Soberanía sexual e nacional: ceibando praceres e pobos

“O corpo é un campo de batalla”, “na miña cona mando eu”, “o persoal é político”, “rachemos as bisagras de todos os armarios”… estamos ante proclamas feministas que nos falan de soberanía, autonomía e autogoberno; verbas cheas de radicalidade democrática que poñen no centro da política cuestións cruciais como a emancipación e o direito a decidir.

O movemento LGTBIQ sempre foi -dende as revoltas de 1969 no Stonewall Inn- un conxunto de rebeldías e proclamas a prol da emancipación sexual e contra as represións patriarcais. Non podemos esquecer que o contexto sociopolítico no que se enmarcan as revoltas de Stonewall Inn está cheo de apoio mutuo, movementos antirrepresivos e proclamas emancipadoras (contra a guerra de Vietnam, antirracismo, movementos postocoloniais, feminismos, soberanismo dos pobos, Black Power, ecopacifismo, sindicalismo de clase, etc).

Como soberanistas afectivo-sexuais, as transmaribibolleiras feministas sempre estivemos dando a batalla no eido das micropolíticas cotiáns en cuestións como a soberanía estética (pluma, vestimenta, corpo), a soberanía amatoria (expresión e vínculos afectivos) e a so- beranía sexual (identidade de xénero, prácticas sexuais, direitos sexuais e reprodutivos). Levamos no noso ADN a loita polas soberanías d@s oprimid@s, colonizad@s, esnaquizad@s, cousificad@s, armarizad@s e negad@s -mal que lles pese a aquiles que loitan por despolitizar ao movemento LGTBIQ e reducilo ao capitalismo rosa. Pero por moito que nos queiran impor a amnesia coletiva e a despolitización identitaria, nós ben sabemos que o movemento LGTBIQ é un movemento soberanista, internacionalista e simpatizante de todos os movementos emancipadores.

Deste xeito, hai que comezar a tecer máis canles e espazos compartidos entre o soberanismo sexual e o soberanismo nacional. Por que? Moi sinxelo, en todos os pobos hai persoas LGTBIQ e -no caso do pobo galego- somos moitas as galegas que, a parte de ser activistas LGTBIQ feministas, somos soberanistas galegas e loitamos por unha Galiza soberana e feminista. Ceibe de violencias patriarcais e plumofobia, xa que non acreditamos nunha hipotética patria ceibe que sexa heterosexista. O movemento LGTBIQ feminista e galego está a prol dunha Galiza na que @s galeg@s LGTBIQ teñan pleno direito a decidir: direito a ter identidade sexual recoñecida e ceibe de violencias, direito a crear familias diversas, direito a ter unha estética determinada non cousificada, direito a vestir e expresarse como unha queira sen ser criminalizada, direito a gobernar soberanamente sobre o corpo, direito a ser unha mesma sempre e en todo lugar…

O españolismo patriarcal e neoliberal teno moi claro, non quere que haxa alianzas, estratexias compartidas e repolitizacións estratéxicas no seo dos pobos en loita. Interesa despolitizar ao movemento LGTBIQ e baleiralo de todo contido transformador, soberanista e emancipador; desarraigalo do seu contexto inmediato en aras da internacionalización dun movemento LGTBIQ soft de baixa intensidade (interesa o éxodo rural, reducirnos a clientes LGTBIQ, parodiar as diversidades afectivo- sexuais, etc.)

Estamos ante unha mesma matriz opresora que nega culturas, nacións, orgasmos, práticas, familias, identidades, relacións e vivencias. O Reino de España ao mesmo tempo que desdebuxa o carácter nacional de Galiza, folcloriza certas particularidades afondando na súa asimilación; e ao mesmo tempo que perpetúa a LGTBIfobia, mercantiliza os nosos praceres cun capitalismo rosa que extrae maisvalías das transmaribibolleiras.

A mesma prensa españolista que nega o carácter nacional de Galiza tamén nega o carácter sexual das persoas LGTBIQ; son os mesmos resortes que colonizan e negan, teñen como bandeira a rojigualda da fa- milia nuclear, a asimilación folclorizada e a cousificación torticeira ao servizo do patriarcado ibérico. Non esquezamos que o mesmo réxime que lexitima o heterosexismo e a plumofobia, tamén é garante do monolingüismo e o centralismo máis recalcitrante; o chovinismo da mantilla e o tricornio, o Opus e Galicia Bilingüe. Os mesmos que falan do “bilingüismo armónico” aplauden os novos perfís LGTBI asimilables e adaptativos ao seu sistema: “el perfecto vecino gay que todo facha quisiera tener en su comunidad de vecinos”.

Por que non ollar de xeito integral o status quo heteropatriarcal que nega o direito á nacionalidade e á sexualidade? Por que non ollar que nos soberanismos sexuais e nacionais existen elementos desestabilizadores e contra-hexemónicos comúns que os poden converter en aliados?

O movemento LGTBIQ e os nacionalismos de esquerdas son -ou deberían ser- confraternos e aliados en cada pobo sen estado que loite pola súa emancipación nacional. Hai armarios sexuais, mais tamén nacionais. Canto autoodio, negación e medo a rachar as bisagras do armario español heteropatriarcal? Por que o soberanismo nacional non se reapropia de estratexias do Orgullo que enarbola o soberanismo sexual? Heterosexismo e monolingüismo comparten grande parte da matriz opresora: quérennos sen pluma e sen lingua, quérennos asimiladas e españolizadas, quérennos submisas e servas do heteropatrón español.

Por isto e moito máis temos que seguir profundizando na defensa de todas as soberanías ao mesmo nivel e coa mesma intensidade, porque todas elas están intimamente interconectadas artellando e creando país, pobo, nación e patria nesta Galiza insubmisa e chea de minorías silenciadas.

Porque frear o militarismo e a colonización tamén é traballar por unha coeducación transformadora; porque a loita contra a megaminería e a barbarie ecocida tamén é rebeldía contra o canon estético e cousificador; porque defender a biodiversidade e a soberanía alimentar tamén é apostar pola diversidade estética e amatoria; porque estar en contra dos Borbóns é loitar contra a familia nuclear. Todas as emancipacións, todas as soberanías. A República da Galiza será transmaribibolleira e feminista ou non será.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde