A crise actual ten un valor que vai mais alá do masacre que vén producindo desde hai anos nas condicións laborais e sociais das clases populares, alén mesmo dos despexos, das vítimas inclusive mortais, do desemprego a crecer interminabelmente, ou da nova vaga de emigración protagonizada, primeiro, polos inmigrantes que tiñan vido ao noso país en décadas anteriores e, segundo, pola nosa mocidade, que emigra por ducias de milleiros cada ano.
Ese valor é o de nos abrir os ollos para unha situación que hoxe — seis anos despois de estourar a crise financeira e de caeren Lehman Brothers, Freddie Mac, Fanny Mae e outros intocábeis — aínda continua a nos parecer estraña, mais que na realidade non o é. Nestes seis anos temos aprendido dolorosamente como é o verdadeiro rostro do capitalismo, e tamén que a anterior situación, na que vivíamos ben e que nos parecía a normal, era na realidade unha burbulla cuxa finalidade era exactamente esa: que pensásemos — que interiorizásemos — a «liberdade de consumir» como liberdade persoal e como indicativo único do nivel de vida. Aquel vivirmos ben non era, en todo caso, bondade ningunha do capitalismo. Era o resultado de transferir para o centro do sistema (onde a Galiza estaba inserida, a pesar de ser periférica dentro dese centro) os beneficios dunha engrenaxe que mantiña o groso da explotación afastado dos nosos ollos, en países ocupados polos medios imperiais, intervidos pola forza das armas ou pola forza de «acordos» internacionais feitos sempre en beneficio das grandes corporacións transnacionais, nunca dos pobos.
O que hoxe experimentamos na Galiza son as mesmas condicións que o noso consumismo impuña sobre outros pobos, na periferia da periferia: na África e en Asia, e tamén na América Latina antes dos procesos bolivarianos e progresistas que hoxe dan lugar a gobernos como o de Venezuela, Ecuador, Bolivia, etc. Agora si, desvélase que os nosos dereitos eran só para consumir e que o noso «benestar» era un benestar a crédito, irreal. Que o que tiñamos e considerábamos noso non o era en absoluto, senón que dependía e depende do deseño que o grande capital transnacional teña para cada país, para cada pobo.
A realidade, xa descarnada, revélase en cada pioramento das condicións laborais e de vida e en cada desmantelamento dos sistemas que a clase obreira organizada tiña obrigado aos Estados a criar para evitar os abusos da burguesía: o mais importante de todos, a negociación colectiva. Agora, seis anos mais tarde do inicio oficial da crise, as facilidades concedidas ás empresas para se desmarcaren dos convenios colectivos deu novos folgos a quen máis se lucra canto menos paga pola forza de traballo. O fin da ultraactividade dos convenios, as facilidades para aprobar mobilidades funcionais que redundan en máis explotación e tamén mobilidades xeográficas que se traducen en traslados forzosos; as rebaixas salariais con carácter xeral, a queda imparábel das indemnizacións por despedimento ou a aprobación de EREs en practicamente calquera circunstancia son exemplos dese desmantelamento da negociación colectiva. E non son os únicos.
A expansión das ETTs como contrapartida da incapacidade (e da falta de vontade) do Estado para asegurar o dereito ao traballo, a entrega de poder ás mútuas e o seu control total por parte das empresas en lugar do control da saúde laboral por medio do servizos de saúde públicos, a case desaparición das axudas familiares, da RISGA e outras, a práctica paralisación do FOGASA e a reducción nas coberturas, etc., son outras materializacións desa intención do grande capital de nos sacar calquera ferramenta para evitarmos os seus abusos.
E xunto con isto temos todo o paquete de privatizacións de servizos e re- curtes sociais na sanidade, dependencia, ensino público, … que atacan diretamente a vida das clases populares.
Porque non cabe dúbida de que con estas medidas e as que han vir o que se pretende é aumentar a precariedade e, así, a nosa disponibilidade a aceptarmos condicións laborais e de vida comparativamente piores. Evidentemente, condicións piores significa condicións máis baratas, menores custos de produción e, portanto, maiores lucros para quen posúe eses medios de produción, que é a base de todo este pesadelo: a acumulación cada vez máis exaxerada e máis impúdica da riqueza que nós, a clase obreira, xeramos. Que ninguén se estrañe. Non é nada novo, nen vén de hai seis anos, como xa se dixo. Leva séculos facéndose noutros lugares: principalmente nas antigas colonias europeas, que para iso servían. Marx, nunha das súas conclusións máis célebres, avisaba: «o capital ten pánico á ausencia de lucro. Cando venta un beneficio, o capital tórnase ousado. A 20% fica entusiasmado. A 50% é temerario. A 100% enlouquece á luz de todas as leis humanas. A 300% non recúa diante de crime ningún». Niso estamos.
Mais, como asegurar esta situación? Como impedir que as clases dominadas acorden e se neguen á explotación? O capital emprega fórmulas vellas, mais moi efectivas. O uso de «analistas» e «expertos» para xustificar todas as agresións como sacrificios que é mellor facer canto antes non é novidade ningunha. Antes ao contrario, é unha vella estratexia que emprega a escusa de que a situación é complexísima e escura de máis como para que a clase obreira poida entendela ou sequera enxergala. Por iso sempre son analistas e expertos de empresas, a maior parte das veces, financeiras cuxo lucro nen sequera está no capitalismo produtivo, senón no capitalismo especulativo.
Tampouco é novo o uso de canais de comunicación para difundir as opinións prefabricadas deses peritos e analistas. O control dos medios de comunicación é tan vello como o control dos medios de produción, e responde ao mesmo esquema: determinar a mensaxe que se envía e asegurarse de que chega ás clases populares, que somos nós. Para iso, até son criados medios de aspecto progresista que poden emitir algunha crítica ao goberno da dereita se é necesario, mais que son inflexíbeis no que ten a ver cos intereses reais. Xornais como El País, radios como a SER ou televisións como La Sexta cumpren á perfección ese papel de ocupar o espazo de comunicación progresista, imposibilitando que aparezan outros medios realmente obreiristas. Nestes casos,xa sabemos que a liberdade de expresión é a liberdade do propietario da imprenta.
Por último, o grande capital tamén conta co Estado como ferramenta fundamental. O Estado serve, no capitalismo, para dar forma de lei ás vontades das oligarquías. Pódese dicir doutros modos, mais en esencia é isto mesmo. No caso español, os pactos da Moncloa durante a chamada Transición serviron para entrar de cheo no deseño capitalista global unha vez que se tornou evidente que os modos fascistas da ditadura xa non permitían ás grandes riquezas continuar acumulando lucro. Naqueles pactos participaron aquelas grandes riquezas, que son, por certo, as mesmas de hoxe, e tamén forzas supostamente progresistas como CCOO, UGT, PSOE ou o Partido Comunista de España. A transición non foi outra cousa que unha adaptación aos novos modos, portanto, para que en esencia nada mudase de maneira significativa. A «normalidade democrática» que o grande capital deseñou para nós, clase obreira, apenas mudou o escenario capitalista autárquico da ditadura polo escenario capitalista mundial, potenciado co ingreso na Unión Europea, de modo que ficaron blindadas as marxes de lucro.
A radicalización da crise que evidenciou a realidade, promoveu tamén un aumento da conflitividade social. Diante disto, o Estado, que exerce o monopolio da forza, vén de desenvolver a Lei de Seguridade Cidadá precisamente co obxectivo de blindar as empresas contra esa conflitividade, criminalizando a disidencia social e, ao mesmo tempo, ofrecendo como aparente contrapartida, opcións aparentemente antisistémicas, pero na realidade puramente reformistas (non revolucionarias): IU, UPyD, Podemos, ou máis histriónicas como a de Elpidio Silva, etc.
Diante disto, e cos espazos de participación política tan reducidos como o capitalismo español nos deixa, é preciso erguer un movemento político-social de ruptura desde a autorganización propia que sexa capaz de actuar en todas as frentes onde sofremos agresións. É necesario crear ese espazo, leal e superador da desconfianza ou seitarismo que tantas veces se ten manifestado nas organizacións sociais e políticas galegas. Hoxe, desde todo o imprescindíbel que achegan, non abonda con que a CIG teña presenza nas empresas ou con que o nacionalismo poda acceder a espazos de poder dentro deste sistema. Convén converxer nos conflitos e desencadear un proceso que vaia mais alá, e que nos permita romper co capitalismo e tamén co Estado español para termos soberanía e plena capacidade de decisión sobre os nosos intereses como pobo e como clase.