Que “nova política”?

Malia as expectativas xeradas, a irrupción no panorama político-electoral do Estado español de Podemos trouxo consigo unha focaxe do feito político que o tempo demostrou que en pouco difere da xa existente. Esta irrupción producíase, ademais, nun escenario de galopante despolitización das clases populares (por outra parte, duramente golpeadas polo capitalismo neoliberal) e nunha sociedade, como a do Estado español, que sofre unha recoñecíbel involución política e social a respecto das décadas anteriores.

O caldo de cultivo para un fenómeno como o de Podemos foran as mobilizacións protagonizadas por movementos como o 15-M, nacidas á marxe de boa parte das estruturas políticas e sindicais existentes e, en boa medida, conformadas por mozos e mozas que aspiraban aos estándares básicos dos que viña gozando a chamada “clase media”. De aí que este movemento non tivese como elemento central a loita de clases nin propugnase mudanzas de carácter revolucionario, que o obrigase, entre outras cousas, a situar as oligarquías do Estado español como inimigo de clase. As consignas centráronse apenas no máis superficial, sen estabelecer diferenzas entre as forzas políticas que eran sostén do sistema e as que o tentaban combater, e sen en- tender que a corrupción é inherente ao sistema e de que ningunha fiscalización, por boa intención que tiver, pode solucionar problema ningún por si mesma.

O esmorecemento do 15M deixou un pouso que veu ocupar Podemos, primordialmente como espazo electoral. Os seus promotores centráronse, de maneira fundamental, en perfilar un discurso político de amplo espectro (de aí, entre outras cousas, a súa aversión a proclamárense abertamente de esquerdas ou pola autodeterminación dos pobos) que puidese servir para enganchar electoralmente amplos sectores sociais descontentos coa situación económica e social, recollendo ademais a desafección política reinante. Para ocupar a centralidade política e institucional no Estado español, apostouse por un discurso oco, baseado en conceptos que deliberadamente ocultan a caracterización popular e obreira da maioría social, optando por chamala, simplemente, “cidadanía” — concepto xurídico, non político — e reclamando para ela “mecanismos de control” — de tipo tecnocrático, novamente non político. Un baleirado do discurso que en ningún caso é casual, nin moito menos inocuo senón claramente disposto a protexer os intereses do capitalismo e do unionismo.

De feito, o seu obxecto declarado foi sempre o electoral, cifrando case todas as expectativas nas eleccións xerais de finais de 2015. Nunca este cidadanismo aspirou a organizar socialmente os sectores agredidos polas políticas neoliberais, nin tampouco a ser un motor para que a mobilización social fose determinante á hora de impulsar mudanzas na esfera política e institucional. Nesta liña, de forza rexeneradora dentro do propio sistema, e no que ten a ver co debate aberto sobre a cuestión nacional no Estado español, o cidadanismo actúa como cabalo de Troia do españolismo, abandeirando un suposto “patriotismo social” que pretende cerrar vías ao soberanismo, moi especialmente en Catalunya.

Alén disto, a propia conformación das estruturas saídas daquel caldo de cultivo como forzas políticas organizadas é outro exemplo das súas propias limitacións. Do congreso fundacional de Podemos saíu un instrumento político fortemente piramidal, sen case lugar para a discrepancia e onde os “círculos” están desposuídos do poder de decisión, agás para as cuestións máis nimias, o que é coherente cunha organización altamente dependente da exposición mediática. Nesta liña, tamén a súa “militancia” é máis virtual que real: moitas das persoas que inicialmente adheriron ao proxecto de Podemos nin sequera participan hoxe en ningún nivel da vida política da organización. Outra vez o proceso de estruturación territorial de Podemos foi un exemplo das súas carencias e debilidades.

Por outra parte, parece que o calendario electoral no Estado español para 2015 está a xerar dificultades para conformación desa corrente cidadanista como a que pretende xerar Podemos. Prevendo estas dificultades engadidas, así como as inherentes a unha estruturación territorial nun período tan curto de tempo, a dirección de Podemos apostou por non presentar candidaturas coa súa marca ás eleccións municipais de maio, reservando forzas para o proceso de eleccións a parlamentos autonómicos e sempre á espera das eleccións xerais previstas para finais de ano. Dificuldades agravadas polo xurdimento mediático-electoral dunha forza como Ciudadanos, que partilla o discurso rexeneracionista desde a dereita do espazo político, e que tamén emprega á mantenta o discurso cidadanista.

Este espazo electoral cidadanista que fica sen cubrir pola non presentación de listas de Podemos fixo que, fundamentalmente nos ámbitos máis urbanos, comezasen a xurdir supostas “candidaturas cidadás” municipais, co ánimo de participaren nos comicios de maio, impulsadas por Podemos ou outras forzas políticas na súa maioría, mais concorrendo coa súa marca nos comicios autonómicos, pondo en causa a argumentación da “unidade popular” e mostrando así a causa real: evitar o seu desgaste electoral.

En Galiza, seguindo o ronsel de Podemos (e non sen certas doses de oportunismo), as dúas forzas políticas que conformaran no seu día AGE — Anova e Esquerda Unida — decidiron tamén impulsar “mareas cidadás” nas sete cidades e nalgunhas vilas do país. O seu convulso proceso de conformación, con fortes enfrontamentos internos e duras acusacións de instrumentalización e “carretaxe”, son indicativos de que estas candidaturas de corte cidadanista son apenas a táboa de salvación no inmediato para estas dúas forzas políticas, que mostran unha gran fraxilidade organizativa e unha incapacidade real para organizar socialmente os sectores máis conscientes da sociedade galega.

Ao final, a tan cacarexada “nova política” resulta apenas un simulacro lampedusiano — “que todo mude, para que todo fique igual”. Un simulacro que permite ás elites dominantes do Estado español coller aire e novos folgos para aumentaren o seu botín capitalista e para completaren o seu xiro recentralizador, contra as aspiracións dos pobos.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde