Coñecemos os datos de paro, de emigración, de pobreza. Sabemos cal é a realidade na que vivimos aínda que pareza que custa máis entender as causas e máis aínda os mecanismos para transformala. Sabemos, tamén, que a mocidade non é un valor por si mesmo pero supón un cambio en potencia. Por iso mesmo, debemos ser conscientes da gravidade que revisten os embates do capital no seu intento por domar as mentes mozas: retrasa dun xeito inevitable a mudanza que precisamos.
A situación de crise estrutural que vivimos hoxe vén determinada, en maior medida, polas políticas neoliberais implantadas por unha Unión Europea que, desde a súa creación, ten uns intereses completamente irreconciliables cos da clase traballadora. A Unión Europea dos mercados, das multinacionais e do poder financeiro só serviu para que se fosen esquilmando todos os bens públicos e para desartellar o tecido industrial e agrario. É esa mesma UE a que segue, agora, avanzando na súa vontade por seguir engordando os petos dos que a comandan, progresando na súa pretensión de facer das traballadoras e traballadores o que eles chaman “capital humano”, capacitado pero submiso, que tamén entre en xogo dentro do seu libre mercado.
Sen dúbida que a clase traballadora e todos os grupos sociais que a rodean e, por ende, forman parte dela en acto ou en potencia -como a mocidade-, están nunha situación de recesión. Non só económica, como xa analizamos, se non tamén ideolóxica. É unha recesión programada, consistente en inocular no imaxinario social as ideas da clase dominante, eliminando todo pensamento crítico que camiñe na súa contra e no noso beneficio.
Non é casual, por exemplo, que os planos de estudos estean mudando de lexislatura en lexislatura. Obviamente despois de tantas reformas e contrarreformas, ninguén cre que a educación sexa algo imparcial. É unha das principais ferramentas de modulación da clase traballadora, como así o demostra o PP sen disimulo, aplicando a súa retrógrada LOMCE que nunca nos debemos cansar de combater. Debemos tamén sospeitar sempre dos “beneficios” que o capital deixa polo camiño. Sirvan de exemplo as bolsas Erasmus, que, desde o meu punto de vista teñen unha finalidade moito menos amable da que aparentan e que sen dúbida estimulan un sentimento cosmopolita, de “cidadán do mundo” libre de fronteiras, que é moi útil para o capital. Deste xeito contribúese a desdramatizar unha das máis penosas consecuencias de ter un país sen soberanía e dependente coma o noso: non poder vivir na nosa terra.
A emigración é, de feito, un dos fenómenos socioeconómicos máis combatido ó longo de toda a historia do nacionalismo popular. No contexto actual adquire especial relevancia porque os índices demográficos do país deixan un panorama non moi alentador, no que morren máis persoas das que nacen. Os datos laborais non son mellores: a metade da mocidade está no paro e a precariedade na contratación é a norma. O número máis repetido, 142.000 -que son as persoas desde o inicio da crise, no 2008, que abandonaron o noso país.
Esta realidade que describimos foise conformando progresivamente grazas á cooperación evidente por parte dos partidos estatais que ostentaron o goberno coa UE, e sen que as organizacións sindicais españolas -que se din de clase- fixesen absolutamente nada por remedialo. Tivo que ser, unha vez máis, o nacionalismo galego a vangarda da mobilización nos últimos anos, sen que iso chegase a ser suficiente para paralizar as agresións ás que se ve sometida a clase traballadora, e que, como vimos, teñen consecuencias especialmente graves na mocidade.
Non obstante, debemos ver a historia como un campo de xogo con avances e retrocesos. Só poñendo en común o contexto do que partimos, podemos tecer alternativas de futuro reais. Un dos retos fundamentais na actualidade segue sendo lograr que a mocidade se organice. Porque desde o individualismo non somos capaces de combater un inimigo tan poderoso; porque desde o inmobilismo só contribuímos a que avance; porque sen as ensinanzas de loita que outorgan as formacións organizadas, caemos nas súas redes por completo. Contribuamos cos nosos esforzos no campo estudantil, sindical e político: quen dixo, efectivamente, que non tiñamos futuro? O futuro, como non podía ser de outro xeito, depende do noso traballo… e de cara a onde o orientemos.
Neste Primeiro de Maio, máis ca nunca, a mocidade ten que saír á rúa, e recuperando as históricas consignas do nacionalismo popular, berrar que queremos unha Galiza ceibe, sen emigración. Debemos rebelarnos contra o pacto social, contra as políticas de recortes, contra o desmantelamento dos servizos públicos, da industria, do agro, contra os que queren dispoñer do noso corpo, contra os que queren folclorizar a nosa identidade, contra os que nos expulsan da nosa terra; en definitiva, contra os que van na contra do que somos e do que máis cedo ca tarde, habemos ser.