Para o soberanismo galego ábrense oportunidades neste ciclo, aproveitando a relativa mellora da percepción social que atravesa o soberanismo a nível político. A falta de alternativas críbeis ás organizacións sistémicas xeran oportunidades que, de non seren aproveitadas, non redundarán na mellora das posicións políticas nacionalistas. É momento de apresentármonos como unha forza política e social que ten propostas concretas, tácticas e estratéxicas, que son substancialmente diferenciadas do resto de forzas políticas, sen ideas e submisas ás axendas que marcan as súas respectivas direccións estatais. Remarcar o perfil propio das propostas soberanistas axudará a facernos ver como a única alternativa á situación de devalo e destrución económica, social, ambiental ou demográfica que vive Galiza.
Ademais, o debate soberanista no Estado estará nun punto álxido neste ciclo debido ao proceso independentista que se vive en Cataluña: o soberanismo ten que aproveitar para dar un debate en chave galega, que combine por un lado a defensa do dereito democrático a decidir das nacións frente a un Estado autoritario e o apoio á súa independencia, e por outro sinalar as melloras concretas que se derivarían de acadarmos a soberanía no noso país.
Sabendo que a situación e conxuntura de cada país é moi diferente, o repto é non só a asunción das propostas concretas e razoábeis que o nacionalismo pon sobre a mesa, mais incardinar esas propostas no programa global de transformación que defende o soberanismo, de forma que pasemos a gañar a hexemonía ideolóxica na sociedade, avanzando de sermos unha minoría, aínda que significativa, a sermos maioría. Dada a correlación de forzas no país que impide polo de agora a xeración de propostas de avanzos de calado partilladas con outros actores, é nesa acentuación do perfil propio que debemos apostar.
Para lograrmos eses avanzos, precisamos actuar en diversas frontes, tanto sectoriais, de coordenación, como de tipo de traballo. Por un lado, é preciso estreitarmos a colaboración xa existente nalgúns campos entre todas as entidades e organizacións que partillan o obxectivo da soberanía nacional e formalizala, de forma que poidamos, desde o respecto á autonomía de cada quen e de forma horizontal, partillar análises e deseñar actuacións en común.
En concreto, é fundamental aproveitar colectivamente a forza do sindicalismo nacionalista: se a soberanía é a ferramenta para vivermos mellor, a consecuencia inmediata é que o foco fundamental do soberanismo, tamén a nível político, debe estar na clase traballadora e clases populares e as súas condicións materiais de existencia, algo que se debe reflectir nas súas propostas, campañas, actuacións e discurso — que non poden ser maioritariamente asépticas desde a óptica de clase.
A difusión das nosas propostas e a presión social que só pode darnos a mobilización e activación da nosa base social é imprescindíbel. Ese vector fundamental ten que ir acompañado sempre dunha actuación a nivel institucional que reforce esas dinámicas, desde o nível local até o nacional. Neses espazos é fundamental mantermos á vez unha xestión exemplar, transparente e transformadora co confronto, legal e simbólico, cos corsés estatais impostos ao noso país: desde o financiamento local e as regras do défice até a imposición da bandeira española, a figura do xefe do Estado e o seu exército. É momento ademais para, por fin, reforzarmos a coordenación dos espazos locais onde a nosa presenza institucional é maior cunha axenda nacional, de forma que iniciativas exitosas a nivel local non fiquen como casos isolados e pontuais, estendendo ao conxunto do país esas propostas, o que dará máis potencia e visibilidade ás nosas actuacións.
A focaxe de todas estas iniciativas non pode ser, pois, unicamente segmentaria e sen ligazón: a simple colocación de demandas puntuais, unha tras outra, por moi adecuadas ou socialmente sentidas que sexan cada unha delas non xerará aumento ningún da conciencia nacional se ficaren á marxe dun contexto global dentro dunha explicación estrutural das causas da dependencia ou se os males son atribuídos apenas á deficiente ou nula actuación do goberno que en cada momento ocupar a Xunta ou o Estado. É o modelo autonómico que nega a soberanía e a nosa capacidade de dispor de instrumentos para mudarmos a realidade dentro do sistema capitalista a razón fundamental que subxace baixo estes problemas, e cómpre non só analizalo, como tamén espallalo.
É tan preciso non enunciar no baleiro a necesidade da soberanía, de forma que se percibise como unha demanda abstracta, e mostrar os aspectos concretos en que substancia esa necesidade, como conectar esas demandas puntuais coa reivindicación global, de forma que non poda ser subsumida polo sistema sen provocar contradicións. O marco xeral de actuación onde se insiren todas as demandas debe ser, pois, a necesidade da ruptura democrática en todas as ordes, e non só mudanzas parciais, necesarias, mais que poden ser revertidas ou diminuídas nun marco sistémico que non controlamos.
A denuncia das deficiencias que apresentan as redes de transporte en Galiza, for por estrada, camiños de ferro, conexións portuarias ou aéreas non pode verse desligada das limitacións legais impostas ao noso país para proceder ao ordenamento destas cuestións. Neste caso, como noutros, haberá que remarcar que estas limitacións proveñen de Madrid, dun deseño e duns intereses alleos que privilexian conexións exteriores, ordenacións estatais que nos prexudican e beneficios empresariais considerados a curto prazo, e non as necesidades das galegas e galegos, e que polo tanto só superando o actual marco legal poden ser definitivamente resoltos.
A cuestión enerxética non pode ser desligada igualmente da necesidade da propriedade, xestión e control público galego das súas infraestruturas, da súa ordenación e explotación, unha en maos estatais e outras en maos de capital transnacional, de forma que necesidades como a xestión hídrica, eléctrica e enerxética respondan a criterios públicos como servizos básicos e universais, de sustentabilidade ecolóxica, etcétera.
As loitas pola manutención e ampliación dos servizos de sanidade, educación, pensións, servizos sociais, etc. non poden ser desligadas da necesidade dunha facenda soberana, e de igual forma as reivindicacións laborais teñen que ter presente a necesidade dun marco galego de relacións laborais soberano que garanta o dereito a un traballo digno, onde toda a lexislación de aplicación sexa decidida aquí e non en Madrid.
No ámbito da lingua precisamos facer patente a falta efectiva de dereitos individuais e colectivos para vivirmos en galego de forma exixente e masiva, desde o ensino até o sector servizos, así como nos postos de traballo, resultado non só das prohibicións da Xunta de Galiza, a cativa lexislación galega, e da ruptura dunha anterior suposta “pax lingüística” que tamén condenaba o galego ao devalo. A situación é tamén resultado dun ordenamento constitucional que sitúa os idiomas que non son o español nunha situación de puro voluntarismo e falta de necesidade de uso, nunha “suboficialidade” que impide resolver o conflito lingüístico — que sempre existiu — de forma favorábel ao galego.
Todas estas cuestións teñen que ter o seu reflexo equilibrado no discurso público da organización política e do conxunto do soberanismo, combinando as explicacións concretas coa alternativa xeral, de forma que a demanda da soberanía estea presente de forma constante no discurso político: é necesario que a extracción pública das conclusións e consecuencias das demandas inmediatas non estea escurecida, desaparecida ou fique á vontade das persoas que fan a transmisión pública das alternativas do nacionalismo, aplicando no seu conxunto as directrices que emanan do aprobado de forma colectiva dos organismos e asembleas.
Nun momento en que a sociedade vive de forma intensa as consecuencias da actual crise sistémica, onde o desemprego e a precariedade configuran o día a día da maior parte dos galegos e galegas, cunha ideoloxía imperante que fomenta o individualismo e o “sálvese quen puder”, a criación e activación de tecido popular a todos os níveis desde o asociacionismo de base é unha tarefa urxente dos soberanistas: a participación e o impulso de iniciativas sociais en todos os campos, cunha perspectiva nacional e popular, do máis local até o nacional e o internacionalismo axudará ao aumento de conciencia e á referencialidade dos militantes e base social nacionalista.
Só desde unha actuación constante e firme no cultural, no lingüístico, na defensa e ampliación dos servizos públicos, da clase traballadora en cada conflito, do territorio frente ás agresións, seremos quen de socializar e visualizar ese proxecto propio e diferenciado dunha Galiza dona de si e socialmente xusta. Ademais, isto contribuirá ao necesario aumento da militancia e base social soberanista, e á formación, promoción e relevo de cadros políticos, cuestión imprescindíbel para afrontarmos con garantías todas as tarefas que requer un movemento social e político como o noso, que procura unha transformación completa da realidade social, para o que se precisa ter continxentes aínda mais amplos dispostos ao activismo e á actividade política.
Todas estas iniciativas, tanto propostas e campañas das organizacións como actuacións institucionais servirán pois á “pedagoxia” soberanista imprescindíbel: as demandas e a práctica mostrarán á sociedade que a forma de avanzarmos na mellora das condicións de vida é através da vía soberanista, avanzando paso a paso cara unha República Galega independente no camiño do socialismo.