Lei 2/2013: un paso atrás na protección do litoral

Baixo o rimbombante título de LEY DE PROTECCIÓN Y USO SOSTENIBLE DEL LITORAL, o PP vén de aprobar en solitario a Lei 2/2013 que modifica a Lei de Costas de 1988, unha lei que na práctica –e lonxe de incidir na súa protección- aposta abertamente pola privatización do litoral e pola desaparición do dominio público. Con seguridade é no seu preámbulo, na declaración de intencións da Lei, onde se recolle todo o seu espírito protector: “… a protección da costa española constitúe un deber inescusábel para os poderes públicos, e tamén para os cidadáns e a sociedade en xeral”; “O litoral é un ecosistema sensíbel e vulnerábel que precisa protección, acadala é un obxectivo fundamental desta reforma”. Dificilmente se poden atopar reflectidas no seu articulado estas loábeis intencións. E aínda que, por forza, teño que limitar a miña análise a aqueles aspectos que como veciño de Pontevedra –e pola miña implicación na defensa da Ría- máis preocupación me espertan, non podo deixar de subliñar algún outro aspecto negativo desta nova lei. Trátase dunha lei que fai excepcións, que permite que unha ducia de núcleos costeiros (elixidos no mellor dos casos sen criterios coñecidos) poidan quedar exentos do seu cumprimento, un aspecto que –ao meu entender- é en si mesmo causa de inconstitucionalidade da lei; dunha lei que reduce en moitas zonas a franxa de protección da costa de 100 a 20 metros; que deixa sen protección a moitos humedais costeiros e dunas e que mesmo ignora as con- secuencias que o cambio climático poida ter sobre o noso litoral. Trátase, en definitiva, dunha lei que supón un grave retroceso na protección do noso litoral.

Pero se algo define o afán privatizador da lei, é o recollido no seu artigo segundo, no que se introduce a posibilidade de prorrogar ata 75 anos as concesións existentes en terreos de dominio público marítimoterrestre; a aplicación desta prórroga, xunto coa permisividade á hora de realizar transmisións das citadas concesións, establece unha liña ben feble entre o público e a propiedade privada, impedindo na práctica o uso e disfrute do dominio público á sociedade civil. O límite establecido pola Lei de Costas de 1988, que fixaba o 2018 como data última para a recuperación das concesións, será papel mollado coa aprobación da nova lei.

E como consecuencia deste espírito privatizador do litoral, ábrese unha porta á permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra máis alá do 2018, ano no que finaliza a súa concesión. De acordo coa nova Lei de Costas, ENCE –ao se tratar dunha empresa pasteira- non poderá obter de forma automática a prórroga para a continuidade da súa actividade en Lourizán, que estaría supeditada á emisión dun informe favorábel da Xunta de Galicia, informe que –de acordo co recollido na Lei- sería “determinante” para a toma de decisión polo goberno central que, en calquera caso, sempre podería aducir razoadamente o “interese xeral” para pasar por riba do informe autonómico. Na interpretación que cada quen faga do cualificativo “determinante”, un termo calculadamente impreciso pero que leva a Xunta de Galicia a manter a posición de que neste tema o goberno galego vai ter a “última palabra”, pode que estea a chave.

É preciso lembrar aquí que no PP galego –e na Xunta de Galicia por boca de moitos dos seus membros, incluído o seu Presidente- viñan asegurando que ían impedir a permanencia de ENCE e ELNOSA en Lourizán; mesmo se atrevían a dicir –ben sei que coa boca pequena- que a nova Lei de Costas non mudaba en nada o tema: ENCE, con modificación ou sen modificación da lei tería que abandonar Lourizán no 2018. E gabábanse de ser os primeiros en fixar unha data para sacar ENCE e ELNOSA da Ría. Grazas ao PP, ELNOSA abandonaría Lourizán o 2014 e ENCE no 2018. Convén non esquecelo, pero convén –sobre todo- facérllelo lembrar a eles, xentes de fraca memoria ás que calquera pretexto serve para mudar de posición.

Faltoulles tempo! Aproveitando a situación de crise e sen o máis mínimo rubor, atrévense a falar xa –abertamente en moitos casos- da necesidade de manter ENCE en Lourizán máis alá desta data. Ao berro de TODO POLA PASTA! tanto o Sr. Louzán (presidente do PP en Pontevedra) coma o propio Presidente da Xunta veñen de nos facer saber agora que a presenza de ENCE en Lourizán é cuestión crucial para o desenvolvemento económico de Galicia. Decátase o Sr. Louzán (ao recoller unha subvención de ENCE para bolsas de estudo) de que o traslado de ENCE é inviábel, e pola súa banda o Sr. Núñez Feijóo deixa en función dos cartos que poña ENCE sobre a mesa a súa continuidade ou non en Lourizán. E xa non se trata só de posicións particulares de membros do PP; non son casos individuais de vocación tardía á relixión de ENCE. Non hai moito, no Parlamento galego, o PP en pleno deixou constancia da súa adscrición ao novo credo. Esquecen, unha vez máis, que non hai tanto que asinaron un acordo parlamentar polo que todas as forzas esixían a saída desta empresa do seu actual emprazamento no 2018. Sen comentarios!

Por se alguén tiña dúbidas, se algo queda claro a estas alturas é que no tema de ENCE quen manda é a empresa; que o que paga manda e que a PASTA de ENCE, libre de cloro pero cun tufo a chantaxe que tira para atrás, vai seguir tentando dirixir a política da Xunta en materia medioambiental.

E, así as cousas, que facer? En primeiro lugar, tomarlle a palabra á Xunta e esixirlles que a cumpran, que non admitan chantaxes e impidan a prórroga máis alá do 2018. E esixirlles tamén que cumpran a sentenza do Supremo que anula o acordo de supramunicipalidade de Fraga e –ao tempo- a Autorización Ambiental (AAI) da pasteira; que paralicen a súa actividade industrial en tanto non dispoña dunha nova AAI que, esta vez si, terá que contar co Informe de compatibilidade urbanística do Concello de Pontevedra.

Temos que facerlles ver que esta política de conivencia coa empresa pode facer que, cando chegue o momento de darlle a prórroga a ENCE, non sexan eles os encargados de facelo. A batalla vai ser dura, pero ímola gañar; por xustiza, por dignidade, coa mobilización social e pola vía xudicial. Porque o saneamento da Ría e a creación de emprego de calidade non poden agardar máis.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Arredista en papel nº21

Data: xullo de 2021 Esta novo número do ‘Arredista!’, ademais de cumprir co habitual número que lanzamos o Día da Patria, supón o décimo aniversario na súa edición ininterrompida desde aquel primeiro número en xullo de 2009. Nesta andaina a

Arredista en papel nº20

Data: xullo de 2018 Van xa vinte números desde que, en 2009, decidimos criar a revista Arredista! como espazo de comunicación do Movemento Galego ao Socialismo. Nas súas follas, que foron saíndo cumpridamente a cada Primeiro de Maio e a

Arredista en papel nº19

Data: maio de 2018 Hai un mundo onde, hoxe — mentres les este editorial —, habería unha nova república a nacer aos pés do Mediterráneo. Nese mundo, as persoas non son encarceradas por defenderen a soberanía dos seus países, nen

Arredista en papel nº18

Data: xullo de 2017 Neste novo Día da Patria o noso país continúa sumido nas consecuencias da crise, a pesar da propaganda dos gobernos galego e estatal sobre unha suposta recuperación. Analizamos, pois, de forma demorada, os pasos que desde