O aproveitamento dos recursos mineiros ten sido sempre obxecto de fortes controversias: ambientais, sociais, políticas… As administracións, xa dende o franquismo — que, por certo, pervive aínda na normativa mineira (Lei de Minas 22/1973 — lexislaron para favorecer a minaría por riba de calquera outro uso do territorio, por exemplo a través da consideración automática da utilidade pública de permisos e concesións, coa conseguinte aplicación da Lei de Expropiación Forzosa — de 17 de decembro de 1954, por certo, outra norma franquista vixente —, prazos de concesión de até 90 anos, etc. E así ficou durante todo o fraguismo.
A Lei da Minaría de Galiza 3/2008 aprobada durante a etapa do bipartito tentou introducir certas cautelas ambientais e sociais na planificación mineira: necesidade dunha planificación sectorial previa, obrigatoriedade dos planos de restauración, carácter determinante dos informes preceptivos, maior capacidade de decisión dos concellos, prazos de exposición pública máis dilatados, organismos de participación social como o Consello da Minaría… Porén, o aproveitamento dos recursos xeolóxicos estaba aínda lonxe dun aproveitamento racional e compatíbel cos outros usos ambientais e sociais do territorio.
Na era Feijóo, caracterizada pola demolición sistemática da planificación precedente, a minaría voltou ser ama do territorio para regocixo da patronal mineira. O demoucado da Lei 3/2008 foi sistemático: foi suprimida a determinación do informe municipal, reducíronse os prazos de exposición pública e limitouse a emisión de informes, desapareceu o carácter determinante dalgúns destes informes, e os trámites (incluídos os de utilidade pública e os de expropiación forzosa) acabaron colapsados nun mesmo acto administrativo… Galiza é unha mina, e calquera outra consideración — saúde, ambiente, etc. — resulta secundaria.
Mais na planificación e desenvolvemento mineiro, as responsabilidades dunha administración non se limitan á súa acción lexislativa ou política: existen tamén responsabilidades xudiciais e mesmo penais por accións e omisións que inducen graves impactos ecolóxicos, riscos para a saúde e perdas ao erario público, que en definitiva amosan unha corrupción estrutural.
Como pode xustificarse senón a sistemática e continuada comenencia coas empresas mineiras e que, como no casos do Monte Neme, de San Fins, de Touro, das Pontes, das canteiras e louseiras do Courel, da Limia… remataron en hipotecas ambientais que ninguén quere pagar? Proxectos de restauración incumpridos, verteduras contaminantes durante anos, paisaxes lunares, desfeitas patrimoniais e desertificación demográfica, nada disto todo sería posíbel sen a complicidade de quen senta nos despachos oficiais.
Como sinalou recentemente o Fiscal de Medio Ambiente na súa denuncia pola contaminación da mina de San Fins, débese investigar se a falla de tratamento e xestión dos residuos máis perigosos da mina e se as verteduras de augas con metais pesados durante anos se deberon á falla de control e omisión de sanción por parte da administración.
A ausencia de estudos de impacto, a omisión de trámites, os informes técnicos cuestionábeis ou a transmisión de dereitos e responsabilidades opacas, non serían posíbeis se só un termo do binomio empresa-administración é o que está podre. Velaí o longo ronsel tóxico que enfía tantos proxectos mineiros cuxas consecuencias aínda sofremos e cuxas responsabilidades fican impunes.
Mais tampouco serían posíbeis sen unha orientación deliberada da nosa economía cara ao extractivismo, un aspecto en que o entendemento entre o grande capital e as administracións públicas é total, porque beneficia a ambas. Por unha parte, as empresas encontran nese modelo todas as facilidades que foron descritas anteriormente — tanto as dunha lexislación laxa como as dunha maquinaria institucional disposta a arranxar os pequenos problemas que poidan aparecer, alisando o terreno para o desembarco do investimento, inclusive se iso significa mudar as propias normas para as rebaixar aínda máis.
Por outro lado, a administración pode presentar eses investimentos como unha vitoria da súa xestión, engrosando as cifras macroeconómicas que, como é evidente, deixan á marxe a economía das pequenas empresas locais, e tamén os postos de traballo directos e indirectos a seren creados, precisamente nun momento en que a crise financeira alargou o desemprego de maneira espectacular. Iso para non falar dos beneficios ad personam que este tipo de empresas costuman ofrecer, nunha roda de complicidades que se move permanentemente a rentes da ilegalidade.
A construción dese marco propicio en Galiza, porén, tampouco pode separarse da consideración que os poderes públicos teñen da propia economía galega. Ao carecer dun modelo económico autocentrado, que abra e peche os ciclos produtivos no país e que priorice a sustentabilidade e trate as materias primas en base ás necesidades da poboación e non en base á especulación ou ás contas de resultados de grupos transnacionais, as administracións abonan o terreo para que os investimentos deste tipo se tornen esenciais e se cree unha especie de obriga colectiva de aproveitalos. Esa colocación da extracción — de ouro, metais raros ou lousa, mais o mesmo serve para a enerxía hidráulica e eólica — no centro do taboleiro leva, deste xeito, a un disciplinamento do resto de actividades económicas e mesmo ao desprazamento, moitas veces literal, doutros sectores como o agrogandeiro ou o turístico, cunha forte dependencia do medio natural e en grande medida incompatíbeis coas contrapartidas do extractivismo.
A situación, polo tanto, necesita ser revertida. E, para iso, cómpre activar toda a presión posíbel sobre a administración pública, cuxa obriga legal é, de feito, priorizar os intereses populares, e non o do accionariado de empresas cuxas sedes se encontran a millares de quilómetros do noso país. É, ademais, a vía máis directa, porque, no fin das contas, quen controla politicamente as institucións, quen rebaixa as leis e, en definitiva, converte Galiza en subministradora barata, tamén pode ser removido do seu cargo. E non só pode, senón que debe. Depende de nós.