O que se esconde nas gaiolas dos salmóns

O que ben sendo a acuicultura do salmón non é outra cousa que a produción industrial destes peixes dende o ovo ata a súa posta no mercado, e dicir, a cría e recolección baixo condicións controladas. O proceso consta de dúas fases, unha primeira en terra ata que se obteñen alevíns e unha etapa posterior de engorde no mar, que dura de 12 a 24 meses, na cal os individuos, pechados en gaiolas flotantes, son alimentados a base de pensos compostos por fariñas e aceites doutros peixes.

As gaiolas de engorde son circulares e localízanse normalmente en zonas abrigadas ao longo da costa, como son por exemplo os fiordos ou as nosas rías. Poden conter perto dun millón de individuos nunha área do tamaño de dous campos de futbol, ou o que é o mesmo, 90.000 peixes para volumes de entorno aos 10.000m3. Nas que nos tocaron no reparto, e segundo dados da propia empresa productora North West Food, S.L., a capacidade media superaría os 30.000m3 coa intención de producir un mínimo de 50.000 toneladas anuais de salmón en 18-20 delas.

Por que non, logo?

Unha realidade ineludible é que ao ritmo actual de capturas, a pesca mundial é insostible. Con máis do 80% dos caladoiros sobreexplotados ou esgotados é inmediato chegar á conclusión de que a acuicultura é unha boa alternativa á presión sobre os recursos pesqueiros, exactamente igual que podería ser producir carne no canto de saír a cazar coellos. O problema en ambos casos é o sistema (coma sempre!). Os sistemas de cultivo ou cría intensivos lonxe do que nos queiran facer pensar, son perniciosos dende o concepto mesmo, tanto a nivel medioambiental como dende un punto de vista socioeconómico. A acuicultura non só non constitúe unha alternativa razoable senón que supón un problema engadido que vai máis aló das posibles afeccións ao entorno máis próximo.

Peixes para alimentar peixes, os problemas

A facilidade para atopar publicacións serias que cuestionan esta industria e que describen polo miúdo a problemática relacionada coas granxas de salmóns, pon de relevo tanto o enorme número de detractores que teñen como a ameaza ambiental real que supoñen alí onde se establecen.

A busca da máxima produción orixina unha contaminación do medio causada pola elevada concentración de animais nun volume de auga que non pode disolver suficientemente os residuos e sustancias presentes. O “símil agropecuario” dos coellos sérvenos para facer un breve relatorio dos problemas máis importantes que trae este sistema de explotación:

– Eutrofización: Se falamos de granxas de porcos é sinxelo imaxinar as toneladas de desfeitos que se producen ao longo do proceso. Trasladando isto ao cultivo do salmón atopamos unha diferenza fundamental ao estarmos no mar. Neste medio non existe a posibilidade de controlar ou reter eses desfeitos que proveñen do alimento sobrante e das dexeccións dos animais e o resultado son acumulacións localizadas baixo as gaiolas ou alí onde sexan arrastradas polas correntes. Estímase que entre un 15-20% do alimento ofrecido aos peixes non é consumido e se deposita no fondo acuático. Se ben existen hoxe en día granxas que melloraron moito esa eficiencia e a sitúan nun 5% de perdas de alimento, segue a ser un enorme impacto que repercute na calidade do entorno ao incrementarse os sólidos en suspensión e ocasionarse un exceso de nutrintes. Esta superabundancia é perxudicial xa que a cantidade de bacterias que se van alimentar dela poden provocar paralelamente un consumo excesivo de osíxeno, asfixiando a zona e alterando ese medio.

-Enfermidades e antibióticos: Calqueira produción intensiva, sexa de vexetais ou animais, leva parello un incremento na incidencia das enfermidade e nas posibilidades de que estas sufran una expansión descontrolada. Isto é debido ás elevadas densidades de individuos e a súa semellanza xenética e xenera a necesidade de engadir continuamente, de modo preventivo ou curativo, sustancias antibióticas para evitalo. Moitos animais nun espazo reducido e todos cortados polo mesmo patrón -co que non hai individuos máis resistentes que outros- é o caldo de cultivo ideal para o espallamento de calqueira axente patoxénico, parásitos…

Así que se dá unha descarga de antibióticos ao medio mariño ao seren incorporados na comida, podendo provocar resistencias bacterianas na fauna do entorno, e como xa estableceron varios estudos, existe unha relación entre a presenza das gaiolas e o incremento na aparición de diversas afeccións na fauna autóctona da zona.

-Fugas de salmóns: As ameazas anteriores multiplícanse ao haber fugas dende as gaiolas, comúns cando se dan temporais. Implican posible hibridación entre especies, transmisión de enfermidades asociadas aos cultivos e competición e depredación sobre especies nativas.

-Presenza de cobre. Procedente das operacións de limpeza, pintura antifúnxica das gaiolas e alimento sobrante, este mineral é unha sustancia altamente tóxica en concentracións elevadas

 -Variacións noutros parámetros: análises efectuados sobre unha instalación de salmónidos permiten determinar alteracións sobre: amoníaco, urea, nitritos, nitratos, CO2 libre, ácido sulfhídrico, DBO, DQO e pH.

No ano 2000, WWF estimou que en Escocia a industria salmoneira liberaba ao mar residuos equivalentes a 9 millóns de persoas cando neste país son arredor de 5 millóns de habitantes.

Finalmente e para desmontar a cuestión inicial se esta industria é unha alternativa para a reducción da pesca estractiva, compre lembrar que se suma a este impacto ao precisar de mais recusos pesqueiros para alimentar os salmóns.

Para outra ocasión queda incidir de como este negocio, controlado por grandes corporacións, non deixa espacio a produtores a pequena escala. De cómo se xenera emprego mais en cotas moi alonxadas das necesarias para ser unha consideración de peso; de cómo este emprego provoca un desemprego complexo e de cómo no reparto de gananciais a parte que vai para salarios é ínfima. Ademais de que esta industria apenas emprego indirecto e pon en risco outros sectores que existen na actualidade no mesmo entorno.

Os monocultivos para a exportación nunca crearon un desenvolvemento humano sostible e son as produccións diversificadas e os modelos respetuosos co entorno as únicas alternativas reais.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde