Propostas para un debate imprescindíbel

A situación de debilidade estratéxica e a fraqueza do nacionalismo no seu conxunto, obrigan a un proceso de profundo debate e transformación, non limitado a unha análise conxuntural dos últimos anos, senón con perspectiva estratéxica. O camiño de refundación iniciado polo BNG xoga un papel central, sen embargo, o proceso non debe limitarse a esta organización, debe entrar en relación co conxunto do soberanismo e o activismo social do país. A iniciativa, por tanto, debe dirixirse a entender os nós principais das contradicións sociais da Galiza do século XXI, para insertar nela o seu movemento de liberación nacional e poder desenvolver a política revolucionaria que precisa o momento histórico.

A empresa que agora inicia o soberanismo galego ten as súas propias ameazas e contradicións. Salientamos as tres principais:

a)  O significante “refundación” non se corresponde cun significado unívoco, e de feito pode encobrir propostas diametralmente diferentes. Unha posibilidade existente é que se realice un proceso sen autenticidade nen profundidade, nunha operación que apenas proxecte uns cambios para o exterior, con obxectivos estreitos e meramente electorais.

b)  No momento actual vai ser difícil incorporar espazos e achegas significativas que inflúan na refundación. Se a militancia será substancialmente a mesma, o que debe cambiar é a identidade e a estratexia da organización. Cómpre un cambio nas ideas e a clave será lograr que este colectivo humano modifice as concepcións do mundo e no país, unha modificación nas análises e nas orientacións tácticas e estratéxicas, que despois teña o seu correlato en modificacións organizativas e de métodos de traballo.

c) O proceso debe ter dimensión exterior, especialmente aberto a todas as persoas que comparten espazos de loita social, nomeadamente no conxunto da clase traballadora e na mocidade. Neste sentido, o proceso tense que desenvolver con transparencia, con debates tranquilos e co suficiente tempo, e desde o fomento da participación.

Un proceso de verdade

O reto ten unha enorme dificultade, polo que se pode comezar polas tarefas máis doadas para despois afrontar as máis difíciles: delimitar o que non debe ser esta iniciativa: en ningún caso debería limitarse a representar unha reconstitución dunha “marca electoral” capaz de acadar mellores resultados nuns comicios entendidos como mercado e maiores cotas de representación. Tampouco debería limitarse ao impulso de determinadas reformas internas no BNG, senón que ten que ter unha visión de conxunto do movemento soberanista, da súa táctica e estratexia, e do papel que ten que cumprir alí a organización política de masas; por último, ten que tratarse dun proceso profundo e real, que non veña limitado desde o comezo e organizado cun procedemento fraudulento e dirixista, cun resultado predeterminado, que só xeraría profunda frustración.

É o camiño máis difícil no curto prazo mais tamén é a vía máis sincera e, por riba de calquera outra consideración, a máis necesaria.

Unha nova organización

A constitución dunha nova organización política é a forma máis coherente de acometer unha refundación: sexa baixo a forma dun novo BNG ou baixo novo nome, resultado do proceso que non prexulgamos, debe nacer unha nova organización. Os momentos fundacionais son sempre determinantes xa que permiten unha reflexión máis ampla e profunda, a súa influencia é moito maior que o de calquera xiro estratéxico ou rectificación que se adopte nunha organización xa constituída, e ademais, permite visibilizar unha liña de demarcación cos aspectos negativos do pasado, recollendo todo o positivo do legado de loita.

Os principios do BNG son o chan do que partimos, mas en ningún caso o teito.

Unha organización independentista

É o momento de prolongar de forma natural a evolución histórica do movemento nacional galego: a única forma posíbel de acadar a liberación nacional é por medio da consecución dun Estado independente, por medio da ruptura democrática fundamentada na vontade popular.

Socialmente, trátase dunha alternativa máis clara ante o noso pobo, que afirma un ideal estratéxico desprovisto de ambigüidade. Non podemos aceptar que se invoque a ausencia de conciencia nacional suficiente para xustificar a renuncia a un obxectivo de ruptura independentista; en primeiro lugar, porque a súa asunción non supón renunciar a procedementos tácticos que sirvan de nexo coa subxectividade do pobo en cada momento, senón subordinar estes aos obxectivos estratéxicos; en segundo lugar, porque a única posibilidade de acadar a hexemonía social en torno da independencia é precisamente construíndo un movemento popular que a defenda.

O independentismo representa unha demarcación inmediata de todas as falsas saídas das propostas federalistas ou confederalistas, e serve de antídoto ante opcións involucionistas ao representar un emprazamento ao poder, por medio da ruptura, que este non pode asimilar. Tamén nos sitúa de forma moito máis clara no relevante ámbito internacional, e axudaría a internacionalizar a denuncia da opresión nacional galega e a defensa consecuente da autodeterminación e os dereitos dos pobos.

Unha organización anti-capitalista

Non aspiramos a construír unha organización nova para representar a esquerda do sistema, conscientes de que esa posición contribúe a reforzar a súa lexitimidade e pluralismo aparente, como fan todas as organizacións reformistas en toda circunstancia. A nova organización ten que comprender o que nos é particular na conxuntura actual, mais tamén a vixencia das estruturas económicas e políticas, isto é, analisar en profundidade a estrutura e a loita de clases que se desenvolve na Galiza do noso tempo, que evidentemente continúa a ser o motor da historia, así como os profundos antagonismos e deficiencias estruturais do capitalismo, e as interrelacións entre o capital, o traballo e o Estado.

A batalla non é apenas contra o neoliberalismo como aposta estratéxica do capitalismo nas últimas décadas, senón contra o cerne da explotación e a inxustiza.

Unha organización feminista

A loita anticapitalista ten que ir ligada a desmontar a lóxica patriarcal e a situar a vida e os coidados no centro da construción política do individuo e da sociedade, rachando os esquemas binarios que perseguen a diversidade e todas as súas expresións.

O soberanismo debe ter un discurso avanzado que permita promover avances neste campo para acompañar a loita social coa antipatriarcal, introducindo os debates e as reflexións dos feminismos na práctica política diaria e lanzando socialmente os debates que cuestionan o status quo do sistema e as alternativas que constrúen unha nova realidade.

Unha nova articulación política

Apostamos por un instrumento político de masas que actúe como “unidade popular” en vez de “frente patriótica”, agrupando forzas populares, fundamentado nun programa claro de reivindicacións concretas, destinado e adecuado a unha fase de confrontación co Estado e centrado nas loitas polas reivindicacións e intereses das clases populares. Fuximos do debate nominal e do fetichismo — non teñen porque cambiar as organización por cambiar os nomes, e o concepto, como tantos outros, está deturpado e desgastado en grande medida polo seu uso fraudulento en diversos ámbitos, algúns moi recentes — mais si aproveitaremos a importancia dos símbolos e as definicións oportunas na construción de identidades.

A do movemento nacional e popular

O soberanismo galego foi quen de criar e articular un modesto mais relevante tecido social, alicerzado na auto-organización. Para que o soberanismo galego avanze, faise preciso recoller, ampliar e coordinar todo o activismo social e político. A autoorganización ten que continuar a ser un criterio rector xa que calquera outro método representa a negación dunha ruptura de calidade, da capacidade do noso pobo para protagonizar a súa propia liberación.

Mas non abonda coa autoorganización: é preciso que o tecido social teña a súa vida propia, a súa dinámica democrática e autónoma, e a maior capacidade de influencia no seu ámbito, e á vez que se relacione de forma continua e dialéctica cunha organización política capaz de ser alternativa de masas e institucional, de combate e de goberno, de loita ideolóxica e de axitación social.

Neste sentido, é preciso que o soberanismo non só desenvolva unha política de alianzas político-partidarias, senón que constrúa unha alianza nacional e popular que acepte e fomente formas de organización e intervención moi diversas, e que ao mesmo tempo fortaleza o movemento soberanista no seu conxunto. Esta alianza ten que basearse no respecto entre os actores e ampliarse por medio da mobilización popular, desde unha liña compartida estratexicamente, renovada por medio do diálogo permanente e sen mecanicismos impostos desde un ámbito a outro.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde