Rural galego: no dilema entre dependencia e independencia

A laminación sistemática dos sectores produtivos do rural galego, coas súas consecuencias de desertización e avellentamento demográfico, emigración, empobrecemento, desestruturación social, españolización, complexos de inferioridade e potenciación das redes clientelares ao servizo de facto do poder español, respondeu sempre a unha planificación institucional deseñada para destruír unha das principais bases materiais desta nación, asimilala e integrala de cheo nas redes de comercialización das transnacionais, procedendo a unha reordenación antisocial do noso agro.

Calquera vía de futuro para o rural e para o país pasa por restabelecer redes de produción, comercialización e consumo propias, coa conseguinte xeración de emprego e construción de soberanía alimentar, erradicando o apoio institucional que se dá a grandes distribuidoras fronte aos mercados locais, moitas veces limitados a unha feira anual de exaltación de produtos que incluso se están extinguindo.

Esa alternativa require tamén dotar dos servizos públicos necesarios – sanidade, educación, dependencia- ás comarcas rurais, dentro dun esquema de fixación e redistribución territorial da poboación, combatendo toda a ofensiva do capital que trata as persoas como mercadorías; privadas dos servizos máis básicos por unha cuestión puramente ideolóxica.

Tamén é preciso eliminar as redes clientelares. Desde a cidade viuse a clase labrega como de dereitas; esquecendo as loitas agrarias que aínda permiten existirmos. Mais atopámonos cunha realidade política de voto ao poder que se debe ao proceso de reforma das institucións locais após a ditadura que permitiu que o mesmo persoal dirixente superara intacto a adaptación á nova realidade fortalecendo as súas posicións e redes de poder.

 Acadar estes obxectivos exixe necesariamente ultrapasar a medio prazo o actual cadro xurídico-político, dispondo de soberanía política e económica fomentando todo tipo de iniciativas sociais e produtivas nestas chaves e pondo as institucións autonómicas e municipais –dentro da súa limitada capacidade competencial- ao servizo dunha política claramente nacionalista; tensionando permanentemente co marco legal vixente, que nos permita a visibilización social dos seus límites.

É erróneo pensar que o Estado español non fixo historicamente unha ordenación coidadosa do territorio galego en función de intereses concretos simplemente porque aquela non fose favorábel ao país. Por contra, ao longo do século XX e, sobre todo, após o ingreso na CEE, Madrid, Bruxelas e unha administración autonómica servil actuaron sempre ao servizo dos planos de colonización ditados polo poder económico e político.

Así, o monocultivo forestal dos nosos montes con especies alóctonas, a política enerxética franquista e posfranquista, as infraestruturas deseña- das para a concentración territorial de poboación, o fomento da emigración como sinal de progreso, é dicir, de urbanización e integración nas redes de produción e consumo do capitalismo moderno definen un plano claro de ordenación.

Vén de vello que o territorio se teña que reordenar unha e outra vez a mandato de forzas externas a través do goberno español e a UE, que en nada benefician aos intereses de Galiza e contan co consentimento do goberno galego; a prol dunha suposta modernización que cando convén é ultraliberal e cando non proteccionista. Este discurso serve para desmantelar dun golpe os servizos básicos ao tempo que nos atopamos coas múltiples facilidades que se lles ofrecen ás transnacionais para implantarse ou coas axudas a certas producións forestais coincidentes cos intereses daquelas.

O nacionalismo galego non pode interiorizar a mitoloxía do progreso, nin converterse en valedor de proxectos completamente ligados a un esquema socio-económico e identitario alleo aos intereses do país: construción do AVE, à vez que se desmantela a rede ferroviaria de proximidade, multiplicación das autoestradas descoidando as comunicacións interiores, proxectos de minaría e enerxía que nin garanten a autonomía enerxética da poboación. Cómpre confrontar estas políticas para evitar a entrega do rural ás multinacionais, e manter os esquemas tradicionais da xestión, onde o pobo segue a ser o propietario da terra.

O mundo rural e a vida na aldea vai ligada a unha economía e idiosincrasia que se pretendeu erradicar. Aparecen novas figuras: pásase de labregas a gandeiras, transmítese o concepto de empresariado rural profesionalizado, dependente dos intereses das empresas que o financian e lle mercan os produtos.

A agricultura capitalista non require da clase labrega, contemplando a súa desaparición baixo as consignas de “modernización”, “produtividade”, “competitividade”… non queren que as galegas vivamos dignamente no rural, porque entón oporiámonos aos seus intereses. Canta menos poboación consciente dos seus dereitos e dos seus intereses no agro, máis pista libre para apropiarse do noso territorio para a extracción colonial de recursos.

 A UE trae consigo novas condicións con novas ameazas: comercialización e a colonización a grande escala da agricultura, insuficiencia de terras, emigración… As superviventes, labregas que fican en forma de gandeiras profesionalizadas pola modernidade, atópanse cun problema fundamental: a falta de base territorial. O despoboamento e o abandono da actividade agraria non cede superficie a outras labregas que a precisaren; senón a enormes superficies baldías ou cun cambio de uso agrario a forestal, coa necesidade de importar pensos e cereais, e camións de palla a Castela.

Cómpre actuar tamén sobre o factor subxectivo, dignificando a condición labrega e o papel estratéxico do agro para o país, pondo en valor o rural e o sentimento de pertenza e combatendo a hexemonía secular das redes clientelares da extrema dereita.

A defensa do rural galego como espazo habitábel non pode agardar á superación do marco xurídico-político. A nosa tarefa neste interregno entre dependencia e independencia debe ser construír redes de resistencia – cooperativas agrarias, utilización do poder nos concellos ao servizo do rural, produtos ecolóxicos, pequenas industrias de transformación, proxectos pedagóxicos- que posibiliten a mantenza do rural e xeren expectativas sobre as súas posibilidades nun marco de soberanía política, da óptica de que só desde unha base material e produtiva propias será posíbel solventar a desertización demográfica, xa que unha aldea abandonada é o lugar das que non sobreviviron na súa terra.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde