O poder popular máis alá da consigna

Non pode existir movemento transformador se non é asentado na construción dun poder de base que o sustente. Só coa construción dese contrapoder necesario que articule a sociedade se pode avanzar e resistir os ataques, asegurando a continuidade de calquera cambio político que realmente enfronte o sistema.

Na Galiza, a concreción práctica desta idea fíxose evidente na década de 1970, cando aparecían por todos os recantos do país asociacións veciñais, grupos musicais, partidos políticos, seccións sindicais obreiras, iniciativas culturais, etc., que configuraban, visto en perspectiva e malia todas as súas dificultades, un vasto tecido nacional-popular propenso ao contido político. A palabra de orde “Galiza ceibe, poder popular” viralizouse naquel caldo de cultivo porque significaba simultaneamente a expresión máis condensada da necesidade de rachar co sistema institucional do franquismo e do pós-franquismo e a interiorización cada vez mais clara de que para conseguir aquela ruptura no plano social, había que quebrar as ligazóns con España, de algunha forma, tamén no plano político. “Galiza ceibe” equivalía así a reclamar o dereito de autodeterminación, xa non como unha abstracción marxista, senón como pura esixencia material para construír o “poder popular”. Mais non só era iso.

“Galiza ceibe, poder popular” puña acima da mesa aínda outra realidade: que aquel tecido todo era quen de partillar un programa de mínimos de verdadeira transformación, que evidentemente pasaba pola democratización da vida pública, mais tamén polo recoñecemento dos dereitos colectivos e nacionais. Non importaba o nível da súa implicación: o grupo de música, a radio pirata, o equipo deportivo e o partido marxista leninista, co diferente grao de elaboración dos seus discursos políticos, acababan converxendo á volta daquel lema nas manifestacións, nas greves e até nas festas. En calquera caso, o importante da simbiose entre o elemento nacional e o elemento social non era tanto o feito de que permitise introducir a idea da soberanía de maneira natural en medio á colonización en marcha, senón, sobre todo, deixar claro que a soberanía, a independencia, a autodeterminación non son ideoloxismos, senón ferramentas. E que para poder construílas, era (é) necesario o reforzamento constante dun movemento popular que entendese até que ponto estes planos son indisolúbeis no caso das nacións sen Estado e fose quen de confluír arredor delas.

Para explicar a desaparición daquel panorama vivo contra o sistema tense sinalado de maneira clara a viraxe institucional. Convén, con todo, ter en conta que precisamente a vía eleitoral e institucional era un dos planos nos que, do mesmo modo que na cultura ou na loita obreira, era necesario investir esforzos. É certo que quen gritaba “Galiza ceibe, poder popular” necesitaba, ao final, dotarse tamén dunha opción institucional á que afluísen, en forma de voto, as aspiracións estruturais daquel movemento necesariamente máis grande e diverso. Mais aproveitar a nova institucionalidade (que era, no fondo, a institucionalidade vella con algún enfeite democrático) para imprimir novos pulos ao propio movemento non é o mesmo que descansar todo o peso da loita política nese único plano abandonando temerariamente os outros. Os efeitos desastrosos daquel erro táctico permanecen activos e continuamos a pagalos en forma de desafección xeralizada e vaciamento de significado daquela mesma palabra de orde que antes facía confluír as loitas.

Sen embargo, a mobilización non desapareceu. A idea dun pobo galego obediente e inmóbil é tan falsa como revela un recente estudo do número de traballadores e traballadoras que participaron en folgas en 2015. A comunidade autónoma galega aparece no segundo lugar de todo o estado español, mais se temos en conta tamaño medio das empresas galegas, en número de greves e conflitos laborais posibelmente sexamos o territorio con maior resposta sindical. E non é só o plano laboral: a loita contra a megaminaría, contra as touradas, contra Ence, contra as cotas pesqueiras e contra a ruína do agro, os protestos contra as guerras imperialistas, e as accións de todo tipo do tecido asociativo de base contradín esa idea da parálise e, sobre todo, non están só poboadas por persoas xa convencidas e organizadas. O que nos falta neste momento é tornarmos evidente que as solucións a cada unha desas loitas pasan polo exercicio, en todos os planos, dunha soberanía política plena que nos forneza as pancas para racharmos coa economía da dependencia, coa legalidade fascistoide, coa moralidade ultracatólica, coa cultura “subalternizada” e, en xeral, co modo de vida opresivo e refractario da España actual, que non por acaso caracterizamos como “rexime do 78”.

A estratexia política que pase por criar ou favorecer a criazón dun poder popular como base dunha acción política diversa, mais esencialmente direccionada por un programa de mínimos (autoorganización, autodeterminación, regaleguización), ten, ademais dunha motivación relacionada coa criazón de consciencia nacional, unha motivación defensiva. Esta non é outra que a evidencia de que non é desde o poder institucional que se levan adiante os avances máis significativos a camiño da emancipación social e nacional. Isto, que é evidente no caso da Cataluña — onde a maioría independentista controla a práctica totalidade da esfera institucional, mais onde tornar o proceso definitivamente irreversíbel depende de manter a poboación mobilizada e nas rúas, reclamando o dereito democrático a decidir — debe ser para nós unha idea-forza que coloque o espazo eleitoral-institucional ao servizo daqueles outros desde onde se opere, verdadeiramente, a transformación que queremos. Pódese volver, daquela, á afirmación de partida: só coa construción dun contrapoder que articule a sociedade arredor do programa de mínimos que definamos, se pode avanzar na superación das condicións que nos manteñen aferrollados ao proxecto político español e capitalista e resistir os seus ataques sen desaparecer.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde