O futuro é posíbel imaxinalo e non só aceitalo.
Eduardo Galeano.
Dixo o Subcomendante Marcos nunha ocasión que “a liberdade é como a mañá. Hai quen agarda durmida a que chegue, pero hai quen desvela e camiña a noite para alcanzala”. Desvelarse e camiñar na noite non son promesas de camiños fáciles, mais son, sen dúbida, un camiño certo para non sermos espectadoras da vida senón protagonistas.
Na acción política as soberanistas de esquerdas afrontamos un reto maiúsculo: combater (e destruír) o sistema económico e construír (e conquistar) a soberanía. Podemos facer inumerábeis cousas polo camiño, mesmo que algunhas supoñan avanzar e outras non facelo, mas se camiñamos é porque o facemos nesa direción. É un camiño duro, difícil. Decir o contrario sería enganarnos. Alguén pensa que un sistema ao que quere derrotar lle vai dar facilidades para facelo? Non parece e as experiencias demostran que non é.
Os camiños difíciles requiren de compromisos firmes para ser percorridos pero asumímolos porque queremos transformar a realidade en que vivimos e colocar a nosa rebeldía ao servizo dese obxetivo.
A maior dificuldade é o traballo constante feito no día a día, a necesidade de actuar con coherencia nunha realidade que nos empurra permanentemente cara ás contradicións do sistema en forma de camiños fáciles. Quen non gostaría de poder escoller unha forma fácil de facer as cousas? Unha forma que permitise adquirir poucos compromisos e navegar nos camarotes con vistas en lugar de ter que ir, as máis das veces, na bodega?
Hai moitas formas de percorrer os camiños duros pero resúmense en dúas: mal ou ben. Podemos agardar, como di Marcos, a que chegue a mañá -o pobo toma consciencia de seu e aposta na soberanía e no combate do sistema- ou podemos desvelarnos e camiñar a noite: autoorganizarnos, crear estruturas propias que resistan as agresións das políticas neoliberais, traballar para mudar a realidade, ser activistas e impulsoras de loitas sociais e conflitos que amosen os límites deste sistema e das súas institucións, crear condicións materiais de vida alternativas ás que ofrece o sistema, facer da vida o centro das políticas, comprometernos con honestidade a acumular forzas no campo soberanista e sumar os nosos esforzos aos esforzos das demáis para avanzar no camiño.
E para todas estas tarefas que temos por diante precisamos unha ferramenta política útil, que non nos enrede en burocratismos mas que tampouco nos convirta en espectadoras das decisións que toman unhas poucas. Unha ferramenta que funcione ao servizo da transformación social, que abra tantos espazos de debate e traballo como sexan precisos, construídos por quen en cada recanto deste país queira participar nela. Unha ferramenta na que todas as voces sexan escoitadas e as representantes públicas estean ao servizo da organización, non ao contrario. Unha ferramenta na que as decisións sexan coletivas e radicalmente democráticas. Unha ferramenta actualizada que sirva para actuar socialmente, acumulando forzas no campo soberanista para mellorar a vida das persoas. Unha ferramenta que actualice o proxecto histórico do nacionalismo, que faga de cada activista un referente e de cada militante unha activista.
Son tempos de papeis na reflexión colectiva da fronte patriótica. Para quen non coñeza o funcionamento da fronte unha asemblea nacional consiste en plasmar en documentos as reflexións e análises colectivas nun proceso de debate e emendas intenso que require un compromiso por parte da militancia. Documentos que se empregan como folla de ruta para o traballo diario das miles de mulleres e homes que nos organizamos no BNG. Por iso digo que son tempos de papeis.
Os papeis teñen unha virtude: terman de todo o que neles se coloque, das cuestións máis concretas aos obxetivos estratéxicos que nos impulsan a seguir camiñando. Hai tres anos colocamos neses papeis propostas de mudanza no funcionamento da organización: quixemos máis democracia, máis participación, máis pluralidade nos referentes, novas voces e actores políticos… e liñas políticas centradas no traballo social e na construción dunha conciencia nacional imprescindíbel para avanzarmos e construír a República Galega. Apostamos na mobilización, na participación e impulso de loitas sociais que combatan o sistema económico, na desobediencia fronte á vaga recentralizadora do estado español…
Temos que seguir actualizando a ferramenta. Agora renovamos moitas desas apostas e temos que facelas por fin realidade na nosa práctica diaria. Comprometerse a levar adiante todas as mudanzas propostas naquel momento e no actual e escoller as persoas que mellor podan defendelas e sobre todo practicalas. Sabemos que non vai ser fácil mas é absolutamente imprescindíbel.
Somos moitas as soberanistas que queremos traballar máis, e dende logo moitísimo mellor, do que o temos feito ata agora para transformar a sociedade en que vivimos, para que Galiza sexa un pobo rebelde que con voz propia imaxine e constrúa un futuro diferente para a humanidade.
Eis o asunto central ao que adicar os nosos esforzos nos tempos que veñen, no que non sobra ninguén que queira andar o camiño, citando a Emma Goldman: “antes de que podamos perdoarnos unhas ás outras temos que entendernos”, non hai mellor forma de reflexionando colectivamente.
A traballar.
PS: Si, cando haxa unha cita eleitoral, colocaremos todo ese traballo construído no día a día ao servizo do país para que teña unha voz propia alí onde sexa necesaria.