O aprofundamento da crise económica foi acompañado de medidas tomadas desde os núcleos de poder -FMI, Banco Central Europeo, etc.- e das que se fan extensión os organismos da Unión Europea e os gobernos dos estados membros; medidas que coinciden en aproveitar a situación para realizar o maior ataque ás clases traballadoras das últimas décadas, aplicando recurtes sociais.
Esta política de dereita é aplicada con especial crueza e rapidez no Estado español polo PSOE no goberno, respaldada sempre polo PP. Desde finais de 2009 aplícanse sucesivos ataques aos dereitos sociais, comezando por un recurte dos salarios do sector público, ao que seguiu unha nova reforma laboral dirixida a reducir a estabilidade dos traballadores e facilitar o seu despedimento, contestada cunha folga xeral en setembro. Tamén se procedeu rapidamente a un ataque ao sistema público de pensións para diminuír as rendas diferidas dos traballadores: unha reforma para traballar mais e cobrar menos. Esta reforma das pensións contou co acordo da patronal e a complicidade dos sindicatos españois, sendo contestada en Galiza polo sindicalismo nacionalista cunha folga convocada en xaneiro pola CIG e apoiada explicitamente polo BNG.
O ataque ao sector público prosegue coa intención de liquidar o sector das caixas de aforro, forzando a súa conversión en bancos; e co horizonte de reforma dos convenios colectivos para reducir a súa aplicación, e centralizándoos en Madrid vía desaparición de convenios de ámbito menor ao estatal, medidas tamén combatidas en solitario polo sindicalismo nacionalista. Como sempre no Estado español, os ventos da política de dereita traen tamén políticas de españolización e centralización con ataques ás autonomías agora coa escusa da austeridade.
Proba da coincidencia básica PSOE-PP é a política da Xunta de Galiza. O gabinete Feijóo, decidido a privatizar todo o posíbel –introdución de finanzamento privado no sistema sanitario galego– e desmontando a rede de servizos sociais impulsada polo BNG no bipartito. E no entanto, o desemprego aumenta sen que se tome ningunha medida e cargando todas as culpas no goberno estatal. Asemade, a españolización avanza coa derrogación do decreto de uso de galego no ensino da época bipartita, a pesar da rotunda oposición social e manifestacións varias veces multitudinarias.
Neste contexto, as Eleccións Municipais de 2011 son algo máis que uns comicios locais propiamente ditos. A nefasta xestión da crise económica que está a realizar o Goberno de Rodríguez Zapatero converte estes comicios nunha especie de primarias das eleccións ás Cortes Xerais españolas previstas para marzo de 2012, máis aínda pola expectación xerada logo da renuncia do actual presidente do goberno á reelección. Polo tanto, vanse tratar duns comicios marcadamente bipartidistas, algo desde logo nada infrecuente pero posibelmente máis acentuado que noutras ocasións e fomentado pola acción dos medios de comunicación. Tamén a diferenza das anteriores eleccións municipais, o BNG non forma parte do goberno da Xunta de Galiza, polo que é de prever que o seu s lapamento mediático sexa aínda maior.
Ese bipartidismo representa no fondo as mesmas políticas, mais con distintos xestores, pretendendo imprantar un modelo turnista afastado dos intereses da maioría do pobo, que se expresa na re-centralización e nas políticas neoliberais. Fronte a estas políticas, érguese o BNG como forza política que defende a soberanía de Galiza e a emancipación das clases populares. Por isto é importante que o BNG acentúe neste proceso electoral o seu perfil propio, de xeito que o programa e a propia campaña sirvan para a plasmación do proxecto político que abandeira o nacionalismo galego, cunha campaña moi política – crise económica, modelo económico e social, problemas de Galiza– que vaia máis alá da problemática da xestión municipal e que incorpore o discurso xeral da axenda política do nacionalismo aos temas de índole máis local propios destes comicios. Así mesmo, cumprirá velar pola coherencia entrambos os discursos, o xeral e o local.
Tamén é importante manter o propio posicionamento social do BNG, evitando quedar reducido como organización a unha simple maquinaria electoral –terreo no que a competencia coas dúas forzas políticas do bipartidismo sistémico é moi complicada–, na actual conxuntura económica, política e social, abandonar a actuación social por parte da nosa organización sería unha torpeza inxustificábel.
Un proceso electoral é tamén un momento idóneo para proxectar a alternativa política que defende o BNG, tanto no que ten a ver como cuestión nacional como co modelo económico e social que se defende. Isto debe ser así gobernemos ou non. É máis, se gobernarmos non implica que avance o proxecto nacionalista, cómpre revisarmos o papel político que se desenvolve e actuarmos consecuentemente.
Partindo da configuración de forzas existente actualmente en Galiza, o BNG vai ter en maio de 2011 a posibilidade de incidir de maneira decisiva nun escenario político de ausencia de maiorías absolutas na meirande parte dos concellos do noso País. Se ben se deben evitar as políticas reaccionarias do Partido Popular; tampouco se pode facer parte de gobernos nos que o socio correspondente incumpre reiteradamente os acordos tomados ou fai políticas antitéticas das que propugna o BNG.
Temos que ser conscientes do que representa politicamente o PSOE neste momento, tanto no eido estatal coa aplicación de medidas neoliberais ao servizo do lucro privado, de desmantelamento do sector público e de recorte de dereitos sociais e protección á clase traballadora; como no eido local, onde o clientelismo, a ausencia dunha política de normalización lingüística e cultural autocentrada, un urbanismo ao ser vizo da especulación inmobiliaria, a privatización de servizos públicos e o uso de fondos públicos para propaganda partidaria e colocación de afíns está á orde do día alí onde ten ou se lle concedeu espazo para aplicar as súas políticas.
Para darse un acordo de goberno co PSOE, deberían estar explicitadas condicións mínimas para a aplicación de políticas transformadoras, de tal xeito que a presenza do BNG no goberno significara un cambio político real: defensa dos servizos e políticas a favor das maiorías sociais, galeguización plena da administración, laicismo e políticas participadas e supervisadas periodicamente pola militancia. De non comprometerse o socio de goberno a uns mínimos neste sentido, o Movemento Galego ao Socialismo oporase a que o BNG faga parte de ningún goberno co PSOE, limitándose a facilitar a investidura, en todo caso.
No actual contexto político, o BNG debe ser un garante ante a cidadanía da aplicación de políticas alternativas ao capitalismo neoliberal e ao esañolismo, que se fagan a favor das clases populares e non da oligarquía financeira, que reforcen a soberanía de Galiza coma medio para garantir a mellora das nosas condicións de vida.
A convocatoria electoral do 22 de maio é un outro escenario de loita dentro dese marco, no que vai ser fundamental a participación da clase traballadora para contrarrestar o ataque que se está a producir aos dereitos sociais desde o grande capital. E isto supón a necesidade de reforzar aquelas formacións políticas que –a diferenza de PSOE e PP– non lle son dóciles. Polo tanto, faise preciso que o BNG acade meirande capacidade de incidencia nas institucións para que as reivindicacións das clases populares e dos movementos sociais se vexan representadas e teñan voz nas mesmas, para frear os recurtes sociais e o desmantelamento dos servizos públicos, para conseguir unha saída da crise económica na que se penalice a quen a creou e defenda ás maiorías sociais que a sufren.