Tempos convulsos, tempos confusos

Hai frases célebres que en determinadas épocas e culturas tiñan un significado común. Frases que apelaban as conciencias de quen as escoitaba, que animaban a loitar polos dereitos d@s excluíd@s e a defender con dignidade os dereitos dos pobos e das persoas que os conforman. Eu quedo co “Denantes mortos que escravos”, que escribiu Castelao no escudo de Galiza, pero non esquezo o “Prefiro morrer de pé que vivir axeonllado” pronunciado polo Ché ou aquel “Quero morrer sendo escravo dos principios, non dos homes”, de Zapata. Frases que formaban parte do imaxinario colectivo noutrora e que caeron en desuso, porque aínda que se sigan empregando, algunhas mesmo até a saciedade, perderon a esencia que lles daba un significado real.

O capitalismo ten unha abraiante capacidade para engulilo todo, para transformar en produto de mercado unha idea revolucionaria, para baleirar de significado as palabras, para comprar conciencias e destruír soños. Claro que conta para iso con todo un aparello, por veces invisíbel, mais imprescindíbel.

Vivimos tempos convulsos. Tempos confusos. Tempos dunha indefinición milimetricamente construída. A autodenominada ‘esquerda’ — léase socialdemocracia — vive unha crise de tal envergadura que só ten comparación coa que atravesou tras da caída do muro en 1989. Aceptou o axioma de que vivimos no mellor dos mundos posíbeis. Asumiu sen chistar a necesidade de mudar a linguaxe e de ir desembarazándose de incómodas ataduras ideolóxicas.Abrazou o capitalismo como o campo no que actuar. Incorporou o reformismo á súa praxe política e eludiu cuestionar o sistema para ofrecerse a xestionalo.

Esa autodenominada ‘esquerda’ padece o mal do esquecemento. É a consecuencia de renunciar aos principios ideolóxicos priorizando obsesivamente a modernidade. Esa modernidade ensalzada polos medios de comunicación, puntas de lanza do capitalismo, que deixaron de falar, alá polo final dos anos 80 da clase traballadora para pasar a denominala, de forma absurda e inxustificábel, como clase media; de sindicatos e patronal, para chamalos ‘axentes sociais’; de loita de clases para falar de relacións laborais. Eses mesmos medios que substituíron as seccións de “Laboral” polas de “Economía” ou “Mercados” e relegan as loitas sociais á marxinalidade informativa. Porque falar diso non é moderno e reproducir discursos dese tipo pode provocar que se espalle o exemplo facendo saltar polos aires a tan aclamada paz social.

Esa modernidade, quer política, quer mediática, de forma obscena e xa para colmo de renuncias, chegou ao punto de denominar á clase oprimida e explotada como “los de abajo” e á clase dominante e dirixente como “los de arriba”. E así vemos como o capitalismo coloniza ás súas anchas todas as facetas das nosas vidas e como gaña a batalla das ideas, coa colaboración necesaria dos medios de comunicación e grazas á nunca abondo recoñecida entrega, por parte desas esquerdas, dos espazos, da ideoloxía e das palabras.

Así, quen quede fóra do marco do politicamente correcto, quen pretenda utilizar as palabras atendendo ao seu verdadeiro significado, quen ouse cuestionar o sistema ou quen defenda un sistema diferente, é desfasado, extremista e radical e debe ser neutralizado.

Todo isto conseguiuse nun tempo record. Nun tempo no que a mediática o invade todo e no que as novas tecnoloxías, como perfecto complemento dos medios de comunicación tradicionais, provocan saturación, xeran desinterese e alimentan a desinformación.

Poderiamos pór exemplos por milleiros desa manipulación de conciencias á que nos someten repetindo unha e outra vez a mesma mensaxe en todos e cada un dos medios.Miremos as informacións máis próximas no tempo sobre o independentismo catalán, que pon en cuestión a sagrada unidade de España; sobre o Brexit, que fai tremer os piares dunha UE que está, máis que nunca, cuestionada; sobre Venezuela, que apostou por un outro sistema; sobre Siria, onde se libra unha guerra imperialista; sobre as políticas económicas necesarias para saír da crise; sobre a crise dos e das refuxiadas…E lembremos cantas conversas de rúa ou de bar escoitamos repetindo xusto a mensaxe que se quería insuflar.

Non é casual que medre a xenofobia en Europa, nin que a extrema dereita obteña resultados nunca vistos. Cando se difunden informacións que, de forma sistemática, satanizan culturas diferentes ás nosas ou se cualifica de ditaduras sistemas políticos non asumidos nin asimilábeis polo capitalismo para xustificar intervencións bélicas que responden a intereses xeoestratréxicos e económicos; cando se sinala ás persoas migrantes como presuntas terroristas ou cando, nunha situación económica crítica para a clase traballadora se apunta como culpábeis a quen ven de fóra para ocupar os seus empregos e/ou utilizar os seus servizos públicos, é unha resposta lóxica e dirixida. Ao fin, esa extrema dereita, non pon en cuestión a esencia dun sistema que non permite fisuras.

Por iso as voces que defenden unha versión diferente a oficial son acaladas, marxinadas ou ridiculizadas. Por iso, nas eleccións francesas os medios preferían a Le Pen que a Mélenchon. É verdade que de Le Pen advertían dos seus excesos proteccionistas, do seu antieuropeismo e da súa xenofobia. Pero de Mélenchon houbo medios que chegaron a utilizar a socorrida e sempre eficaz pantasma de Venezuela, advertindo que quería, nin máis nin menos, que meter a Francia no eixo bolivariano.

E isto é así porque na aldea global só se admite o pensamento único. Non hai oco para a disensión e menos neses medios que atenden ás presións do poder económico e político con entusiasmo, respondendo, como empresas que son, ás demandas de quen os financia vía publicidade, vía subvencións ou mesmo formando parte dos seus Consellos de Administración. Todo isto sen que se faga demasiado evidente, claro, para que nada poña en cuestión a existencia dunha suposta liberdade de prensa e vendendo como pluralismo pór en boca de tres fontes diferentes as mesmas opinións reproducidas con distintas palabras.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde