Estes dous meses previos á XIII Asemblea Nacional teñen sido obxecto dun feroz ruído mediático, en paralelo e de forma que condicionaba os debates orgánicos que se teñen producido no seo do BNG, e que máis que ter contribuído a situar as distintas propostas para facer do BNG unha ferramenta máis útil para a liberación nacional e social de Galiza, só ten alimentado unha espiral destrutiva de declaracións, rumores e descalificacións que só contribuiron a danar a imaxe do conxunto do BNG.
O domingo día 20 de novembro celebrábanse eleccións xerais. Ao día seguinte, luns, o Encontro Irmandiño daba una rolda de prensa en Compostela para valorar os resultados. O martes, os xornais anunciaban en titulares que o EI ameazaba con deixar o Bloque se non se refunda; que Xosé Manuel Beiras consideraba que o BNG está “moi enfermo” e que se a actual dirección da fronte “considera que estamos no mellor dos mundos posíbeis”, isto supón “traizoar ao pobo galego” e pretender ser un aparato “parásito e reproducirse orgánicamente como prantas carnívoras” perpetuándose eles mesmos.
Con esta rolda de prensa, convocada curiosamente xa o venres 18 de novembro, daban o pistoletazo de saída cara á Asemblea Nacional do BNG e poñían en marcha unha campaña electoral ao uso das denominadas “suxas” ou “negativas”. Un modelo de campaña de marketing político, amplamente estudada polos teóricos da Comunicación que se basea no descrédito persoal ou colectivo, no insulto e que, neste caso, incluía ademais, como elemento fundamental, a chantaxe. Non era esta a primeira vez que o EI recorría a este tipo de mensaxes en negativo, aínda que nunca con tal dureza. Nin tampouco foi o Encontro o único que saíu aos medios de comunicación para descualificar as políticas, as formas e ás persoas que conforman o BNG e que son, aínda, compañeiras de organización.
A partir dese momento sucedéronse en constante pingueira, até hoxe, as saídas en prensa, as entrevistas, as aparicións televisivas, as columnas dos sisudos analistas políticos e as filtracións. Puidemos saber dos debates nos Consellos Nacionais, das posición que supostamente mantivo cada quen e mesmo de debates internos de asembleas comarcais. Filtracións, nalgún caso acompañadas, a posteriori, por notas como a emitida por EN, pedindo nin máis nin menos que unha rectificación pública a un militante que fixera unha valoración política interna.
+Galiza sumouse de contado, como xa fixera con anterioridade, ao modelo de campaña pública, non tan agresiva, pero igual de ‘transparente’ e recorreu novamente aos seus alcaldes e alcaldesas para elaborar un manifesto no que explicaban ao resto da militancia o camiño a seguir para acadar o trunfo electoral, apropiandose do traballo colectivo da militancia. E a apenas unha semana da Asemblea Nacional, quen saía era o ex senador Pérez Bouza para advertir que “hai vimbios” abondo para una nova formación “cos pés na terra” á que se poderían sumar miles de militantes.
Este modelo de campaña ten un efecto normalmente desmobilizador, provoca cansazo entre a militancia e un descrédito social xeralizado das propias siglas do BNG. Pero sobre todo, se xa é moi cuestionado pola súa falta de ética nunha contenda electoral á que se presentan organizacións políticas diferentes, tanto máis o é, cando a quen se pon en cuestión é á propia organización na que se milita.
Así non, compañeiras e compañeiros: é preciso que os medios de comunicación non se erixan no lugar onde se critica os compañeiros e compañeiras, onde se informa a militancia e onde se desenvolve por defecto os debates que non se dan ou non se queren dar nos organismos internos do BNG.