A revolución democrática catalá chegou a un punto de inflexión e de definición sobre os pasos a seguir. Sen entrar a fondo neses debates e á marxe dos acontecementos recentes, vemos preciso analizar esta experiencia en marcha e tirar conclusións que nos sirvan para avanzar no noso propio camiño de emancipación como pobo.
A implicación popular é a garantía de avance do proceso
Sen negar o papel das pancas institucionais das que se dispoña, cremos que a organización social e a mobilización foron os elementos determinantes no proceso de ruptura democrática. Condicionaron e lexitimaron os avances, impediron retrocesos e protagonizaron os maiores momentos de cuestionamento do statu quo. O 1 de outubro é o mellor exemplo disto: centos de miles de persoas organizadas para defender cos seus corpos o dereito a decidir, cunha desobediencia masiva que desbordou a acción policial e posibilitou que puidesen votar máis de 2 millóns de persoas. Coa folga xeral do 3-O, foron os momentos en que o estado sofreu o maior custe e en que se deron os maiores saltos na conciencia política de amplos sectores.
Durante anos, o independentismo teceu redes sobre as que sustentaría o salto adiante dos últimos tempos. Mentres certos relatos ligan a orixe do proceso só a un conflito institucional a raiz do rexeitamento do Estatut, o certo é que non se pode comprender o vivido nestes anos ignorando o proceso de activación popular que ven de lonxe. Sen ese fermento e sen un pobo disposto ao enfrentamento democrático, de pouco tería servido o control de determinadas institucións. Durante esa toma de conciencia esfarélaronse en Cataluña os relatos que sostiñan a lexitimidade do réxime, e será difícil que a recupere unha vez demostrou que só é quen de manterse pola forza. Ese cambio cualitativo no sentir popular será determinante para as loitas que virán.
O valor da unilateralidade
Tense tentado pór o foco nun falso debate entre a vía unilateral (identificada como inviábel e antidemocrática) frente á suposta vía dialogada que tería máis lexitimidade e opcións de éxito. Porén, na práctica non existe tal escolla ante un Estado que só se sostén pola vía da coacción. Ante ese bloqueo, a vontade de diálogo só ten duas saídas: a renuncia ou o avance unilateral. A primeira, ademais de lexitimar a razón da forza, supón confundir a natureza do réxime que enfrentamos: supostamente, favorecendo a chegada ao goberno de partidos mais sensíbeis ás demandas nacionais, sería posíbel ese pacto. Esas análises obvian as blindaxes institucionais existentes e a propria natureza do estado: o conflicto non é só cun goberno, senón cun réxime herdeiro do franquismo e explicitamente deseñado para impedir mudanzas como as que deberían centrar ese diálogo. A bilateralidade futura só podería darse após avanzar unilateralmente de forma que se debilite o rival até que non lle quede outra que sentar a negociar para evitar custes maiores. É o que nos ensina a historia e debemos telo en conta para responder a quen xustifica con falso realismo camiños manifestamente imposíbeis.
Desobediencia: sen vías legais para a independencia neste Estado
O novo articulamento xurídico que aspiramos a construir debe xurdir da lexitimidade popular. Nese proceso é evidente que fará falta algún tipo de ruptura coa lexislación anterior, algo só posíbel coa acumulación de poder popular para o exercicio da desobediencia, que ha ser colectiva, coordinada e masiva. Isto supón asumir os custos que esta estratexia terá, tanto a nivel colectivo como individual para as persoas referenciais do proceso, e cómpre asumir isto de partida para que non condicionen os pasos a dar.
O 1-O serve de novo como paradigma dun exercicio masivo da desobediencia e da asunción dos seus custos asociados, neste caso con miles e miles de persoas arriscándo a súa integridade física en favor dun dereito democrático. O mesmo se pode dicir de moitas das accións posteriores que tiveron carácter masivo e continuidade pese a represión.
A centralidade da cuestión nacional e a súa ligazón coa loita social
A loita de liberación nacional é hoxe a vía que permite a ruptura constituínte que dea lugar á construción de estruturas sociais mais xustas e democráticas. Aliás, o exercicio da soberanía nacional non será tal se as decisións políticas, sociais e económicas están capitalizadas por unha minoría oligárquica que evite, na práctica a capacidade de decisión popular.
Non é casual que o aliñamento da oligarquía española (e catalá) co unionismo fose total, ficando só no campo soberanista sectores da pequena e mediana burguesía autóctona. Ademais, o proceso foi creando unha vinculación cada vez maior entre as expectativas de liberación nacional e as demandas no campo social e democrático, concretizábeis só no marco do proxecto republicano en marcha, pois na autonomía non é posíbel desenvolver xa nengún tipo de política minimamente progresista.
O da soberanía é esencialmente un debate sobre o poder, eixo central de toda intervención política. Fala da capacidade dun pobo de gobernarse e dispor de ferramentas para iso. Neste momento histórico e no marco común em que actuamos, o eixo nacional é o principal vector revolucionario, abrindo opcións para as tarefas de transformación democrática dos pobos.
A esquerda española como lexitimadora do réxime
A maioría da esquerda española reafirmou neste proceso o seu papel como garante do statu quo do réxime. Ante a vía aberta de cuestionamento dos piares do postfranquismo, tentaron presentar o maior movemento social en décadas como un conflito de elites que non lles interesaba, practicando unha equidistancia que mesmo lexitimou a represión.
As reivindicacións que as esquerdas españolas din asumir (rexeneración, democratización, ruptura democrática, proceso constituínte, república…) foron postas sobre a mesa no proceso catalán, non como reflexión teórica mais como obxectivos relizábeis e co apoio da maioría social. Porén, a súa resposta foi ignoralas fiando a súa consecución ao marco estatal no que eles se sinten cómodos, mais onde as posibilidades de hexemonía dos valores rupturistas son moito menores.
Exerxe o raizame fascista do réxime español
Ante a ameaza catalá, recorreuse ao despregamento da extrema dereita en diferentes formas: do incremento da violencia nas rúas, con numerosas agresións fascistas silenciadas polos medios españois, a outras como o fenómeno de Tabarnia nunha tentantiva de importación ridícula do fenómeno norirlandés. A súa lexitimación por parte dos poderes españois foi total.
En canto ao estado como tal, non só tentou garantir a súa orde coa represión, senón que tentou humillar o pobo catalán e os seus líderes e infundir o medo na poboación. A normalización plena desa represión constantou o abandono de mecanismos democráticos formais que até agora, a certos niveis, se tentaran respectar.Tanto no caso vasco como no catalán constátase a falsidade da que sen violencia todo era posíbel: certos proxectos políticos son irrealizábeis no marco español independentemente dos métodos, e a resposta a unha proposta política pacífica vai ser a mesma: criminalización, xuizos políticos e prisión. A deriva fascista do Estado -que non é máis que retorno ao seu cerne- existe hai tempo, mais agora demostra que non precisa sequer da escusa da violencia para se xustificar.
A verdadeira cara da UE
Pola súa xénese, o sistema político, xudicial e mediático español é ainda menos democrático e mais corrupto que o do seus homólogos europeus. Isto fixo medrar nalgúns sectores a esperanza de que a reacción de outros estados ou da UE poidese ser outra que a de aliñarse con España na cuestión catalá. Se ben na opinión pública, mediática ou nos aparellos xudiciais houbo decisións que non se correspondían coa vontade española, a totalidade dos Estados e especialmente a propia UE lexitimaron e apoiaron a vía represiva contra o pobo catalán co argumento do asunto interno. A UE foi construída ao servizo dos estados capitalistas europeus, e nese marco a integridade do estado español é un valor a defender, tamén para evitar o reimpulso de conflitos nacionais en marcha ou latentes no continente.
Isto provocou a decantación de sectores da opinión pública catalá, que abandonaron certo europeismo mal entendido e foron quen de percibir o papel da UE e a necesidade de construir a relación entre os pobos do continente sobre novas bases.
O esgotamento do autonomismo
A postura histórica do soberanismo galego é de oposición ao marco autonómico e da súa superación en favor de estructuras soberanas. Porén, teñen existido discursos e prácticas que apostaban pola simple xestión do marco estatutario para chegar a maiores cuotas de soberanía. Ese debate podía ter certo percurso -teórico- hai anos, mais hoxe pretendidas apostas gradualistas asentadas nun suposto pragmatismo non son xa máis que vías mortas. Calquer reforma constitucional só avanzará en cuestións cosméticas ou cara a unha maior recentralización. Na prática xa se está avanzando cara aí, tanto por vía xudicial como con leis que adelgazan cada vez máis o precario autogoberno, xunto á permanente ameaza, xa concretada, de liquidación discrecional da autonomía vía 155.
As dinámicas de acumulación do capitalismo español e a sua inserción no sistema mundial fan que non poda sosterse sen aumentar cada vez máis o espolio, o que deixa menos marxe de cesión de soberanía aos pobos.
Mortas as perspectivas da España plurinacional, queda apostar consecuentemente pola vía de construir o estado propio, para o cal é precisa unha estratexia de longo alento que recolla as aprendizaxes necesarias da experiencia catalá. Un camiño con moitas dificultades, que dificilmente ofrecerá resultados inmediatos e que asume que cómpre sementar pacientemente no campo da organización e a concienciación social para recoller froitos de soberanía.
Socializar este debate e construir as ferramentas para avanzar cara ao horizonte da República Galega é a urxente tarefa que temos por diante.