“Pasados incómodos” era o título do ciclo de conferencias no que se insería unha das ponencias que ía impartir o maxistrado expulsado da carreira xudicial Baltasar Garzón. Non cabe dúbida que máis dun se sentiu incomodado pola presenza na sala dun grupo de persoas que lle lembraron o seu pasado ao palestrante.
Días atrás a militancia da organización xuvenil independentista Isca! difundía na Universidade cartelería e follas voandeiras repudiando a presenza de Garzón na USC. Sumáronse a esa denuncia varias organizacións da esquerda soberanista con comunicados nos días previos aos actos previstos nas facultades de Ciencias da Educación e de Historia, que non se puideron desenvolver por mor do boicote realizado polo estudantado.
Os motivos polos que rexeitar a presenza de Garzón nun acto sobre dereitos humanos organizado por unha universidade pública son abondo consistentes e xa foron expostos polas organizacións que desenvolveron esa campaña de axitación e denuncia. Aínda lembro o relato de Martxelo Otamendi hai uns anos, noutro centro da USC, a Facultade de Ciencias da Comunicación, detallando as torturas que sufrira no cárcere agardando a ser xulgado como director do xornal vasco Egunkaria. Ese xornal que, seguindo o camiño iniciado para o diario Egin por Garzón, hoxe defensor dos dereitos humanos, foi pechado cautelarmente sen indicios probatorios suficientes. Sete anos despois, todas as persoas imputadas saían absoltas. Sete anos de sufrimento e todo un capital social e humano tirado pola borda como resultado dunha intervención propia do apartheid, que tivo a súa continuación na persecución de movementos sociais e organizacións políticas de signo independentista cando Garzón facía parte da Audiencia Nacional, ese organismo de excepción herdeiro do Tribunal de Orde Pública do Franquismo.
A pretendida defensa dos dereitos humanos deste señor non lle serviu tampouco no seu día para gardar as garantías requeridas para a seguridade persoal e a integridade física das persoas detidas durante unha instrución; nin sequera corroborada por informes forenses que evidenciaban casos de tortura e que omitiu investigar cando era a súa responsabilidade directa facelo. Feitos polos que foi condeado o Estado Español polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (“Operación Garzón” durante os Xogos Olímpicos de Barcelona).
Podiamos tamén falar de varias das súas actuacións xudiciais, faltando á observancia dos dereitos das persoas inculpadas, que facilitaron xustamente a súa exculpación en moitos casos malia a súa evidente implicación; motivo polo que foi expulsado da carreira xudicial. Pero imos falar da súa incursión na denuncia dos crimes da Ditadura Franquista, que era o motivo polo que foi traído á USC.
A reivindicación da recuperación da memoria histórica –o triplo lema “verdade, xustiza, reparación” – acumula na historia recente sucesivas frustracións polo paso de gobernos de diferente signo que ben non aplicaron medidas nese sentido ou ben estas foron insuficientes ou meras declaracións de intencións. Mais esta realidade adversa non debe distraernos da peza clave na solución á inxustiza sobre os crimes do Franquismo, que non é outra que a vía política e pasa pola derrogación da Lei de Amnistía. Somos a cidadanía consciente quen nos temos que facer responsábeis de mudar a situación, non podemos agardar á chegada dun mesías xudicial que refaga por riba das súas atribucións o que debemos transformar nós coas nosas mans. Ás veces reflexiono se a apariencia xudicial ou de legalidade da persecución emprendida polo Franquismo tivo algo que ver na relevancia que se lle confire ao estamento xudicial na solución desa inxustiza. Probabelmente teña algo que ver.
Cómpre loitar contra os pasados incómodos, pero tamén evitar os presentes acomodaticios, inmobilistas e contemporizadores con determinadas traxectorias; xustamente para desenmascarar a quen pretenden pescar no río da confusión ou da desesperanza. Unha loita social desenvolvida de maneira anónima e desinteresada por moita xente durante moitos anos –antes de que xerara titulares de prensa– non merece ser devorada pola ambición de notoriedade duns poucos que pretenden converter esa loita nun negocio ou nunha plataforma de lanzamento para outras contendas.
Garzón non representa a loita pola recuperación da memoria histórica. Si, en cambio, o oportunismo de saberse introducir nese debate cando acada relevancia mediática para poñer en valor a súa persoa, non a inxustiza sufrida durante anos por vitimas do Franquismo. Por que, senón, montou o teatro da adopción de medidas urxentes e a busca e captura de Franco cando había destacados cargos da ditadura aínda vivos naquel entón e con implicación en sucesos luctuosos, como o propio Fraga Iribarne? Non sería máis útil que, desde a súa función de maxistrado, traballara en xerar doutriña favorábel á derrogación da Lei de Amnistía?
Non podemos deixar de facer notar a reacción que desde determinados sectores tivo o boicote levado a cabo polo estudantado da USC. Sorprende que coincidan en argumentos descualificatorios contra as manifestantes medios de ultradereita como o ABC e boa parte da progresía deste País, cualificando de ‘extremistas’, ‘violentas’ ou veladamente de terroristas ás boicotadoras. Esta reacción ten certa carga de profundidade, quizabes non advertida a simple vista; porque o que se visualizou nas aulas da USC non foi máis que un conflito xeracional e mesmo con certa tinguidura de clase: unha mocidade que non tolera a explotación laboral, a emigración, o patriarcado, a privatización e elitización da Universidade e o denuncia todos os días; tamén denuncia a presenza dun promotor de torturas como Garzón nun espazo público e non permite que se desenvolva con normalidade. De fronte, unha elite que tiña previsto ‘darse un baño’ de dereitos humanos, que de vez en cando non senta mal, mentres permanece calada, equidistante ou compracente no día a día. E as primeiras estanlles a dicir ás segundas que non lles permitirán que as dirixan porque o que pretenden é transformar a realidade.
Ese mesmo conflito é parte da historia do movemento estudantil na Galiza e tense manifestado no tempo en varias ocasións. Na miña época de estudante, na que facía parte dos CAF, molestábame bastante ter que aturar as leccións que algúns profesores da Universidade nos pretendían dar –previa lembranza dos tempos cando corrían diante dos grises ou aludindo á súa condición de exCAF ou exERGA–, mentres condeaban as nosas protestas ou miraban para outro lado cando a USC nos criminalizaba ou nos denunciaba, con procedementos dignos do Franquismo. Eles eran xa parte da institución, do sistema, e nós queríamos cambialo.
O Franquismo perseguía tamén ‘extremistas’, ‘violentos’, ‘axitadores’, ‘marxistas’… estes cualificativos eran suficientes para inculpar a militantes da esquerda e do movemento operario despois do golpe de Estado do 36. Mentres, algunhas elites acomodaticias que se perpetuaran en diferentes réximes renegaban da súa eventual pertenza a partidos republicanos de esquerda para seguiren mantendo a súa posición. Os extremistas xa morreran nas cunetas, asasinados pola xente ‘de orde’. É que a chamada ‘memoria histórica’ é a memoria dos extremistas, das vítimas que loitaron por un mundo mellor, perténcelle ás persoas que loitan. E as persoas que loitan, que teñen memoria, non se resisten a aceptar torturadores de hoxe e aquí dando leccións de dereitos humanos e democracia sobre o que ocorreu onte ou a miles de quilómetros, como se ten feito hai uns anos en resposta a unha homenaxe a Fraga en Filosofía, ou como faciamos os CAF cando a USC colaba como ‘xornadas de orientación laboral’ palestras de promoción das Forzas Armadas.
Só loitando contra os presentes acomodaticios construiremos un futuro sen pasados incómodos.