Nunca nos cansaremos de repetilo: a cuestión nacional e a cuestión social son dúas caras da mesma moeda. Nun país coa soberanía conculcada como o noso, que é o mesmo que dicir coa súa capacidade de gobernar os seus asuntos negada, os avances na segunda non poden darse sen avances significativos na primeira.
Agora, algúns sectores que se din moi preocupados pola sanidade, pola educación, pola dependencia ou polas liberdades civís dinnos que nunha situación de emerxencia social hai que privilexiar as “cousas de comer”, literalmente, e deixar o tema “identitario” — así o chaman — para cando veñan as vacas gordas, como se a cuestión da soberanía tivese a ver co sentimentalismo en lugar de coa economía, co odio en lugar de coa democracia, ou co pasado medieval en lugar de co futuro inmediato. E é mais: teiman en facernos crer que son incompatíbeis. Que porfiar razoadamente na soberanía é o mesmo que abandonar a defensa da maioría social. Que sen un parlamento e un goberno soberanos se poden recuperar os dereitos sociais e os servizos públicos — que non perdemos nós, senón que nolos furtaron as elites económicas dos papeis de Panamá e das contas en Suíza.
Fagamos, contra ese axioma, un exercicio de imaxinación, se cadra de anticipación. Imaxinemos que nas eleccións galegas que están á volta a dereita perde a presenza no Hórreo e que unha maioría progresista decide pór fin ás medidas austericidas na sanidade do noso país. Acaso o goberno español o permitiría? Claro que non. Inmediatamente o ministro correspondente sairía a ameazar coa intervención fiscal da “comunidade autónoma” a pesar de que na cámara galega fose aprovado o plan por maioría. Imaxinemos que esa maioría aprovase unha lei de vivenda que prohibise os desafiuzamentos, como fixo o goberno catalán. A resposta de Madrid sería a mesma que nese caso real, non imaxinario, de Cataluña. O anuncio de que se vai recorrer a lei. Imaxinemos, por pormos outro exemplo, que esa maioria de progreso decide intervir o prezo da electricidade para evitar os cada vez máis casos de pobreza enerxética e viabilizar a industria en lugar de promover a súa deslocalización. Non viría de novo o goberno central a dicirnos a nós, que somos os que producimos e os que pagamos as contas e os que temos os ríos cheos de encoros e os montes cheos de eólicos que o control de prezos non está permitido? Acaso non recorrerían unha lei nese sentido? Tampouco é moito imaxinar, porque sabemos, porque temos a experiencia histórica, de partidos que votan unha cousa en Galiza e a contraria en Madrid. O que estes exemplos representan é, apenas, unha cuestión de aritmética parlamentaria nun parlamento suxeito, en última instancia, aos intereses do grande capital español, o das grandes infraestruturas, o das grandes distribuidoras, o das grandes redes mediáticas. Mais os casos son infinitos, e todos apuntan para o mesmo lugar. Que o exercicio da soberanía política é a única vía para exercer a democracia (incluso se se trata dun sistema de- mocrático representativo, e non directo) porque é a única maneira de que a correlación de forzas no seo das institucións se corresponda coa verdadeira correlación de forzas no seo do pobo (neste caso, do pobo galego), e non a esa mesma correlación en casa allea, onde representamos, gra- zas á nova emigración e ao sistema eleitoral español, cada vez menos.
A ausencia de soberanía, a pesar do que nos diga a pretendida nova esquerda española, é un problema fundamental, en todos os campos. E afecta directamente a iso das “cousas de comer”. O feito de non termos un marco galego de relacións laborais, e de que moitos dos convenios colectivos que se aplican no noso país haxa que negocialos en Madrid, onde a representación sindical nunca responde á correlación de forzas que hai en Galiza, é un efecto da falta de soberanía. E hai que recoñecer que é moito máis difícil loitar por unhas condicións laborais xustas e dignas se despois estamos obrigados a cumprir o que en Madrid acordan os sindicatos da patronal (CCOO e UGT), a CEOE, o PP e o PSOE. Non podermos decidir en que son investidos os impostos xerados polas gran- des empresas no noso país — porque eses impostos son pagados en Madrid, cando non evadidos polos desaugues do Estado — tamén é unha consecuencia da falta de soberanía. Igual que o é privilexiar infraestruturas de conexión coa meseta, como o tren de alta velocidade ou a criminal A-76 que vai destrozar a Ribeira Sacra, en lugar de facer unha aposta decidida dunha vez por todas polas infraestrururas de proximidade, que vertebren o noso país máis alá da AP-9.
Todo isto, que as traballadoras e traballadores galegos non acabamos de ver claro, a xulgar polos resultados que despois revelan as eleccións aos parlamentos, é absolutamente cristalino, en cambio, para o grande capital. Aínda máis: ese grande capital está disposto a investir en todo canto poida cortar calquera intento de ruptura democrática co Estado español, mesmo se para iso se ven obrigados a promover opcións políticas aparentemente contrarias aos seus intereses, mais que teñen tamén un impacto claro no problema principal (a ruptura do Estado español) ao arrastrar votos das opcións decididamente soberanistas, do independentismo catalán, do basco e do galego, como se viu ás claras nas eleccións de decembro pasado. Porque as cadeas de televisión e os grupos mediáticos tamén teñen donos, e consellos de administración con sede na capital do Estado e con intereses directos na recentralización, en que a comunidade de Madrid conserve os seus privilexios e lles ofreza, en troca, unha das fiscalidades máis baixas para poder continuar acumulando capital.
Resulta, ao final, que si hai unha relación directa entre as “cousas de comer” e o exercicio da soberanía. Mais tampouco é novidade ningunha. O célebre deseño de Castelao para a campaña do Estatuto de 1936 xuntábaos perfectamente: unha labrega galega a alimentar a vaca, e un señorito da capital a muxila. Só hai unha diferenza: que agora xa comprobamos que a vía do autonomismo é unha vía morta.