Estamos ante unha situación de crise económica, pero tamén dunha crise política e social emanada do propio capitalismo, á que o sistema pretende dar resposta con toda unha serie de medidas que afondan aínda máis nese modelo. Estas medidas, veñen definidas desde Europa e están a ser aplicadas, cun seguidismo total e absoluto, por parte do gobernos galego e español. A principal consecuencia da súa aplicación é que está levando a que a maioría social e, particularmente, os traballadores e traballadoras, sexamos quen temos que cargar con todos os custos dos seus desmáns.
A gravidade das medidas que se veñen poñendo en marcha é tal que obriga ao sindicalismo nacionalista a dar unha resposta clara e contundente a elas, pero a súa actuación non se pode limitar a isto. Temos a obriga tamén de clarificar, perfectamente, que estamos ante un problema de modelo, ante unha crise do propio sistema. O neoliberalismo non vai dar saídas á maioría social e particularmente aos traballadores e traballadoras. E ese é o papel que, de feito, está a xogar o sindicalismo nacionalista, colocándose á fronte e mobilizando na rúa, conscientes de que esa é a única maneira de frealo, de combatelo e de mudalo.
De continuar con esta situación, debemos saber que o futuro do noso país é vivir na miseria e xerar aquí as condicións que desgraciadamente se dan, no mundo do traballo, en determinados países asiáticos, nos que o obxectivo é producir barato en base a precarizar as condicións laborais e condenar á maioría social a pasar fame.
Soberanía nacional
Ante isto o sindicalismo nacionalista debe reforzarse ideoloxicamente reclamando como unha necesidade non só unhas novas políticas, senón tamén a necesidade de soberanía para o noso país.
As medidas que se están decidindo desde o goberno central non só agriden ás nosas condicións de vida, senón que tamén vulneran competencias que nos son propias en diversas materias.
Por iso, nestes momentos, unha grande parte do noso traballo, debe pasar por reivindicar a necesidade de soberanía política do noso país, porque estamos a ver que calquera cuestión que se mova en Europa e no estado, automaticamente e de forma mimética, ha ser imposta en Galiza.
Temos, como último exemplo, todo o relacionado cos servizos públicos, a sanidade, o ensino ou a dependencia, onde asistimos a uns enormes recortes que decreta o estado e que se trasladan mecanicamente a Galiza, independentemente de que se faga dunha maneira ou doutra. Máis aínda, esa aplicación mecánica dos recortes non se dá só porque ideoloxicamente o goberno galego comparta estas decisións, senón porque desde o Estado imponse a obriga de facelo.
O mesmo ocorre cos nosos sectores industriais máis punteiros. O sector naval atravesa unha situación crítica, tanto en Vigo, coa construción civil de buques, como en Ferrol, coa construción de buques de defensa. Nestes momentos, a falta desa capacidade de autogoberno lévanos a estar a expensas do que ao goberno español lle poida interesar impulsar en cada momento, favorecendo a un polo ou outro –ben Andalucía, ben Galiza- en función das circunstancias.
O sindicalismo nacionalista ten que ser capaz de levar aos centros de traballo, ao conxunto das empresas, este debate para que as traballadoras e traballadores sexan realmente conscientes da necesidade, non só de políticas realmente comprometidas coa clase traballadora, senón tamén da necesidade de termos capacidade de decidir por nós mesmos cales son esas políticas e como queremos aplicalas.
A organización da clase traballadora, tamén das persoas desempregadas
Outra preocupación fundamental para o sindicalismo nacionalista, na actual conxuntura, é que este sistema está a producir uns enormes índices de desemprego e á súa vez está a abocar, sobre todo á mocidade, á lacra da emigración. Temos as mozas e mozos máis cualificados da nosa historia, intelectual e tecnicamente, e quen se está a favorecer da súa formación e da súa forza de traballo é Centroeuropa, maioritariamente.
Nese sentido, o sindicalismo nacionalista vai ter que pór o acento na necesidade de organizar aos desempregados e desempregadas. O sistema capitalista o primeiro que fai é expulsar ou non permitir o acceso ao mundo do traballo a certos sectores da poboación. O segundo paso que dá é intentar que porcentaxes amplos desa poboación acaben na marxinalidade, deixándoos excluídos do conxunto da sociedade para eliminar esas potenciais bolsas de contestación que, ante a falta de futuro, puideran organizarse por negarlles un dereito básico, como é o emprego.
Temos que articular medidas concretas e ir erguendo unha loita polo emprego que, nestes momentos, debe pasar tamén por ser un dos principais elementos reivindicativos da central sindical.
Reforma laboral e ataque aos dereitos civís
A última reforma laboral é un auténtico golpe de estado feito polo goberno do Partido Popular. A gravidade da medida obriga a repasar o que foron os dereitos recoñecidos no Estatuto dos Traballadores, que se fai no período da transición, e que curiosamente foron paseniñamente rebaixando os distintos gobernos, xa foran do PSOE ou do PP, sempre sob pretexto de crear emprego. Con esta última, lonxe de intentar buscar solucións á crise, o único que pretenden é que se garanta e manteña a acumulación de riqueza para uns poucos, a base do esforzo da clase traballadora.
A principal consecuencia desta reforma vai ser, na práctica, a exclusión dunha parte importante da clase traballadora e o empobrecemento real e xeneralizado da maioría social.
Para facilitar a imposición destas políticas e para afrontar as súas consecuencias, isto vén acompañado ademais de toda unha serie de medidas represivas que van trastocar os dereitos civís, mesmo fundamentais, dos que até o de agora gozaba a poboación.
Non son gratuítos os anuncios que teñen feito xa os Ministro de Interior e de Xustiza advertindo da modificación de determinados aspectos que teñen moito que ver -aínda que non o din directamente- co dereito a folga e o dereito a manifestación. Con isto, ademais, pretenden satisfacer unha histórica reivindicación da patronal, que é a modificación da lei de folga.
Porén, no canto de entrar por esa vía, o que pretenden é inviabilizar practicamente o exercicio deste dereito e limitar até o extremo a capacidade de contestación social, introducindo reformas que penalizan manifestacións e concentracións, nun intento de eliminar todo aquilo que escape do camiño que teñen marcado como aceptábel por parte do sistema.
Isto lévanos, ou débenos levar, a actuar en consecuencia e polo tanto a adaptar o que é a contestación a que non poidan, utilizando estes resortes, limitar a nosa capacidade de resposta. Polo outro, non podemos esquecer que o que se busca é sangrar ás organizacións con distintas multas, chegando mesmo a levar á cadea a cadros sindicais ou de todas aquelas persoas que loiten contra este modelo.
Isto encádrase ademais nunha campaña deseñada e programada desde o sistema contra as organizacións sindicais, para minar a súa credibilidade, porque saben que somos os únicos capaces de aglutinar a canalizar a resposta social, poñendo en cuestión e mesmo en risco a aplicación de todas estas medidas antisociais e antiobreiras.
Non pensemos que estas campañas que, inicialmente, se están centrando en minar a credibilidade do sindicalismo español de corte pactista, non nos van facer dano a nós. Se ben é certo que o sindicalismo nacionalista ten un plus de resistencia no sentido de que está conformado e constituído en base ao enfrontamento aos poderes, tamén é verdade que ese desgaste tamén nos afecta, porque o que se pon en cuestión é o sindicalismo no seu conxunto e temos que ser capaces de dar unha resposta acaída a todos estes ataques, para minimizar o seu efecto.