Poucos días quedan para unha data de referencia como é o 25 de xullo e quen estamos organizadas dedicamos xa os nosos minutos libres á elevada cantidade de preparativos dunha xornada ateigada de actividades e encontros, para a que sempre é imprescindíbel ese esforzo militante previo que fai que todo poida saír adiante.
Para quen xulgamos necesario mostrar a fortaleza da capacidade de acción conxunta do soberanismo galego é ilusionante a proximidade dunha data na que parece que vai ser posíbel. Porén, sabemos por outras experiencias que o camiño non é fácil e que a xenerosidade e capacidade de dialogar con honestidade e superando prexuízos son fundamentais se queremos, entre todas e todos, darmos un paso firme. Un paso realmente significativo, que axude a dar outros, e que non signifique só darlle un novo nome aos mesmos procedementos doutros anos, sumando simplemente convocatorias que noutros tempos estaban separadas por unha pequena franxa horaria.
Quen como independentistas acreditamos en que na situación actual a unidade do soberanismo é mais imprescindíbel do que nunca e que nos achega aos obxectivos estratéxicos, onde diferentes actores poden camiñar e dar pasos conxuntos, sen renunciarmos ás diferenzas, consideramos unha boa nova unha convocatoria en parámetros unitarios, e neste contexto que se desenvolva cunha visualización tamén o máis unitaria posíbel debera ser un obxectivo común.
Se conxuntamente compartimos a reflexión da necesidade desta convocatoria unitaria faise fundamental non poñerlle límites á súa forma. Trátase de, recoñecendo a existencia de distintas e lexítimas diferenzas a nivel táctico e estratéxico entre as distintas organizacións, non convertelas nun atranco, senón favorecer aquelas cuestións en que a coincidencia pode facernos avanzar. Un camiño que non é inmediato mais que pode ter nesta convocatoria unha boa oportunidade para se afianzar.
Neste sentido, cómpre ollar cara outras iniciativas que tiveron lugar nos últimos anos, tanto a aquelas que non callaron para aprender dos seus erros, como para aquelas que si tiveron un resultado final, como acontece coa máis consolidada manifestación xuvenil unitaria. Somos moitas as que acreditamos en que os avances conquistados neste ámbito son aínda insuficientes e que non poden limitarse a unha convocatoria conxunta anual, mais sen dúbida podemos enorgullecernos de como esta ten decorrido. Entendíamos daquela e entendemos agora que a unidade real pola que apostamos non se limita a compartir un espazo físico.
Cómpre ser sinceras: a aposta por confluír nunha convocatoria ten a ver coa xenerosidade na presenza das siglas, mais tamén coa vontade de percorrer, literalmente, esa manifestación rodeada de quen comparte a necesidade da súa celebración, con independencia da súa adscrición (ou non) militante, recoñecéndose mutuamente sen fomentar divisións artificiais entre soberanistas en base a definicións políticas que se atopan no conxunto das bases militantes da maioria das organizacións.
Sermos quen de conseguir un 25 de xullo realmente unitario no fondo e non só na forma é imprescindíbel para demostrar a capacidade do soberanismo de tecer redes de colaboración para defender os intereses galegos desde as coordenadas da esquerda transformadora e para abrir con decisión a posibilidade a que esta colaboración poida ir alén de convocatorias puntuais, posibilitando alianzas amplas en cada vez máis espazos e ámbitos.