O PP apaga unha ILP pero non a súa necesidade e vixencia

A maioría absoluta do Partido Popular vén de tombar no Parlamento Galego a que no seu inicio foi a proposta por Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética impulsada pola CIG e tomada en consideración, por unanimidade, xa en xaneiro de 2016. De máis dunha ducia de propostas concretas, o PP mantén exactamente 17 palabras do texto orixinal, unhas liñas que recollen a derrogación das normas inferiores e que calquera lei ten por defecto, o resto é transformado nunha batería de medidas de eficiencia enerxética ao tempo que van recortar nos Orzamentos máis do 38% desta área. Renuncian, polo tanto, a exercer de goberno galego, nin melloran as cuestións que dependen del nin negocian co Estado co fin de que a enerxía eléctrica, que producimos de forma excedentaria, teña un retorno para dinamizar a economía galega e axudar ao rescate social.

Noutro artigo, o compañeiro Fernando Branco detallou o filibusterismo do Partido Popular para enredar no tempo este proxecto e arrefriar o debate (como no seu día recoñecera o señor Puy Fraga a respecto da comisión de investigación das antigas caixas, en estado de hibernación). Ata tal punto que en toda a historia do Parlamento Galego é a ILP que máis demorou no tempo. Porén, alén da falta de respecto ás institucións propias do goberno Feijoo, só preocupado de non molestar en Madrid, é necesario poñer o acento no que perdeu hoxe o país e na necesidade de vincular o debate sobre o modelo enerxético co modelo social, pois separalos só conduce a medidas parciais e cunha óptica baseada na caridade, non na xustiza social.

Nestes dous anos os acontecementos engadiron argumentos para apoiar esta iniciativa e iniciar un cambio de rumbo. Vimos, por exemplo, como o sectarismo político de Feijóo tivo un custo xa de máis de tres millóns de euros en sentenzas por ter tombado o concurso do bipartito, que saen dos orzamentos públicos. Vimos tamén como unha empresa privada, Ferroatlántica, tentaba especular cos nosos recursos enerxéticos e vender os saltos do Xallas. Porén, a Xunta de Galiza hoxe [pola segunda feira 4 de decembro] votou en contra de ser partícipe por medio de empresas públicas (ou mixtas!) dos beneficios do sector e da súa planificación. Tamén a diversificar fontes de enerxía ou a algo tan elemental como defender as comarcas mineiras do país mediante a inclusión no Plan Carbón, pois mentres non acabou o proceso de reconversión foron todas elas excluídas polo Estado, sen que o goberno reclamara o contrario ou os incumprimentos doutros plans. Agravio tras agravio e poderiamos continuar.

Outra cuestión clave e de actualidade é a necesidade urxente dunha tarifa industrial estábel que substitúa o disparate da interrompibilidade. A grande industria deste país leva meses en vilo. A espada de Damocles da Unión Europea, que cuestiona o sistema por atentar contra a libre competencia, paira sobre este mecanismo e tarde ou cedo haberá cambios que poden facer perigar os postos de traballo de empresas como Alcoa. Mentres o estado barruntou alterar os termos xa para xaneiro, tampouco se escoitou que tiña que dicir Galiza ao respecto e aplicaron a doutrina do silencio.

Alén do comentado, vetan a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega. Foi unha ditadura, non un goberno democrático, quen decidiu que este país tiña que ser un grande produtor enerxético. Un deseño alleo que continuou na -presunta- democracia. Esta fin de semana, casualidades da vida, puiden ver o documental Os días afogados de César Souto e Luís Avilés. Estremece recordar que pactos franquistas e políticas centralistas abalaron a expulsión da veciñanza hai tan só 25 anos para construír o encoro de Lindoso. 1992 foi onte e alén dos agravios históricos e do impacto social seguimos a pagar tamén un importante impacto ambiental, a cambio de nada.

E isto dista moito de ser xusto, somos solidarios e solidarias pagando numerosos conceptos da nosa factura, pero é hora de que todo ese impacto que non escollemos teña un retorno. Por iso defendemos negociación política para conseguir unha Tarifa Eléctrica Galega. Como? Cunha redución das peaxes (o termo fixo) que a abarate un 30%. É unha cuestión técnica? Non, exclusivamente política e posíbel. O Estado vén de conxelar as peaxes precisamente por criterios políticos e de recadación. Moito se falou nestes días de que a seca subirá a factura, pero pouco de que é alguén en Madrid decidiu non abaratar as peaxes para compensalo.

É hora de negociar criterios políticos que nos beneficien, e non que nos prexudiquen. Razóns sobran, como a necesidade de fidelizar tecido económico en Galiza e non que malia ser, por exemplo, líderes en produción leiteira o 80% sexa comercializado por capital foráneo ou como que hoxe, que medio país está baixo cero, haxa medio millón de persoas que non poden quecer a súa casa segundo o IGE.

O primeiro paso contra a pobreza (enerxética) é que a poboación enteira se poida beneficiar da riqueza enerxética, por iso modelo social e enerxético son dúas caras da mesma moeda. O segundo, actuacións contundentes como as que se detallaban na lei para os casos máis severos, non encomendarse a un ticket eléctrico que en 2016 deixou un 80% sen executar e non chega nin ao 10% da poboación albo. Tampouco encomendarse a un bono social estatal estéril, recorrido de novo polas eléctricas e que permite disparates como que calquera deputado ou deputada poida ter o bono social independentemente da súa renda se ten familia numerosa.

A alternativa está deseñada e xa Euskadi demostrou que a negociación política creaba ou rebaixaba peaxes, e para minar a forza do goberno é fundamental tamén que as demais forzas políticas exerzan como representantes de Galiza e abandonen as desculpas covardes para non apoiar a proposta da tarifa ás que as leva a súa obediencia estatal. Son apostas exclusivamente políticas e é de xustiza, histórica e social. Pero para iso hai que ter a cabeza e o corazón neste marco político.

Por último, hai unha pregunta que debemos facernos: se o PP non quería aproveitar nin unha soa das propostas, por que votou a favor? Velaí a nosa pequena vitoria. Sen negar que é frustrante ver como hoxe se esvae unha oportunidade, temos que ser tamén conscientes de que esta iniciativa chegou pisando forte, cun apoio social e institucional irrefutábel. Conseguiu saír dos despachos e colocar un debate que incomodou o goberno, que decidiu gañar tempo aceptando a tramitación. Agora correspóndenos a todos e todas non deixar que morra aquí e continuar o traballo social arredor disto. Por xustiza, histórica e social, con intelixencia e sen resignación ata mudarmos a realidade.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde