Soberanía e modelo económico no debate feminista de Istambul

Durante o 29 e 30 de xuño reuníronse en Istambul máis de 500 feministas no Encontro Feminista Europeo organizado pola Marcha Mundial das Mulleres en Europa. Este encontro, que precedeu ao Foro Social Europeo celebrado na mesma cidade e que acadou unha participación significativamente máis alta que aquel, tivo porén moita menos repercusión na axenda europea de organizacións políticas e movementos sociais.

Mulleres de máis de 23 países, Galiza entre eles, analizaron a situación socio-política europea, partillaron experiencias de loita e resistencia e teceron alianzas para a mobilización mentres o conxunto de Europa ignoraba este evento multitudinario. Nun momento no que resulta complexo artellar as loitas locais e particulares dentro de dinámicas nacionais e internacionais o feminismo europeo é capaz de convocar a máis de 500 mulleres procedentes de 23 países para traballar nun proxecto común de loita pola emancipación das mulleres mais tamén para pór en cuestión o sistema económico e social e reivindicar o dereito dos pobos á autodeterminación.

A forte resposta do pobo grego ás imposicións do capital, nomeadamente ás exixencias do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial, que deron no actual escenario político ten no movemento feminista do país un dos seus maiores aliados. Foron as mulleres gregas presentes en Istambul, así como as albanesas, macedonias e polacas, as que puxen enriba da mesa deste encontro a necesidade de combater o sistema capitalista para dar unha oportunidade aos seus pobos e tamén as mulleres e á súa loita. O seu activismo e loita fai parte imprescindíbel da resposta social ás agresións da dereita e o capital e reclama un modelo social máis xusto no que as mulleres poidan ser libres, o socialismo. E foi este e non outro o seu plantexamento, lonxe de discursos antisistema sen concreción ningunha as mulleres dos Balcáns apostan polo socialismo como ferramenta de liberación para os seus pobos e o seu xénero. As mulleres gregas están a demostrar coa súa incansábel militancia feminista e sindical que sen elas ningún cambio sería posíbel no seu país.

E non son as únicas, gregas e turcas traballan por un proceso de desmilitarización dos seus estados, os que realizan un investimento maior en armamento de Europa, e pola superación dos conflitos; é o movemento feminista un dos que máis está a traballar en Chipre pola unificación, as mulleres turcas e gregas, chipriotas, veñen de plasmar neste encontro unha folla de ruta para o traballo conxunto no páis sustentado na colaboración, a acción conxunta e a realización de actividades focadas a traballar en pos da reunificación de Chipre dende a loita feminista.

Tamén as mulleres turcas tiveron unha importante presenza no discurso mais foron as mulleres curdas as que visibilizaron o outro eixo do debate feminista europeo nesta altura: os dereitos dos pobos. Formando parte dunha coordinadora nacional turca nun país no que falar a súa propia lingua é delito, as mulleres curdas tomaron a palabra no encontro feminista, na súa lingua, para reivindicárense mulleres feministas e socialistas. Fronte á imposición dunha identidade turca reivindicaron un Curdistán libre e socialista. Tamén na loita do pobo curdo pola súa liberación é o movemento feminista un dos maiores protagonistas. Son as mulleres curdas as que, nun estado opresor e negador da súa identidade, no marco dun encontro europeo de mulleres, puxeron o seu pobo no centro do debate e a súa loita aos ollos do mundo.

E neste contexto, acompañando as mulleres turcas, estiveron as mulleres vascas e as galegas. Recoñecéndose unhas a outras nas loitas dos seus pobos e nos conflitos cos estados que os oprimen. Foron as mulleres, máis unha vez, as que puxeron a través dos debates e os talleres compartidos con mulleres de toda Europa ao Curdistán, Euskal Herria e Galiza no mundo. No marco dun movemento feminista anticapitalista como o citado en Istambul neste Encontro son as mulleres vascas, curdas e galegas, as vascas e galegas con coordinadora nacional propia e por tanto voz propia no mundo, as que lideran a loita polo dereito de autodeterminación dos pobos.

Mostra de que o feminismo está a marcar axenda en Europa e non só é que aos debates e posicionamentos críticos co sistema de mulleres belgas, italianas, francesas, polacas, galegas, vascas, macedonias, austríacas, inglesas, alemás, ou suízas, deu en sumarse unha delegación de compañeiras de Irán, comprometidas co seu pobo e a loita feminista, reivindicando a retirada do exército estadounidense do seu país e a solidariedade das mulleres europeas co seu activismo político.

Pero non só houbo análises da situación ou experiencias compartidas, o eixo fundamental no que o feminismo europeo centrou os seus debates foi o futuro. Ás accións de loita nos diferentes países e o chamamento á acción conxunta. Así fronte á cimeira da OTAN en novembro en Portugal o movemento feminista europeo vén de convocar unha contra-cimeira focada nunha das reivindicacións da declaración de Istambul: redución do gasto militar. Para denunciar a situación de guerra en África o chamamento á acción pola paz e o desarmamento na República Democrática do Congo en outubro. Para combater a situación de crise europea a participación e apoio das euromarchas contra a precariedade e o desemprego en Bruxelas tamén en outubro. Amosar toda a solidariedade e apoio, cun seguimento do proceso, ante o xuízo contra 151 políticas, alcaldesas e defensoras dos dereitos das mulleres curdas e activistas sindicais en Diarbakyr en outubro.

Todo isto nun marco político no que as galegas temos voz e representación propia, un encontro ao que acudimos representando as mulleres mas tamén o noso pobo. Un dos lemas do encontro foi “Mulleres en marcha até que todas sexamos libres!”; as galegas non nos deteremos até que así sexa, sabendo que só podemos ser libres nunha Galiza liberada.¶

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde