O terror que volve á América Latina

En Abril de 2013, John Kerry,En Abril de 2013, John Kerry, secretario de estado estadounidense, falaba ante o Comité de Asuntos Exteriores da Cámara de Representantes do Congreso nestes termos: “América Latina é o noso patio traseiro (…) temos que nos achegar de xeito vigoroso”. Para quen coñeza a historia e o papel que os Estados Unidos xogaron alí nas décadas de 1970 e 1980 a través da Operación Cóndor ou no 1999 co Plan Colombia é fácil ligar estas declaracións co acontecido no continente nos últimos tempos e intuír que a actual situación é a resposta do imperialismo a unha década de gobernos e políticas que, con intensidade diferente, enfrontaron a lóxica de dependencia e submisión do continente aos intereses do capitalismo estadounidense.

O que John Kerry explicitaba naquela comparecencia era a vixencia da Doutrina Monroe, que dende 1823 aposta abertamente por impor a vontade e influencia política e económica norteamericana como sexa. Na mesma liña ía o anuncio da súa visita a varios países do sur co obxectivo de, literalmente “facer o posíbel para mudar a actitude dun número de nacións, onde obviamente tivemos unha especie de ruptura nos últimos anos”. Falaba a administración norteamericana por boca do seu secretario de estado dos procesos políticos que na última década e media permitiron crear na América Latina un polo de resistencia e contestación fronte a ese mundo unipolar de dominación estadounidense —       capitalista, colonial e patriarcal — que herdamos coa caída da Unión Soviética. Un polo que permitía avanzar non só ao conxunto dos países da rexión, como tamén incorporar outros que foran refractarios a fortalecer as relacións rexionais e que tradicionalmente priorizaran as bilaterais con Washington.

Coas décadas de Revolución Cubana como mostra de que a vontade permite crear movementos de resistencia e alternativas ao capitalismo, o triunfo de Chávez en decembro de 1998 en Venezuela abriu a posibilidade dun cambio de paradigma na América Latina. Á vitoria de Chávez foron sumándose outras vitorias contra o imperialismo en países chave (a de Lula Da Silva en 2002 no Brasil, a de Néstor Kirchner en 2003 na Arxentina, a de Evo Morales no 2005 en Bolivia, a de Manuel Zelaya en Honduras no mesmo ano e tamén a de Rafael Correa en Ecuador en 2007) Unhas vitorias que permitían soñar para América Latina un futuro diferente, cunha base económica que desafiase as regras do capitalismo e que, mesmo representando proxectos diferentes a nivel económico e político nos seus países, compartían a necesidade dunha alianza forte para combater as políticas imperialistas na rexión e apostaban na construción, con velocidades diferentes — moi diferentes, en moitos casos— de políticas de defensa dos dereitos humanos e contra a pobreza e a exclusión social.

É nese contexto que en 2004 nacía a ALBA-TCP, a Alianza Bolivariana para os pobos da Nosa América – Tratado de Comercio dos Pobos, como resposta ás presións dos EUA para a implantación do ALCA, un tratado de libre comercio como o TTIP que hoxe combatemos na Europa. Foi en Mar del Plata, Arxentina, coa presenza de Lula Da Silva, Néstor Kirchner e Hugo Chávez na visita que Bush realizaba ao país que se deu por enterrado ese intento do imperialismo por condicionar as políticas económicas e diplomáticas entre países da rexión coa xa histórica xornada na que Chávez mandou o Alca “ALCArajo” e Kirchner e Da Silva promoveron a integración da Patria Grande e anunciaron a ruptura de lazos “co imperio” — o que na altura significaba tanto como romper coas medidas de “axuste estrutural” do Fondo Monetario Internacional e co Banco Mundial na súa esixencia de recortes sociais para facer fronte ás débedas externas. Era entón a década na que aparecían as leis de memoria histórica, as políticas de alfabetización e protección social e o avance de dereitos historicamente negados para mulleres, indíxenas e o conxunto das diversidades.

Unha década despois, porén, enfrontamos unha explosión de inestabilidade en todo o continente. E non se trata dunha coincidencia no espazo e no tempo. Non se trata de que, por algún motivo, as elites prexudicadas polas políticas de redistribución e empoderamento popular fosen capaces, de súpeto, de convencer a maioría da inconveniencia daquela vaga de progreso e soberanía. Non podemos entender o que agora pasa na América Latina como acontecementos illados — aínda cando en cada caso xoguen un papel elementos internos de descontentamento, que tamén os hai. A desestabilización perpetua contra o goberno bolivariano de Nicolás Maduro; o golpe da dereita racista, imperialista, machista e colonial para afastar Dilma Rousseff da presidencia do Brasil; a guerra económica contra Cristina Fernández para fabricar a vitoria do “macrismo”; os ataques mediáticos contra Rafael Correa; a expulsión máis ou menos violenta de Gabriel Zelaya e Fernando Lugo das presidencias dos seus países; nada disto pode sequera imaxinarse sen ter en conta o interese norteamericano por recuperar o control do “patio traseiro” e mais o papel das elites económicas que devecen por volver priorizar as relacións bilaterais cos EUA. Unhas relacións que son sempre de sometemento, mais que aseguran o lucro ás minorías desprazadas do poder durante a década de progreso. Por iso, ninguén pode argumentar que este tipo de operacións masivas se produza á marxe do grande capital transnacional sediado nos Estados Unidos. E tampouco que os Estados Unidos non teñan, neste ámbito, un papel chave. Só é posíbel concluír, por tanto, que se trate dun plan a medio prazo executado de maneira máis ou menos sistemática para eliminar por vías non convencionais (evitando a invasión militar tradicional) os gobernos contrarios aos intereses norteamericanos e dos seus intermediarios locais.

Por iso é tan importante a defensa dos gobernos de progreso que aínda non foron derrubados e o apoio ás iniciativas que tratan de recuperar as liña desa década longa de avances, aínda que os seus proxectos políticos poidan diverxer noutros puntos. Porque se o novo golpismo norteamericano triunfa, voltaremos habitar, parafraseando a Galeano, unha sub América, unha América de segunda clase, a rexión das veas abertas, outra vez.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde