Shock e saída para o desánimo

Na miña práctica diaria, como sindicalista na operadora Unísono, pregúntome con demasiada frecuencia por que as traballadoras consentimos as continuas agresións laborais que sufrimos ou, peor aínda, por que damos por normais as prácticas antiobreiras ás que nos vemos sometidas. A resposta non é doada se queremos darlle solución a esta dinámica que é colectiva, non individual.

Coa crise como excusa, co entreguismo de PSOE-UGT-CCOO como cómplices e coa creación de emprego como promesa, as traballadoras/es asistimos a un espectáculo do que pretenden que só participemos para poñer o lombo.

As agresións laborais que se sucederon desde o 2008 transcorreron a un ritmo tan vertixinoso que non permitiron que o conxunto da clase traballadora tomase consciencia das terribles consecuencias que traerían consigo. Precisamente, este carácter acelerado na aplicación destas medidas neste particular contexto económico, favorece un estado de con- moción, de parálise e parece estar a postergar o espertar por parte das clases populares. Esta desorientación, auspiciada en maior medida polos medios de incomunicación propiedade do capital,é perfectamente entendible se atendemos, ademais, ó carácter desas regresións lexislativas e sociais, que podemos agrupar en dous eixos: por un lado as orientadas a devaluar a remuneración da forza de traballo, e por outro as que supoñen un recorte de dereitos e liberdades (necesarias tamén para poder efectivizar as primeiras).

Dereitos que criamos inmutables esborrállanse ante a pasividade de parte da nosa clase, e as incansables tentativas de organizacións contra-hexemónicas, que aínda se demostran insuficientes. Dentro das medidas máis representativas que devalúan a remuneración da forza de traballo podemos atopar a redución de indemnizacións, os contratos bonificados, a posibilidade de descolgue do convenio ou a previsión de perdas como causa obxectiva de despedimento. Medidas que recortan os nosos dereitos, dentro do ámbito laboral, son fundamentalmente as relacionados coa negociación colectiva (sirva como exemplo a pretendida caducidade dos convenios ou a estrutura da negociación), pero tamén outras que na forma non están emparentadas co mundo laboral, pero si no fondo, como a recentemente aprobada “Lei Mordaza”.

Non é ningún segredo que o sindicalismo español, pactista e timorato, non é alternativa para a defensa da clase obreira. Como tampouco o son o binomio PPSOE, nin tampouco novas formacións cun discurso aparentemente renovado pero que renegan de mudaren o sistema. Isto teñen que sabelo tamén os milleiros de afiliados/as e militantes que mes a mes pagan a súa cota. Porén, as traballadoras/es conscientes non podemos caer no derrotismo, e moito menos podemos considerar a idea de que este proceso é inmutable. A Historia ensinanos todos os días que dereitos que parecían inalienables á nosa condición se pervirten e se destrúen, pero tamén que a través da organización da clase traballadora é posible vencer os maiores desafíos, como ten demostrado o sindicalismo nacionalista en numerosos conflitos de empresa onde se lograron auténticas victorias, pese a ter absolutamente todo á contra. Para facer destes casos illados algo extensible ó conxunto da nosa clase, compre mudar a correlación de forzas. Por que, a pesar de que o anterior é unha afirmación reativamente sinxela, aínda continuamos a agardar non se sabe ben o que?

Como é obvio, este clima de desánimo e desafección non é condición intrínseca do ser humano, se non que atende á modulación consciente da sociedade por parte do poder económico. A crise estrutural do capitalismo, que chegamos a asumir como propia, que aniñou ata ser rémora nas mentes das traballadoras/es, fixo que o medo se instalase con vontade de permanencia. Segundo Naomi Klein as políticas neoliberais que se aplicaron desde os anos 70, (e ás que contribíu Milton Friedman, teórico de Chicago e gran defensor de lassaiz-faire económico) non terían sido aceptadas se a sociedade non manifestase un importante grao de confusión e desorientación, provocadas por acontecementos traumáticos. Basea a súa teorización, fundamentalmente, nas moi citadas palabras de Friedman que din que “só unha crise, real ou percibida, dá pé a un cambio verdadeiro. Cando esa crise acontece, as accións que se levan adiante dependen das ideas que flotan no ambiente”. Naomi Klein fixo fincapé nestas palabras para explicar, por tanto, que é preciso que exista unha crise para crear unha conmoción na psicoloxía social e poder así impoñer de xeito máis cómodo determinadas políticas: a chamada “doutrina do shock”.

Aplicado á nosa realidade, este bombardeo mediático que facía fincapé no estado de excepción que supoñía a “crise”, actuou a modo de “shock”, de xeito similar ás grandes catástrofes. Sen dúbida, temos claro onde situar os culpables pero esta desorientación á que nos someten non é arbitraria, e dificulta a visión de cal é a folla de ruta que debemos seguir. Sabemos, como dicía Marx, que as ideas dominantes en calquera época son as ideas da clase dominante, polo que temos que evitar que se apo deren do espíritu de loita e das ansias de transformación social. A enerxía obreira está latente, existe. Puidemos comprobalo nas dinámicas de loita e folgas xerais que se deron na Galiza e que converteu o noso sindicalismo na primeira referencia de loita de todo o Estado, e incluso de fóra del.

A clase obreira consciente temos claro que a única vía é a loita polo socialismo. Somos conscientes das dificultades e non podemos deixar de lado o que supuxo a queda do socialismo real. O que nos segue fa- cendo camiñar é a firme confianza nas enormes potencialidades que temos como pobo e como clase. Sabemos que o sol sae todos os días e que cada día que pasa é un día menos que nos falta para alcanzar o noso obxectivo, se actuamos de xeito consecuente e elaboramos unha axenda de loita fronte á hexemonía do capital. Fronte ás ideas de que todos os partidos son iguais, debemos reforzar a capacidade de loita obreira e tecer alternativa de forzas propias para a nosa clase. Non queremos nas nosas trincheiras desleixados, nin ruíns nin poderosos. Querémoste a ti!

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde