O pesadelo de Castelao

“Vexo â Universidade de Sant-Iago, convertida en cerebro de Galiza, irradiando cultura e saber, máis alá dos lindeiros naturaes da nosa Terra.”

Estas palabras escribiunas Daniel Castelao entre os artigos que despois compuxeron o Libro Primeiro do seu Sempre en Galiza. A actualidade do seu desexo é, aínda hoxe, total, porque o obxectivo de facer do sistema universitario galego unha ferramenta ao servizo dos intereses do país – entre eles o da liberación nacional- segue a ser un obxectivo e non un feito, e polo tanto setenta e tres anos despois seguimos na mesma e só cómpre actualizar as palabras, falando dun ensino galego, democrático e de calidade como horizonte estratéxico e necesidade de futuro. Un interese que transcende con moito, pois, o simplemente académico.

A Universidade de Santiago da que falaba Castelao son, hoxe, tres universidades separadas e ineficaces, que non cumpren os obxectivos dunha universidade nacional e só inciden no localismo e multiplican o gasto dunha soa universidade –facilitando ademais a defensa da idea de que a Educación pública é un capricho caro e xustificando a entrada ao asalto das empresas privadas no sistema universitario por un financiamento insuficiente-. Modelos máis racionais como unha universidade descentralizada para toda Galiza foron hai tempo afastados do debate, mentres seguimos escoitando as bondades do Proceso Boloña para “harmonizar” e “equiparar” os estudos en toda a UE e alén desta. Pero parece que a idea de harmonizar o sistema universitario galego é unha quimera ou unha arroutada de centralismo santiagués.

E que ocorre nesas universidades? Hoxe en día, a implantación do Plano Boloña vía reforma dos planos de estudo das facultades nos que como moito pode minimizarse os estragos que o EEES reserva para a universidade pública: primacía da formación estritamente profesional sobre a adquisición de coñecementos, incompatibilidade da vida laboral e profesional, substitución das bolsas por créditos, fortalecemento dos numerus clausus. A aplicación é hoxe imparábel, consecuencia de factores diversos como a aceptación de certos sectores do nacionalismo–parella á aceptación que eses mesmos sectores protagonizan noutros ámbitos doutras imposicións de tipo político e xurídico- e da debilidade do movemento estudantil tanto na súa vertente estritamente naciona-lista (Comités) como nos experimentos de asembleas estudantís, que, lonxe do éxito e capacidade de mobilización dos que gozaron na LOU, desta volta en Galiza só foron joint ventures de pequenas organizacións–algunhas delas marcadamente españolistas- e cativos grupos de alumnado conscienciado.

O movemento estudantil foi, pois, incapaz de mobilizar o estudantado contra Boloña como o fixo contra a LOU. Non só por cadencias organizativas, de militancia ou de calquera outro tipo. Faltou tamén a vontade, coincidindo a creación e desenvolvemento do movemento antiboloña no Estado co bipartito PSOE-BNG en Galiza e polo tanto coa época máis feble a nivel discursivo e de actuación que vivira nunca o nacionalismo galego, que era historicamente o movemento lexitimado para dirixir na Galiza a oposición ao EEES, ao ser o BNG a única forza de peso no país cun manifesto rexeitamento ao modelo da Unión Europea dos grandes estados e o capital. O nacionalismo, en vez de representar máis unha vez os intereses das maiorías sociais de Galiza tal e como fixera no pasado, optou por un discurso morno e difuso na defensa da universidade pública, cando o houbo, porque non poucas cabezas visíbeis se sumaron á aceptación entusiasta de Boloña e no bipartito nunca se cuestionou esta. No BNG aceptouse que a hexemonía ideolóxica da clase dominante levaría a que propostas contrarias ás “europeístas” que o capital difunde fosen consideradas “radicais”, pero até aí chegou a análise marxista, e venceu o “se non podes con eles, únete a eles”, cuxos resultados noutros ámbitos (electoral, asociativo…) foron, como podemos ver día a día, desastrosos.

Nas universidades galegas dáse tamén, como se dá no conxunto da sociedade, unha tendencia cara á desideoloxización que non é casual nin neutra. A conversión do estudante en simple forza de traballo en potencia precisa primeiro dun baleiro ideolóxico total que o puidese levar a cuestionar a lóxica sistémica imposta. A transformación das propostas en eslogans e do discurso en imaxe que se vive nun proceso electoral parlamentar ou municipal normal ten a súa correspondencia nos que teñen lugar na universidade. As recentes eleccións de equipas reitorais en Compostela e en Vigo amosan ás claras este proceso de invasión da mercadotecnia. No caso compostelán sete candidaturas, con diferenzas programáticas mínimas entre algunhas delas, que substitúen a ausencia de propostas de calado por campañas de imaxe, entre as que mesmo se inclúen mascotas coma unha persoa disfrazada de pingüín. No caso vigués, a vitoria dunha candidatura impulsada, entre outras, por unha campaña de imaxe non oficial no que, lonxe de ofrecer tampouco ningunha proposta, se exaltaban as calidades do candidato coma un tipo normal e próximo, sen ningún escrúpulo á hora de caer en tópicos terribelmente machistas –máis condenábeis se cadra nun candidato que se di nacionalista- como o vídeo da falsa amante do xa reitor no que exaltaba as súas capacidades para dar-lle “satisfacción”. O slogan “Eu x Tano mato” tampouco era precisamente dun compromiso nacionalista e coa universidade pública entusiasta e sen precedentes. E non podemos deixar de indicar que ningún dos candidatos nas dúas universidades cuestionaba a implantación –ou imposición, por usar á fin correctamente unha palabra moi de moda- do Plano Boloña.

A universidade galega, pois, está lonxe de ser o que Castelao, e hoxe nós, desexaríamos que fose, ese grande centro que irradiase cultura e servise ao país. Atacada no seu cerne pola UE co aplauso dos gobernos central e autonómico e o silencio de parte do nacionalismo, cun movemento estudantil parado e lastrado en boa parte pola incapacidade manifesta dos seus dirixentes, e cun alumnado cada vez menos interesado polos asuntos que lle afectan directamente. Un escenario que cómpre mudar co traballo diario en todos os ámbitos por parte dos nacionalistas que temos na universidade o noso referente de acción diario e próximo. Porque temos unha longa e dura tarefa por diante, pero tamén a satisfacción de sabérmonos capaces e de querermos contribuír, tamén desde aquí, á Galiza que queremos.

Comparte:

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde