constituídas en comisión (por proposta do consello nacional) e que ha culminar, ou ter o seu punto de inflexión, na celebración da asemblea nacional do BNG prevista para o 22 e 23 de outubro. Isto, coa salvidade de que un previsíbel adianto das eleccións ás Cortes Xerais do Estado obrigue a un atraso nas datas previstas.
Rumbo a unha nova asemblea nacional do BNG
Nós temos claro, como MGS, que estamos ante o momento de fortalecer o BNG como instrumento útil, válido e necesario no camiño da soberanía política de Galiza e da emancipación social. Mais de fortalecelo desde a aposta sincera por un BNG situado nas coordenadas políticas do nacionalismo soberanista e da esquerda transformadora. E somos conscientes que non todo o mundo no BNG está por isto, polo que o escenario que se abre con esta convocatoria de asemblea nacional ordinaria é un escenario bastante aberto en canto ás posibilidades de albiscar un desenlace certo.
Na Comisión do BNG creada para o debate interno das diferentes sensibilidades presentamos un pequeno documento dando conta dunha serie de aspectos que para nós explicitan cal debe ser o rumbo que ten que tomar o BNG. Un pequeno documento feito desde a honestidade política e no que tentamos sintetizar ao máximo as nosas posicións, que sendo firmes tampouco son numantinas, porque temos claro que a convivencia política nunha fronte como o BNG exixe mínimos comúns denominadores e exixe, por tanto, ser quen de consensuar posicións, sempre que isto evidentemente non signifique renuncias inasumíbeis ou adhesións incondicionais.
Propostas do MGS
Así, no noso documento avogamos, en primeiro lugar, por unha reafirmación do modelo frontista, como mellor xeito de xestionar acaídamente e pluralidade interna do BNG, unha pluralidade que é un valor a preservar no nacionalismo político. Por tanto, frontismo pero un frontismo que corrixa determinados vicios adquiridos que para nada son compatíbeis cun BNG no que todos e todas poidamos desenvolver con certa comodidade o noso traballo político. Neste sentido, non acreditamos en propostas como as propugnadas por algunha das sensibilidades de Executivas do BNG conformadas por unha única corrente, algo que atenta ao pluralismo inherente a unha fronte política (como no seu día aconteceu co Regulamento para a confección das listas do BNG ás eleccións municipais).
En segundo lugar, estamos polo reforzamento do modelo asembleario e participativo. Por tanto, propugnamos que se volvan consignar nos Estatutos do BNG que as asembleas nacionais do BNG son asembleas abertas ao conxunto da militancia, eliminando o pernicioso sistema de asembleas por delegación instaurado en 2006. Así mesmo, pensamos que hai que traballar en fórmulas para dar maior capacidade de decisión ás asembleas, isto é, á militancia da organización, e que é conveniente estimular a participación.
En canto á liña política, e xa en terceiro lugar, no documento que presentamos insistimos na necesidade dun BNG situado claramente no nacionalismo popular e na esquerda política, e que isto tamén se ten que verificar nos posicionamentos e relacións internacionais. E por suposto isto tamén se ten que verificar nos comportamentos públicos, isto é, discurso de esquerdas e práctica política tamén de esquerdas.
En cuarto lugar, e fronte á primacía do traballo institucional, propomos a combinación do traballo social co labor que desenvolvemos nas institucións, tendo claro que a mobilización social é unha ferramenta irrenunciábel para a acción política do BNG.
Xa en quinto lugar, abordamos unha cuestión que probabelmente noutro escenario interno debería ser a gran reflexión política da asemblea nacional e que ten a ver coa posición do BNG sobre a cuestión nacional, posición que estivo determinada nos últimos tempos polo tacticismo, léase, a proposta feita no seu día de Estatuto de Nación, algo inviábel no actual contexto político e que non responde ás necesidades de soberanía de Galiza. Nós avogamos pola recuperación por parte do BNG dun discurso nidiamente soberanista e emancipador, co conseguinte traballo de acumulación de forzas en torno a ese discurso. Un discurso que exixe desprenderse de certo complexo adquirido por parte de importantes sectores do BNG e que hoxe é posíbel dar ante a sociedade galega sen maiores traumas.
E por último, o noso documento aborda outro dos asuntos que vén sendo unha das nosas preocupacións primordiais na fronte política como o é todo o referido á relación do BNG cos movementos e organizacións sociais, algo fundamental para unha organización que ten un carácter transformador e que por tanto non é homologábel ás forzas políticas sistémicas.
O contido xeral deste documento, xunto con documentos similares das outras sensibilidades organizadas, está a ser debatido no conxunto do país, a través do debate preasembleario que se vén dando este mes de xullo no seo do BNG. O noso compromiso como MGS é ir concretando en propostas máis polo miúdo as cuestións aquí expostas, co fin de que formen parte do debate asembleario aberto no BNG. En todo caso, nós estamos poñendo o noso gran de area para facermos do BNG o instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social.