O feminismo galego recuperou este 8 de marzo a unidade de acción contra as políticas conservadoras do capital. Despois de moitos anos de falta de entendemento e diverxencias en canto aos campos de acción de loita no país o movemento feminista reuniuse novamente para articular unha campaña nacional conxunta que dese resposta aos ataques das políticas neoliberais e ultracatólicas que o Partido Popular aplica dende a súa chegada primeiro ao goberno da Xunta e máis tarde ao goberno do Estado.
A Campaña ‘Mulleres en loita polos nosos dereitos’ recuperou un espazo de reflexión, debate e entendemento no que o movemento feminista traballou, dende as súas diferentes ópticas, para elaborar unha táboa de reivindicacións e exixencias como o dereito ao aborto libre e gratuíto, medidas e recursos para a erradicación da violencia machista, sanidade pública, universal e gratuíta con especial atención á saúde das mulleres, prestacións sociais e pensións dignas, equiparación laboral para as traballadoras do fogar, garantía de plenos dereitos para as persoas migrantes, medidas para eliminar a feminización da pobreza e para garantir igualdade laboral, dereito a escoller e gozar da sexualidade libremente, a coeducación, medidas para garantir unha vida plena ás persoas con diversidade funcional, aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias, medidas para favorecer a atención aos coidados… Reivindicacións que se traballaron a través de palestras, proxeccións, exposicións, actos de rúa e que culminaron na mobilización nacional do domingo 11 de maio.
Catro anos despois do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres celebrado en Vigo que supuxo unha das maiores mobilizacións feministas do noso país, a campaña conseguiu encher, nun ambiente festivo e reivindicativo, as rúas de Compostela de colectivos, organizacións e mulleres de todo tipo que reclamaron xuntas os seus dereitos. Esta campaña conxunta e o seu éxito, tanto das actividades locais como da mobilización nacional, amosa a forza que ten o movemento feminista na Galiza e a necesidade de revitalizalo para dar resposta aos ataques que sofren as mulleres.
O feminismo (os feminismos), como parte dos movementos sociais na Galiza, ten pasado por momentos de incerteza e fraqueza coa multiplicación dos referentes e a atomización das organizacións, mais, a diferenza doutros, mantén a súa capacidade de entendemento e de acción colectiva como unhas das súas maiores fortalezas, como se ten demostrado este 8 de marzo.
Compre, dende as diferentes realidades e reflexións, dende as diversas análises e prácticas feministas, dende a pluralidade dos feminismos, contribuír a reforzar esta unidade para facer fronte aos cada vez maiores recortes de dereitos e ataque ás liberdades das mulleres. Só cun movemento feminista forte, plural, poliédrico e diverso é posíbel artellar dende todas as frontes a resposta necesaria ao capitalismo e ao seu mellor aliado: o patriarcado.
Perder todos os dereitos, recuperar todas as loitas.
A necesidade dun movemento feminista forte reside tamén na forza dos ataques que se lanzan contra os dereitos das mulleres nun momento no que non só son as políticas económicas de precarización laboral ou salarial das mulleres ao que hai que enfrontarse, senón todos os ataques da dereita ultracatólica que están a elaborar leis e medidas que sitúan ás mulleres en épocas pasadas, cun discurso que devolve a familia nuclear ao centro da vida das persoas e relega as mulleres ao rol tradicional de nais e esposas.
Dende os sectores máis reaccionarios emprégase a coartada da crise para agudizar a situación de precariedade e desigualdade laboral e social das mulleres. Así, o PP desmantela dende a súa chegada á Xunta todos os avances en materia de políticas de igualdade que se tiñan dado ata o de agora e ataca os dereitos conquistados polas mulleres nos últimos anos.
Unha das primeiras decisións do executivo de Feijóo foi a eliminación do Servizo Galego de Igualdade e das oficinas de I+B, seguiron a eliminación do programa ENTENDO que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo LGTB, a eliminación do orzamento do Plan concertado da Seguridade Social que inclúe o Servizo de axuda no Fogar e a perda dos postos das auxiliares do SAF, eliminou o programa Preescolar na casa, cancelou a posta en marcha do servizo ‘Kanguros’, abandonou os plans de saúde de Atención á Muller, subiu as taxas das garderías, duplicou as taxas dos comedores escolares, reduciu nun 377% os programas destinados a accións para a igualdade, protección e promoción das mulleres, á metade as axudas por fillas/os menores de 3 anos e paralizou o Plan Galego de Emprego Feminino contemplado na Lei 2/2007.
Pero todos estes recortes pola ‘austeridade’ non poden esconder que as políticas aplicadas son fondamente ideolóxicas, como a aprobación do Plan de apoio á muller embarazada que relega as mulleres ao rol de nais, que dá dereitos aos ‘non nacidos’ facendo que conten como membros da unidade familiar mentres nos nega ás mulleres o dereito a acudir a un especialista a realizar unha revisión postparto.
A esta precarización da vida das galegas con todos os recortes feitos dende a Xunta seguen as políticas conservadoras do PP na súa chegada ao goberno do Estado: unha reforma laboral que dispara o desemprego, a precariedade e aumento da temporalidade xa alta do emprego feminino e unha reforma das pensións que incrementan a desigualdade e a dificuldade das mulleres para acadar unha xubilación xusta.
Estas reformas, xunto co anuncio de volver incluír o aborto no código penal devolven a tutela sobre as nosas vidas, a nosa sexualidade e a nosa maternidade ao estado tras anos de loita feminista para conseguirmos ser máis independentes e máis libres. Ante esta situación é que o movemento feminista debe cobrar maior protagonismo, como neste 8 de Marzo, reaxir con forza para mobilizarse na defensa dos dereitos das mulleres e saír ás rúas a reclamar que no noso corpo non mandan os conservadores e nas nosas vidas non manda o capital.