En decembro de 2013, coa presentación en Madrid da campaña Somos o voso peor pesadelo, saía á superficie unha iniciativa inédita de colaboración e loita conxunta no seo do independentismo xuvenil no Estado. Co principio de auto-organización dos pobos como alicerce fundamental, esta campaña pretende funcionar como un marco de unidade de acción das organizacións xuvenís revolucionarias das distintas nacións asoballadas polo Estado Imperialista Español, permitíndonos artellar un traballo conxunto, co obxectivo de acadar unha coordenación sen precedentes para, desde a loita común, golpear con máis forza.
Desta iniciativa formamos parte as mozas galegas de Isca! e Briga xunto con Arran (Països Catalans), Darréu (Asturies), Ernai (Euskal Herria), Jaleo!!! (Andalucía), Purna (Aragón), Yesca (Castilla), Inekaren (Canarias) y Azarug (Canarias). Desde a presentación pública de Somos o voso peor pesadelo realizamos accións simultáneas contra dous elementos cunha marcada función simbólica do españolismo: a monarquía e os touros de publicidade de Osborne. Identificamos a #MarcaEspaña como carimbo de imposición e sometemento sobre os pobos; canalizamos a nosa rabia contra os famosos touros espallados polas estradas de todo o Estado que foron mil e unha veces vendidos como imaxe da España uniforme que nós combatemos. Por outra banda, para denunciar a continuidade do réxime franquista no sistema actual, convertemos en cinzas as imaxes de Filipe VI, a do seu pai Xoán Carlos I e a de quen os colocou no lugar que hoxe ocupan: o ditador Francisco Franco. Porque coincidimos na loita á hora de exixir unha ruptura co réxime por medio de procesos constituíntes que sexan levados a cabo por e para os nosos pobos. Porque acreditamos en que a liberación das nacións oprimidas no seo do Estado español debe partir delas mesmas, fuxindo de dinámicas centralistas, mais apoiándonos nas problemáticas comúns para bater con máis forza contra o inimigo. Deste xeito, o traballo conxunto parte sempre do respecto ás dinámicas propias de cada un dos pobos presentes, coordenando esforzos mais sempre tendo en conta os distintos ritmos e as diferentes realidades. Neste sentido, ollamos a diversidade deste espazo non coma unha dificultade, senón como un valor engadido ao permitir o achegamento a outras formas de traballar, enriquecendo as posíbeis estratexias coas experiencias doutras organizacións e movementos sociais.
Para nós é fundamental a combinación da cuestión nacional, social e de xénero como tres eixos de loita indisociábeis. Por iso é que no manifesto que dá corpo a esta dinámica afirmabamos que “fronte o seu capitalismo devorador, fronte o seu imperialismo españolizador e fronte o patriarcado, a mocidade alegre e combativa aposta firmemente pola liberación nacional dos nosos pobos, o feminismo e o socialismo.” Consideramos unha tarefa chave sabermos identificar posíbeis aliados que, organizados en parámetros similares aos nosos na Galiza ou noutras latitudes, estean dispostos a compartir connosco espazos comúns de loita, de comunicación, de debate e intercambio de ideas, etc. As que participamos nesta campaña temos claro a nosa común identidade revolucionaria, rebelde, desobediente e insumisa. Temos claramente identificado o inimigo ao que nos enfrontamos e temos tamén claro a quen temos á nosa beira para o combater.
Aliás, somos conscientes da terríbel situación que enfrotamos as persoas máis novas nos nosos pobos. A día de hoxe mocidade é sinónimo de precariedade, de exilio e de dependencia. Fronte a isto entendemos que corresponde á mocidade dar un salto adiante contra esta situación, autoorganizándose e facéndose dona do seu futuro e correspóndenos tamén a nós ensaiar novas formas de traballar e de colectivizar as loitas para superar as formas tradicionais de tecer alianzas e facer que estas sexan máis fortes e eficaces converténdose nunha ferramenta de combate eficaz para escollermos o noso futuro e o dos nosos pobos.
As mozas e mozos organizados en Isca! non facemos do internacionalismo unha simples palabra de orde: para nós é o facho que debe iluminar cada unha das nosas análises e actuacións. Sabemos que a realidade de cada pobo é única, como único é o devir que nos sitúa onde hoxe estamos. Non pretendemos achar solucións idénticas para cada un dos conflitos políticos existentes no seo do Estado español. Mais é igual de certo que as mozas galegas compartimos multitude de problemáticas coas mozas bascas, catalanas, asturianas, andaluzas…, problemáticas derivadas da nosa común e obrigada pertenza a un mesmo Estado opresor. Sufrimos o embate da crise capitalista, que constituiu unha excusa perfecta para recortar os dereitos das traballadoras. Sufrimos as políticas reaccionarias da dereita, que impón, a través de sucesivas reformas educativas, un ensino ao servizo dos seus intereses de clase e nacionais, que reduce as nosas máis importantes expresións histórico-culturais a mero folclore. É precisamente por isto que o noso traballo en conxunto ten máis sentido. O inimigo a abatir é grande, polo que máis grande debe ser a forza coa que golpeemos.
Aliás, como comunistas non podemos dubidar en nos axuntar de mans dadas con aquelas que partillan connosco a loita pola emancipación nacional, social e de xénero dos nosos respectivos pobos; con quen coincidimos á hora de identificar o Estado Imperialista Español como elemento de dominación sobre as nosas vidas. Acreditamos nas potencialidades de artellarmos un traballo conxunto e prolongado no tempo, que vaia alén de datas puntuais e feitos concretos, e que nos permita, ao tempo que facemos pedagoxía nos nosos respectivos países sobre a necesidade de combater a dependencia, tecer lazos de solidaridade e irmandade coa mocidade rebelde con quen partillamos estas alianzas. É por estes motivos polos que vemos como unha experiencia positiva e esperanzadora o xermolo e desenvolvemento desta dinámica internacional de traballo coa mocidade independentista doutras nacións. Disparamos as bestas xuntas para cravar á vez as nosas setas nun albo que identificamos como común.