A brutal crise capitalista que arrasa a nosa sociedade provoca distintas reaccións: por un lado medo, e tamén impotencia e cólera en moitos/as compatriotas, alén da aceleración dun contexto complexo de perda de dereitos, mais tamén fortes movementos de contestación ás distintas agre- sións sociais, raiba e loita. Neste contexto é no que opera o soberanismo de esquerdas galego, que quere ser o referente do povo que se rebela.
Perante a complicada situación actual, debemos ter claro que a análise nacional-popular segue a ser correcta e adecuada para organizarnos e actuar hoxe en Galiza. Desde a preponderancia cualitativa e cuantitativamente da clase traballadora como suxeito activo do proceso de liberación, hoxe ainda maior, as clases populares galegas afrontan con mais intensidade as consecuencias da desposesión material e a incapacidade de decisión soberana sobre os seus recursos: oprimidos/as economica, politica e culturalmente, a base material da nosa economía, os recursos naturais, os servizos públicos, a enerxía, o transporte ou a nosa identidade nacional encontranse desbaldidos e atacados polos deseños foráneos e a planificación do capital.
Mais existen diversas dificuldades obxectivas, tanto de caracter externo como interno, que afronta o soberanismo galego para extender unha resposta em chave soberanista e de esquerdas na nosa sociedade. Moitas delas temolas xa analisado en diversos momentos: españolización social, hostilidade mediática, fortes compoñentes de individualismo e “antipolítica”… Isto nun momento onde permanece ainda un forte peso da imaxe de homologación coas forzas sistémicas da expresión política deste, o BNG, alén da emerxencia de outras opcións con centro en Madrid, algunhas delas de recente aparición e evolución, e de contido incerto e por veces deliberadamente indefinido.
Sendo a unidade do soberanismo galego de esquerdas un obxectivo, ese obxectivo debe estar dado en función dun proxecto político concreto. Son posíbeis unidades de acción amplas en moitas reivindicacións sociais de caracter mais sectorial, e mesmo este tipo de unidade pode facilitar outras mais avanzadas. A unidade política, for en contendas eleitorais ou mesmo de forma orgánica, ten que darse entón en base a coincidencias estratéxicas de fundo e a unha análise partillada de obxectivos e tácticas en cada conxuntura histórica. Hoxe non son posíbeis unidades avanzadas con aqueles que non aposten en profundas transformacións sociais dentro dun proceso de ruptura no Estado e aposten, sen apoio social, por meros cambios cosméticos ou con aqueles que abandonaron de facto a autoorganización como principio da loita pola soberanía por moitas reviravoltas oportunistas que podan aparecer no camiño; sabendo ademais que non basta coa mera enunciación de programa sen considerar a necesidade do carácter de movemento de masas do soberanismo. Nunca os problemas de fondo que podan existir no movemento nacionalista poderán ser arranxados con operacións de curto paso ou contraditorias que desconsideren o contexto e cambio de condicións sociais e políticas no noso país.
O desaparecemento a calquer nivel dunha alternativa nacionalista, autónoma e potente, que popularice e asente no imaxinario social a innegábel conexión entre a liberación nacional e social na Galiza, é dicir, a liberación nacional como forma concreta que adopta no noso país a liberación social, e polo tanto a sua indisociabilidade na Galiza, sería un retroceso histórico irreparábel nun contexto ademais de agudización das loitas pola soberania, que nos retrotraería mais de medio século atrás.
Resultaria paradoxal que aquilo que non conseguiu o piñeirismo dentro do campo galego fose agora acadado pola cobardía, as dúbidas internas e o efeito imitación de axentes políticos externos de carácter ainda incerto.
É vital non só sabermos que o proceso de ruptura democrática que garanta os direitos nacionais e sociais na Galiza só pode vir das forzas endóxenas, e que a secundarización das loitas nacionais, cando non a frontal oposición, foi e é unha constante histórica varias veces repetida na historia do Estado español por todo o seu espectro político, mais tamén actuarmos en consecuencia. A existencia diferenciada do noso país no mundo e a garantía dos nosos dereitos só virá da ruptura democrática galega, e esa é a única via non só posíbel, mais a única realista e factíbel nun Estado como o español. A autoorganización do soberanismo de esquerdas resulta imprescindíbel pois para a ruptura democrática e a República galega, e a consecución destes obxectivos non serán posíbeis sen a autorganización como ferramenta no desenvolvemento deste proceso.
Non é a dilución do carácter autónomo do noso movimento, nen na ocultación fariseica das contradicións de clase e nacionais baixo o manto do cidadanismo, todo baseado no medo ao “isolamento” e a “doutrina do shock” eleitoral, o camiño que nos fará avanzar: temos experimentado xa no nacionalismo como camiños que se pretendían atallos conduciron a fracasos e unha crise de debilidade que chegou no momento en que mais preciso era un perfil combativo, audaz e claro da nosa militancia e proxecto político.
Mais a firmeza nos piares esenciais non significa que non exista a necesidade de mudanzas aceleradas na actuación, perfís e formas de interlocución social, alén de axir con honestidade, intelixencia e xenerosidade no noso contexto actual, que será a única forma de conseguirmos esa unidade ampla, avanzada, entorno ao que representa o proxecto político do soberanismo de esquerdas. Precisamos non só activar o tecido social e político do nacionalismo, ainda o mais numeroso e potente da nosa nación, mais tamén amplialo recuperando aqueles/as soberanistas que se alonxaron do noso proxecto político debido á desilusión por erros e ambiguidades pasadas. Finalmente, é absolutamente imprescindíbel traballar para que o soberanismo sexa o referente político de aqueles/as activistas sociais nos diversos campos do movemento po- pular, dos antidespexos ao feminismo, do ecoloxismo e a defensa da terra ao internacionalismo, achegando persoas e colectivos á expresión política do soberanismo, o BNG. É pois esa unidade avanzada, posíbel e necesaria, a factíbel hoxe, que virá con quen acredite nas posibilidades de transformación en chave galega.
Para ese labor, o BNG ten que transmitir contundentemente con palabras e feitos á sociedade galega que é o seu mellor aliado para facer frente ás políticas de destrución social das receitas do capitalismo transnacional, FMI ou UE. O referente político para defender os dereitos da clase traballadora, de frente e sen concesións frente ao reformismo e pactismo español. O referente na defensa da mocidade sen futuro e obrigada a emigrar, dos pensionistas que perden poder adquisitivo, das mulleres que ven roubada a decisión sobre os seus corpos, do comercio e produción alimentar de proximidade frente as transnacionais, e no combate á corrupción e pola transparencia.
A sociedade galega debe saber tamén que no caso de estarmos nas diversas institucións, faremos todo o posíbel para articular maiorias en base a este programa, e polo tanto que o bipartidismo español do PP/PSOE é un obxectivo a bater desde as nosas posicións. Aclarando que o nacionalismo e a sua expresión política, o BNG, representa un proxecto diferenciado con vontade de permanencia no tempo non debemos negarnos á interlocución ou mesmo a acordos programáticos con outros axentes, mantendo o contraste eleitoral das distintas opcións políticas. Estes acordos con outros axentes que se comprometesen con puntos programáticos destas características poderían darse a posteriori do contraste eleitoral ou mesmo antes, de se considerar necesario.
Para todo isto é preciso o reforzamento organizativo como prioridade e o mantemento da liña política cun programa político avanzado que se alonxe da mera xestión, e tamén mudanzas mais inmediatamente visíbeis para a sociedade como unha renovación de métodos de traballo, nos referentes públicos que encarnan o noso proxecto, no traballo de comunicación e imaxe, e na relación cos axentes sociais que non poden ser adiadas nen un minuto mais e que moitas veces fican na mera enunciación repetitiva sen a súa posta en práctica.
O necesario reforzamento do nacionalismo non virá dado dun día para outro no actual contexto político e social: existen múltiplos campos de traballo desde a actividade militante como a elaboración de análises ou a creación de estruturas e proxectos permanentes que creen praxe nacional alén de ciclos eleitorais. O correcto encadramento e a distribución de tarefas no traballo dos/as militantes, a adecuación dos perfís a cada unha delas, a planificación conxunta dos distintos niveis orgánicos e o respeito e cumprimento deses acordos, a posta en común de prácticas e iniciativas exitosas, a preponderancia do colectivo sobre o individual, son aspectos de funcionamento ainda deficiente hoxe na nosa organización e que deben ser abordados con premura.
Un proxecto como o que representa o soberanismo galego, e unha ferramenta como o BNG, é un camiño de longo percorrido: sabemos que a liberación nacional e social do noso povo non se acadará hoxe a corto prazo porque non nacimos para xestionar un sistema que nos oprime, senón para transformalo de raíz. Un camiño que confia nas propias forzas do povo galego, sabendo que as dificuldades inmediatas poden ser moitas, mais que abandonándoo non haberá saída. Tecendo alianzas con quen concordemos no camiño, con xenerosidade e vontade de construír as alternativas mais amplas posíbeis, sabendo que o faremos desde nós propias, mudando o que teña que ser mudado para construir un mundo diferente desde unha Galiza soberana.