Por un rural vivo e con futuro

Desde a entrada na UE en 1986, Galiza contempla como o seu agro se converte nun deserto, sen area, pero cun grande espellismo: o do libre mercado, que nada ten de libre, e que condena o noso sector primario a unha lenta desaparición que acarreta as súas propias consecuencias sociais e económicas. As cifras asustan. Desde que facemos parte da UE — sen que ninguén nos teña preguntado, por certo — o noso país leva perdido un terzo da súa Superficie Agraria Útil (SAU) ficando apenas con 647.598 ha en 2009, isto é, apenas 22% do noso territorio (datos do IGE) fronte á recomendación de 33% da FAO. No entanto, quen si supera sobradamente este mínimo son as potencias centrais do proxecto “europeísta”: Francia, Alemaña e Reino Unido.

Ademais, de 1999 a 2009 perdemos 189.514 explotacións con SAU e 59.129 ha de terra labrada, mentres o número de explotacións leiteiras descendía vertixinosamente: 10.000 explotacións menos só entre 2002 e 2007 (IGE). O único que aumenta lixeiramente son as explotacións con máis de cen vacas, dato repetido sen parar e de xeito triunfalista polos poderes públicos, malia existiren estudos que demostran o erro de pensar que as grandes explotacións teñan un maior rendemento económico fronte as pequenas — por non falar dos vectores sociais.

Estes datos, con todo, non deben facernos pensar que o noso agro careza de futuro. Non somos un país pobre, senón empobrecido e impedido de xeito sistemático de desenvolver as súas propias capacidades obxectivas. As políticas deliberadamente erradas no medio rural son as responsábeis disto, e continúan a sucederse á marxe das voces que reclaman outras saídas posíbeis, en especial as que proceden do soberanismo. Véxase, por exemplo, a proposta dunha Central Leiteira Galega que quebrase precisamente esta tendencia, tendo presenza en toda a cadea comercial. Na altura, os grupos de presión ligados ao capital es- pañol acusaron a proposta de “esencialista” e “identitaria” e bloquearon a súa realización. Unha negativa, por certo, que ten moito a ver — ninguén o pode negar — cos recentes comportamentos mafiosos dalgunhas centrais leiteiras que ameazan gandeiros, obrigan a asinar contratos ilegais e colocan as necesidades da produción por baixo da lóxica de concorrencia capitalista nas grandes superficies comerciais — porque, ao final, diso se trata.

Outro exemplo é o da Política Agraria Común, pola que o Estado recebe arredor de 50.000 millóns de euros que utiliza para premiar macroempresas, grandes terratenentes ou aristócratas (nunha proporción do 75%) na liña de extenuación das explotacións familiares e concentración da produción. É curioso tamén que preto da metade das axudas sexan para maiores de 65 anos, e que non exista apoio de ningún tipo para menores de 30, claramente coa intención de dificultar o relevo xeracional. Sumemos a isto, aínda, o resto de subsectores primarios en reconversión, atacados do punto de vista da sustentabilidade e do seu desenvolvemento autocentrado: reforma da lei do solo — que merecería unha análise propia —, eucaliptización masiva, introdución de transxénicos, impedimento, de facto, do mercado de semente natural, etc. Parece lóxico pensar, á luz dos datos, que exista unha vontade clara e indiscutíbel de facer desaparecer o agro galego, levando por diante o rural, impondo modelos de macroexplotación que nin melloran as cifras de emprego nin o medio natural no que vivimos, e que, ademais, ofrecen peor calidade no produto, sexa leite ou calquera outro.

Sobra dicir que, por esta vía, o que se fai non é só bloquear, no medio prazo, un sector esencial na nosa economía, senon, sobre todo, impedir que se dean as condicións materiais mínimas (traballo e futuro) para un medio rural vivo — o que en Galiza ten, por si mesmo, consecuencias tráxicas no plano social, cultural e mesmo político. A blindaxe dos grandes monopolios para producir grandes cantidades de leite a prezos moi baixos, co obxectivo de garantir e aínda aumentar o diferencial de lucro, acusará a tendencia á desaparición das explotacións familiares, que son as que fixan a poboación no rural. Evidentemente, non é que os concellos rurais vaian quedar baleiros completamente, mais ese baleirado está a darse xa neste momento, e sen dúbida está relacionado coa súa incapacidade para dar servizos públicos mínimos, desde o ensino á saúde, á dependencia, á cultura, ao transporte, etc. Ademais, se isto o puxermos en relación cos datos de desemprego rural e con datos de xénero (apenas 5% das labregas chegan á xubilación coa pensión completa), os resultados fican á vista de todas e todos. E as solucións tamén.

Por iso, neste escenario de políticas ultraliberais que xa demostraron a súa capacidade para producir dor e dependencia (mentres se beneficia a aqueles países que se teñen favorecido a si mesmos durante a etapa previa: Alemaña, Francia e Holanda), non sobra que nos preguntemos se, planificando a economía, regulando os mercados e a produción agrícola, sería preciso dedicar tanto diñeiro a subvencións que teñen un carácter amortecedor e serven unicamente para que o golpe doa menos. O golpe ten a mesma intensidade e os mesmos resultados, amortecido ou non. O capitalismo utiliza os alimentos como un dato numérico máis na bolsa, e supedita a alimentación a xogos de mercados que só nos perxudican. Mentres nos conducen a sufrir periodicamente crises de prezos, na Galiza atopámonos non só consumimos toda a nosa produción (minguada), se non que, ademais, terminamos importando e situando novamente o beneficio fora do noso control, no pernicioso xogo de exportar e importar, suxeito á flutuación económica marcada polos grandes monopolios. Non é casual, nese conxunto, que, mentres se negocia o TTIP, se aprobe a supresión das cotas lácteas, único impedimento que quedaba á liberalización maciza da produción leiteira — sen seren, en si mesmas, solución ningunha para as nosas explotacións. Este é o escenario que interesa ao goberno central e a unha Xunta teledirixida desde Madrid: calquera cousa agás apoiar o noso agro e pular por el desde unha óptica que sitúe no centro da cuestión a soberanía alimentar e a vida digna fóra das cidades e do sector servizos.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde