No mes de outubro de 2010, na Escola do Pindo, a Asociación Ecoloxista ADEGA impartía unha charla na que explicaba o enorme valor das riquezas naturais e paisaxísticas do Monte Pindo e incidía na importancia de articular mecanismos que garantiran a súa preservación. Para iso, de- fendía a necesidade de demandar a súa declaración como parque natural e explicaba os pasos a dar para conseguilo.
A partir de aí nacía a Asociación Monte Pindo Parque Natural,creábase unha xunta reitora, e comezábase a traballar na perspectiva de conseguir a declaración de parque natural por parte da administración.
Desde a Asociación avalamos esta demanda polas súas riquezas naturais, xeolóxicas e paisaxísticas. O Monte Pindo ten, nun espazo de apenas 5 quilómetros cadrados cinco hábitats naturais protexidos pola Directiva Europea 92/43/CE, que ten como obxectivo xeral estabelecer as bases legais para a protección de hábitats das especies comunitarias en vías de extinción ou ameazadas e xa está integrado na Rede Natura 2000.
Na zona hai 8 especies vexetais protexidas, como o carballo anano, que apenas medra dous metros, e que mesmo foi declarado en 2008 especie ameazada, polo Observatorio Galego pola Biodiversidade, pero que non foi incluída no catálogo de especies ameazadas até o 1 de xullo de 2011, pola consellaría de Medio Rural.
O Monte Pindo conta tamén con doce especies de fauna protexidas polos distintos libros vermellos da fauna do Estado, desde lagartixa ibérica, até salamántiga galega ou mesmo o milano negro.
Para alén desta riqueza natural, cómpre salientar a enorme beleza paisaxística e a súa peculiar xeoloxía, que levou á súa declaración como Punto de Interese Xeolóxico do estado español (PIG-C-115). Estamos falando dunha formación granítica que se eleva abruptamente até a acadar os 627 metros de altitude, ateigada de formacións rochosas de formas caprichosas traballadas por anos de erosión.
O río Xallas atravesa o Monte Pindo encaixonado a 300 metros e remata nunha fervenza única en Europa que desemboca directamente no mar.
Xunto con todas as riquezas naturais, non podemos esquecer as riquezas culturais e a mitoloxía que o arrodea. Son numerosas as lendas populares que proliferaron e que aínda se coñecen vinculadas ao Monte Pindo, as súas covas, nas que se esconderon no 36 os fuxidos tras do golpe de estado de Franco, e ás súas prantas, que mesmo se relacionan con ritos de fecundidade.
O conxunto está poboado de riquezas históricas e arqueolóxicas, desde petroglifos e restos dunha hermida na Moa, no punto máis alto do Pindo, até inscricións medievais e vestixios dunha mina de wolframio que foi explotada durante a II Guerra Mundial e posteriormente abandonada.
Non debía ser necesario xustificar de ningunha outra maneira a necesidade da declaración do Pindo como parque natural. Porén, cómpre denunciar o estado de deterioro no que se atopa. Cada vez hai máis pintadas nas pedras, unha das máis graves cun spray vermello sobre unha inscrición do século XII en Penafiel, que tivemos que denunciar.
Tampouco hai control algún sobre os vehículos que soben para facer cross e que afectan gravemente a zona e até chegaron a colocarse mesas no campo da Moa para facer comidas campestres.
Os incendios son unha ameaza constante tanto para as especies vexetais como para a fauna e a proximidade, cada vez maior, de parques eólicos fai temer a instalación, calquera día, de aeroxeradores que poderían estragar a grande beleza e o enorme valor do conxunto.
Isto obriga a adoptar medidas e incrementar de inmediato o nivel de protección. Desde a Asociación intentamos abrir os camiños e limpar a zona, pero os nosos medios son insuficientes. Debe ser a administración quen, a través da declaración do Monte Pindo como parque natural, articule todas esas medidas.
A súa declaración como parque natural favorecería ademais o desenvolvemento económico da zona, e non só para o concello de Carnota, senón para toda a comarca, porque tería asignado un orzamento para conservación e mantemento, favorecendo mesmo a creación de postos de traballo, nun territorio como o da Costa da Morte, que tan necesitado está de creación de emprego.
Numerosos apoios
Na última Asemblea Nacional do BNG acordouse apoiar a declaración do Monte Pindo como parque natural. O BNG presentou unha moción neste sentido no Parlamento de Galiza que foi apoiada polo PSOE, pero non polo Partido Popular. O BNG acompañaba a proposta cun Plan de Desenvolvemento Rural que beneficiaría a todo o contorno, especial- mente aos veciños e veciñas de Carnota.
Levouse tamén como moción, xa na anterior lexislatura, ao propio concello de Carnota, pero foi rexeitada polo PP, coa abstención do PSOE.
Tras da asemblea nacional, tamén mantivemos unha xuntanza co con- selleiro, na que estivo un representante de ADEGA, Martiño Fiz, o presidente da Asociación, Xilberto Caamaño; o secretario, Mario Maceiras e o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, na que a única resposta que obtivemos foi a mesma que dan para todo, que non hai cartos.
Contamos con infinidade de adhesións, nomeadamente coas das asociacións veciñais e culturais de Carnota e mesmo co apoio da asociación de empresarios da Costa da Morte.
Recentemente convocamos unha manifestación na que houbo bastante xente, malia o temporal de chuvia e vento dese día.
Aínda que a asociación somos todas e todos, coido que debemos recoñecer o esforzo, dedicación e traballo de Mario Maceiras, o seu secretario, e de Xilberto Caamaño -grande coñecer do Monte Pindo-, que é o seu presidente.