Remunicipalización de servizos: batalla das ideas e dos feitos

Desde as últimas eleccións municipais foi acadando presenza no debate público a denominada ‘remunicipalización’ de servizos públicos privatizados; é dicir, á recuperación por parte dos concellos de servizos públicos que están obrigados a dar á cidadanía e que co paso do tempo foran sendo encomendados a mans privadas, revertindo a lóxica de servizo inicial e converténdose en negocios dos que as empresas adxudicatarias procuraban tirar o máximo beneficio co menor custo.

Esta vaga privatizadora reforzouse nos últimos anos, co pretexto da crise económica, por parte do goberno do PP no Estado e na Xunta; de novo favorecendo, tamén, os intereses do grande capital (modificacións da LRBRL e da LCSP, taxas de reposición que limitan a contratación de persoal e provisión de postos de traballo por parte das administracións públicas).

A privatización de servizos públicos pasou de ser unha opción de xestión dos mesmos a converterse nunha necesidade de reprodución do capitalismo: o Estado renuncia á atención das necesidades básicas da poboación, delegando esa función no capital. No eido local estes servizos non foron entregados cento por cento ao réxime de mercado, mais traduciuse nunha xestión indirecta da administración a través dun concurso público, favorecendo o incremento de beneficios dun sector empresarial que acadou cada vez máis relevancia, cunha importante concentración e centralización de capital. Así, o subminstro de auga, a recollida do lixo e a xestión de residuos, o guindastre ou o acondicionamento de zonas verdes dependen actualmente de grandes empresas multinacionais que reparten as concesións practicamente en réxime de oligopolio.

Non se trata aquí, máis unha vez, de recitarmos un argumentario xustificativo da recuperación para o público de servizos privatizados — cuestións xa abordadas in extenso en varias publicacións do MGS —, senón de facermos unha reflexión sobre onde estamos situados no conflito e até onde estamos en disposición de chegar.

Somos conscientes de que estas medidas son pezas dunha estratexia xeral de desregulación e ataque global contra os dereitos da clase operaria por parte do sistema capitalista, garantindo o incremento do beneficio privado e a acumulación do capital. No momento en que a xestión dun servizo se mide en termos de produtividade e eficacia empresarial o lucro que acarreta para a empresa adxudicataria vai ir en detrimento dos salarios e condicións laborais dos seus empregados, por unha banda — mesmo con incumprimento frecuente dos pregos de condicións das adxudicacións — e da calidade do servizo pola outra: menos horas de atención, dotación insuficiente de persoal, menos garantías e responsabilidade na prestación do servizo… 

Mais existe outro aspecto a ter en conta que ás veces se obvia e que se atopa detrás destas privatizacións como ben podemos observar polas crónicas xudiciais que nos últimos tempos se fixeron habituais sobre corrupción na administración pública: a falta de transparencia na contratación que traen este tipo de adxudicacións. Isto tamén nos leva a poñer o foco noutras administracións ou entidades de dereito público — popularmente denominadas ‘chiringuitos — que teñen como finalidade xustamente saltar as estritas normas de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que establece o acceso á función pública ou a un contrato laboral coa administración pública: empresas públicas — o cal non implica que teñan capital 100% público tampouco —, organismos autónomos, etc. Todo o esperpento en que converteu a Deputación Provincial de Lugo o deputado tránsfuga Martínez, serviu tamén para poñer de relevo isto: como a dirección dunha empresa pública (SUPLUSA) creada nos tempos do cacharrismo como un deses ‘chiringuitos’ de contratación de afíns por medios pouco transparentes se converte en moeda de cambio de negociacións partidarias ou intereses espurios. Empresa, todo hai que dicilo, cuxo procedemento pouco transparente sobreviviu gobernos de coalición nos que participou o nacionalismo, incluso mantendo os xestores anteriores.

O eido local revélase como o campo de batalla prioritario para a recuperación dos servizos públicos para os intereses da clase traballadora galega. Principalmente por tratárense de actividades concesionadas e, por tanto, sometidas a unha supervisión da administración e a unha limitación no tempo; o cal facilitaría procesos de remunicipalización unha vez incumprido ou finalizado o contrato. Tamén somos conscientes das dificultades de todo tipo que supoñen eses procesos — comezando pola correlación de forzas ou o complexo procedemento administrativo — como da reversibilidade que até o día de hoxe tiveron os argumentarios segundo o BNG se situase no goberno ou na oposición.

Por isto as eleccións municipais de 2019 son unha oportunidade para afondar na liña de traballo de defensa dos servizos públicos que vén desenvolvendo o BNG a nivel nacional desde a coherencia e a firmeza, convertendo a remunicipalización de servizos nunha peza básica do noso discurso e nun obxectivo estratéxico para os concellos nacionalistas. Por moita ledicia coa que se exhiban peonalizacións e zonas 30, premios urbanísticos ou paseos en bicicleta — en ocasións de forma acrítica coa xentrificación que poidan ocasionar —, nin representan un sinal de identidade dunha liña política para as clases populares galegas nin tapan incomprensíbeis concursos para renovar a xestión indirecta de servizos básicos como o de abastecemento de auga de Pontevedra que non fan máis que dar unha imaxe de debilidade do nacionalismo como alternativa. 

A loita pola remunicipalización nesta fase histórica debilita os intereses dos monopolios, favorece a ampliación de dereitos da cidadanía e permite elevar a consciencia do pobo ao implicar un enfrontamento coa alianza entre o Estado e o grande capital. En todo caso, que non se gañe esta batalla no curto prazo non supón unha derrota se serve para pór de manifesto a nosa vontade política e evidenciar as limitacións do marco institucional.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde