Nun momento en que tanto se fala da crise económica e das súas consecuencias, en particular para a clase traballadora, queremos aproveitar este espazo para aportar una perspectiva do ponto de vista das mozas e mozos traballadores/as ante esta cuestión e apontar certos dados sobre emprego xuvenil e a sua relación coa situación da mocidade e a sociedade galega en xeral.
De Isca! non podemos máis que constatar como se están a cumprir moitas das denuncias que temos feito respeito a unha relación fatal entre a mocidade empregada: precariedade, temporalidade e baixos salarios combínanse para facer da xuventude un dos sectores sociais con peores condicións laborais, e ademais, dos mais duramente golpeados nesta última crise do capital. Ao termos na maioría dos casos contratos eventuais e seren estes os primeiros dos que as empresas están a prescindir, é fácil comprender que somos quen con maior frecuencia estamos a sufrir os recurtes de persoal de moitas empresas. Ademais, somos tamén quen con mais frecuencia temos contratos con despedimentos baratos, algo que tamén nos situa como branco fácil á hora de botarnos á rúa.
Se analisamos os dados existentes, podemos comprobar como existe un comportamento altamente diferencial dos segmentos de populación entre os 18 e os 30 anos, no entanto os correspondentes á faixa etaria dos 30 aos 34 xa teñen un comportamento practicamente axustado ao conxunto dos empregados galegos. Así pois, ollaremos eses dados máis polo miúdo.
En só 2 anos, de xuño de 2007 a xuño de 2009, o paro xuvenil (18 ao 30 anos) chegou a duplicarse, pasando de 31.000 a 62.000 mozos e mozas en paro, con unha taxa oficial de desemprego do 10,5% ao 23%, xa que tamén baixou o número de mocidade ocupada. A diferenza cos datos xerais é significativa: no mesmo periodo o total galego pasou de 8,4% a 12,2%. Podemos observar como a taxa da mocidade duplica a xeral, e sendo os datos xerais a esta altura de 2010 (1º trimestre) apontan ademais a unha taxa de desemprego (dados EPA) próximos ao 15% e o maior en dados históricos absolutos rexistrados, o que permite supor que a taxa xuvenil estará ben por riba dese 23%.
Ademais, os dados de temporalidade e precariedade som excepcionalmente elevados, e mais de 60.000 mozos e mozas “desfrutan” dun contrato temporal de menos dun ano de duración dun total duns 185.000 asalariados. Todo isto sen esquecer que os salarios medios (onde o peso das rendas elevadas son importantes cuantitativamente) son moito menores que os da populación xeral (por exemplo, 877 /mes prorrateados para os mozos de 18 a 24 anos), e que os das mulleres son ainda inferiores a ese dado.
Todo isto configura un panorama onde a construción dun futuro autónomo para a mocidade resulta moi complexo, o que se reflecte nunhas idades de emancipación elevadísimas e sen comparanza no contexto europeo: só un 25,3% da mocidade menor de 30 anos está emancipada.
Por todo isto, sendo a mocidade e as mulleres os sectores mais vulnerábeis, en Isca! sabemos que sera a nós a quen principalmente nos afectarán todas as medidas que se queren implantar para que sexa a clase traballadora a que pague a crise. Por una banda, as propostas de conxelación salarial dificultan ainda mais as posibilidades de emancipación xuvenil. Ao mesmo tempo, propostas como abaratar o despedimento ou promocionar ainda mais a contratación pola vía das ETT’s van ter tamén a mocidade como principal obxectivo, favorecendo o aumento da precariedade como principal lacra que nos afecta. Por último, anúnciase a extensión até os 24 anos dos indignos contratos formativos, que son utilizados como excusa polas empresas para pagaren salarios de miseria a moitas mozas e mozos no seu primeiro emprego. En definitiva, apóstase por aplicar as mesmas receitas e mesmo intensificalas, co obxectivo de debuxar un panorama moito mais apetecíbel ainda para a patronal, que coa crise ve perigar o mantimento dos seus beneficios. Para que podan mantelos ou mesmo aumentalos, precisan converter a mocidade traballadora en carne de canón da que poder dispor ou prescindir ao seu antollo.
Sabemos que as medidas que precisamos camiñan xusto na liña contraria á defendida por PP e PSOE e os pactos sociais claudicantes dos sindicatos españois. Apostamos por medidas de carácter estrutural como as defendidas no documento “Políticas alternativas para a crise”, da Confederación Intersindical Galega: un aumento significativo do gasto público para reforzarmos os servizos sociais de dependencia, a sanidade e a educación públicas; financiando eses incrementos todos eles a cargo dun IRPF maior para os tramos de maior renda, impostos sobre grandes fortunas, gravame das SICAV, loita contra a fraude fiscal, etc. Ademais precisamos manter e mellorar a protección por desemprego, mais garantía contra os despedimentos, actuar con rigor en propostas de ERE´s, respeitar a causalidade na contratación temporal… e unha vella reivindicación especialmente necesaria para a mocidade traballadora: o Salario de Inserción Laboral.
Estas son algunas das medidas que permitirían aproveitar a crise para reforzar a clase traballadora galega e a súa mocidade. Por iso, debemos defendelas na rúa e nos centros de traballo, loitando xunto ao sindicalismo nacional e de clase representado pola CIG para evitar maiores recortes sociais e para que sexan os verdadeiros responsábeis da crise os que a paguen. É preciso seguir a multiplicar as loitas coa certeza de que a mellor garantía para construir un futuro digno para a mocidade é traballar desde xa para derrubar este sistema baseado na explotación e dirixirnos cara a única saída xusta e sustentábel: unha alternativa cara o socialismo.